----

Unha xornada afonda na conexión entre xornalismo e literatura a propósito de Begoña Caamaño

Que pode ter de literario unha columna de opinión ou unha reportaxe? Existe unha escrita novelesca atravesada polo estilo xornalístico? Son algunhas das cuestións que pretende responder a xornada “Non hai fronteiras (ou si?): xornalismo e literatura nas letras galegas” que organiza este luns 23 de marzo (19:45 horas) a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Dolores Vilavedra. Marta Veiga Izaguirre é a responsable desta sesión que contará coa presenza de Manuel Rivas, Ledicia Costas, Ismael Ramos, María Solar e Santiago Jaureguízar, entre outros nomes de literatura e do xornalismo. A xornada, que se pode seguir en directo desde o web e a canle de YouTube, aborda a conexión entre literatura e xornalimo a partir da figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas.

A sesión parte da figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, para abordar a conexión entre a literatura e o xornalismo. Para iso, o programa explora como ambos os dous eidos que Caamaño transitou, xeran interesantes interseccións.

Voces destacadas da cultura e do xornalismo
A sesión comezará coa mesa “Tres voces arredor da Begoña Caamaño xornalista”, moderada pola coordinadora da xornada Marta Veiga. Nela participarán María Xosé Porteiro, xornalista, escritora e política cunha ampla traxectoria nos medios de comunicación e na vida pública galega; Ramón Nicolás, profesor, crítico literario e investigador, autor de numerosos traballos sobre literatura galega contemporánea; e Lucía Junquera, xornalista cultural cunha destacada experiencia en medios de comunicación e na divulgación cultural. As tres intervencións ofrecerán unha aproximación á dimensión xornalística de Caamaño e ao seu lugar no panorama mediático galego.

A continuación terá lugar a conversa “As lindeiras entre literatura e xornalismo”, protagonizada por dúas figuras centrais da literatura galega actual: Ledicia Costas, unha das narradoras máis recoñecidas da súa xeración e gañadora de premios como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e Manuel Rivas, escritor, xornalista e membro da Real Academia Galega, autor dunha obra narrativa, poética e ensaística amplamente traducida e recoñecida internacionalmente. A conversa estará moderada por Montse Pena Presas, investigadora e crítica literaria especializada en literatura galega contemporánea e literatura infantil e xuvenil.

Escrita literaria e medios de comunicación
Xa pola tarde desenvolverase a mesa “Escritoras nos medios. Nós tamén opinar”, moderada por Montse Pena Presas. Nela participarán Ismael Ramos, poeta e narrador cunha destacada presenza na nova literatura galega e colaborador en diversos espazos culturais; Antía Yáñez, escritora e tradutora cunha sólida traxectoria narrativa e presenza habitual en columnas e intervencións nos medios; e Susana Sánchez Aríns, poeta, narradora e investigadora, autora dunha obra marcada pola reflexión histórica e social. A mesa abordará o papel das voces literarias nos espazos mediáticos e a súa contribución ao debate público.

A xornada pecharase ás 18:00 horas coa mesa “Xornalistas no prelo. Nós tamén publicar ficción”, moderada por Marta Veiga Izaguirre. Participarán María Solar, xornalista e escritora cunha ampla obra narrativa dirixida tanto ao público adulto como infantil e xuvenil; Santiago Jaureguizar, xornalista cultural, crítico e autor de diversas obras narrativas; e Nicolás Carreira Pena, xornalista e escritor pertencente ás novas voces da literatura galega, que combina o traballo nos medios coa creación literaria.

Sección de lingua, literatura e comunicación
Esta actividade insírese no ámbito de traballo da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG que está coordinada por Dolores Vilavedra Fernández e conta coa participación dun equipo de especialistas de recoñecido prestixio no ámbito filolóxico, literario e comunicativo. Forman parte desta sección Renée DePalma Úngaro, Elisa Fernández Rei, Rosalía Fernández Rial, Benigno Fernández Salgado, Ana Iglesias Álvarez, Ana Luna Alonso, Montserrat Pena Presas, Marta Veiga Izaguirre e Nel Vidal Barral.