A mostra non segue un percorrido temporal nin xeográfico. As comisarias decidiron afastarse dese esquema para “amosar unha visión da emigración centrada na figura e no papel transxeográfico e transtemporal da muller galega”, en palabras de María Alonso. Segundo explicaron, existía un baleiro significativo nesta temática. Por iso, hai máis de tres anos iniciaron un proceso de busca que permitise atopar outra ollada, en diálogo coa renovación historiográfica dos estudos migratorios e de xénero e recoñecendo tamén o traballo previo realizado neste ámbito. “Partiamos de moitos silencios”, apuntou Keina Espiñeira, “pero atopamos moitas voces e historias con enorme forza”.
Seis verbos de acción como fío condutor
O relato da exposición articúlase en seis apartados que toman o seu nome doutros tantos verbos de acción vinculados co feito migratorio. A mostra constrúese como un diálogo entre fondos documentais, recursos audiovisuais, obxectos persoais e outros materiais de creación, algúns deles producidos para a propia mostra.
O percorrido comeza con Saírmos, que afonda nas razóns e nas formas da partida. Unha instalación composta por maletas de diferentes épocas e procedencias convida a reflexionar sobre o proceso de saída. Documentación persoal, pasaportes, autorizacións maritais ou estatísticas oficiais cuestionan a imaxe de inmobilidade das mulleres e desmontan a idea de que a emigración foi un fenómeno protagonizado unicamente por homes. Neste apartado destaca a historia da cineasta galega Cruz Martínez Risco, filla de Vicente Risco, que abre a mostra. Un lenzo branco convida a imaxinar a proxección de Por que marchamos?, unha peza documental, hoxe desaparecida, realizada pola cineasta galega na diáspora e o Grupo 4 en 1977.
O segundo espazo, Emancipármonos, explora as novas oportunidades de formación e os ámbitos de liberdade que se abriron para moitas emigrantes. “A exposición mostra tanto as novas posibilidades que se abrían ao cruzar fronteiras como as situacións de violencia, explotación ou abuso que tamén acompañaron as diferentes vagas migratorias” apunta Antía Pérez.
Traballarmos afonda nos oficios, remunerados e non remunerados, que desenvolveron as mulleres emigrantes, así como na súa representación. Destacan os documentais filmados en super8 por Carlos Asorey, nos que recollen as mulleres galegas a finais dos anos 70 en París: desde as tomas no interior dunha portaría parisiense ata as escenas de rúa nas que vemos mulleres moverse pola cidade e traballar en diferentes contornos domésticos. Esta sección incorpora tamén unha peza editada ad hoc para a exposición en forma de diario videográfico en primeira persoa (2013-2015), gravado por Lucía Latorre, bióloga emigrada nas illas Seychelles, con montaxe de Alba Domínguez Serén, e que dialoga cos procesos da chamada nova diáspora.
No espazo Recoñecérmonos, a exposición reflexiona sobre as formas de representación das mulleres nos procesos migratorios. Nel cuestiónase a mirada masculina dominante e a propia imaxe estereotipada da muller emigrante. A mostra aborda tamén novas formas de autorrepresentación nas que as mulleres deixan de ser só retratadas para converterse en creadoras do seu propio relato. “Son as que collen a cámara, o lápis ou a palabra para contar as súas historias” apunta Keina Espiñeira. Neste apartado inclúense fondos fotográficos familiares, como o de Tini de Andrés, que coa súa cámara retratou as súas vivencias en Nova York. Tamén se presenta unha instalación creada ad hoc por Ana Choucino a partir dos seus arquivos persoais durante os anos que viviu en Edimburgo e posteriormente en Barcelona, en diálogo cos fondos do Arquivo da Emigración Galega. Outro dos relatos presentes é o de Margarita Vázquez-Ponte, nada en Vila de Cruces que foi guitarrista e cantante destacada da escena do rock independente en Escocia nos anos oitenta e noventa. A súa historia preséntase a través dun vídeo experimental no que, no seu inglés mestizo, comparte receitas galego-escocesas.
A dimensión política da emigración está presente no apartado Loitarmos, que mostra como as mulleres da diáspora galega non estiveron unicamente ligadas aos tradicionais comités de damas ou ás chamadas quintas de saúde, senón que tamén impulsaron iniciativas sociais e políticas de grande alcance. A exposición recupera a historia da sociedade Hijas de Galicia e inclúe algunha dramatización, como a do discurso de Andrea López Chao, na que se aborda tamén os inicios do movemento sufraxista e doutros movementos internacionais. Entre as reivindicacións que aparecen na mostra figuran as campañas para levantar hospitais accesibles para toda a comunidade emigrante, as demandas por alugueiros xustos ou as loitas das Nais e Avoas da Praza de Maio na procura das persoas desaparecidas durante a ditadura arxentina.
O percorrido remata con Compartirmos, un espazo dedicado ao lecer e aos lazos comunitarios creados nas colectividades emigrantes. Neste apartado emerxe a figura de Ana Kiro, artista que desempeñou un papel importante na reivindicación da lingua galega e que nas súas cancións cuestionou as imaxes estereotipadas da emigrante. A súa propia historia persoal, como muller solteira emigrante que rompeu numerosos teitos de cristal, cobra protagonismo.
Materiais emerxidos
Os materiais presentes na exposición son froito dun intenso traballo de investigación e localización. Entre as principais fontes destacan os fondos do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, que conserva materiais depositados por particulares, fondos adquiridos e numerosos recursos documentais que permiten ofrecer unha nova lectura da emigración galega.
A mostra incorpora tamén materiais da Fundación Vicente Risco, da Filmoteca de Galicia e de organizacións sociais e políticas da diáspora, como Hijas de Galicia ou a Liga Santaballesa. Colaboraron tamén o CGAC, RTVE e a CSAG na cesión de obras de arte e fondos documentais. A esta rede documental súmanse tamén achegas de colectivos e artistas vinculados á emigración, como Ialma, FaltrUKeiras e Panforreteiras e moitas outras voces.
A exposición conta ademais cunha banda sonora propia elaborada pola musicóloga galega afincada en Glasgow Eva Moreda, que se escoitará de fondo na mostra. Está construída como unha viaxe sonora pola memoria da emigración galega, combinando gravacións históricas e creacións contemporáneas. A selección inclúe rexistros clásicos das primeiras décadas do século XX, como as interpretacións de Maruja Villanueva ou Ofelia Nieto editadas na Arxentina e en Barcelona, xunto con coros e agrupacións vinculados ás colectividades galegas da diáspora. A estes materiais súmanse cantos tradicionais recompilados no Mapa Sonoro de Galicia e pezas que evocan a cultura popular transmitida polas mulleres. O percorrido complétase con voces da música galega recente e contemporánea, como Belém Tajes, Ialma ou as Oxford Pandeireteiras.
Actividades de ida e volta
A mostra está concibida tamén como un espazo vivo que convida a xerar novos relatos e experiencias arredor da emigración. Para iso habilitáronse diferentes actividades complementarias e dispositivos de mediación cos públicos. Entre elas inclúense visitas guiadas e un espazo específico dentro da exposición pensado para a interacción e a recollida de testemuños. Nas vindeiras semanas abrirase tamén o prazo de inscrición para o obradoiro Un lenzo branco, no que as persoas participantes poderán indagar máis sobre os relatos das mulleres da emigración que lles son propios e poñelos en diálogo con outros.
De maneira paralela, e coincidindo coa apertura da exposición, a Filmoteca de Galicia programa unha sección específica dentro do ciclo Olladas de muller, dedicado a películas que abordan a emigración desde perspectivas femininas. Nelas ráchase coa imaxe estereotipada da muller emigrante: sacrificio, espera, subalternidade. “Aquí a muller é autora, é mirada e voz, e transforma a maneira de contar historias”, explican as comisarias do ciclo, Beli Martínez e Keina Espiñeira.



