NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do Centro Recreativo União do Rio Tea

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía varios libros de actas da sociedade Centro Recreativo União do Rio Tea (CURT). É unha das últimas entidades de emigrantes galegos creadas no Brasil, que non só segue activa, senón que é das máis dinámicas na promoción e preservación da cultura galega no estado da Bahía. O material difúndese no marco do proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega, que ten como obxectivo poñer en valor fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

“En un rancho mío, bajo unos árboles que nos recordaban las carballeiras de nuestra tierra, nos juntamos 43 personas de Puenteareas y sus alrededores y decidimos comprar un terreno y fundar el Club”. Julio Ucha explicou así constitución desta entidade da que foi tamén o seu primeiro presidente. Chamouse Centro Recreativo União do Rio Tea (CRURT), aínda que tamén coñecido como Clube Recreativo União do Rio Tea. Os libros de actas que se poñen na rede nesta entrega permiten achegarse á historia e traxectoria desta entidade situada no municipio metropolitano de Lauro de Freitas.

A entidade contou co seu propio grupo folclórico, denominado «Coral Airiños do Tea», así como o «Grupo de Baile Galego». Unha liña de traballo que non abandonou e na actualidade, o baile e a música tradicional son ofrecidos por agrupacións como Caballeros de Santiago, As Meigas, Os Celtas e EDACE (Escola de Dança Arte e Cultura Galega e Espanhola). Celebra anualmente a festa de «Nossa Senhora dos Remédios», cunha sesión que conta con oficio relixioso, xantar máis diferentes actividades deportivas e culturais. Como moitas outras entidades, a súa forma xurídica é unha asociación de recoñecida utilidade pública, sen fins de lucro, que organiza actividades de lecer pero tamén presta servizos asistenciais á comunidade de Lauro de Freitas, tendo un impacto social recoñecido polas autoridades municipais.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.

Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Alianza Céltigos, Incio; Corbelle y sus contornos; Carballiño y su partido, a Liga Santaballesa de Educación e instrución, Progreso de Lanzós, El valle del oro, do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.