A exposición abre as súas portas cunha sesión de relatorios con intervencións de Xosé Maceda sobre a transmisión dos coñecementos e as técnicas construtivas; Ricardo Polín, que abordará a figura da Cega de Miranda que abordou no estudo “Dolores, A Cega de Miranda (na súa noite máis clara)”; e Suso Vaamonde, que tratará o instrumento na actualidade, con novas técnicas de interpretación. Os relatorios pechan coa participación en directo do Grupo de Música Tradicional da Asociación Ourensá de Folclore, ademais da presentación de estudos acústicos e do método “Nova técnica de pandeireta galega”.
A mostra
A mostra pretende “achegar a diferentes públicos (estudantes do instrumento, público infantil, pero tamén profesionais…) o estado actual da pandeireta en Galicia”. Así o afirma Luciano Pérez, comisario da exposición, que considera que, malia ser un instrumento moi popular, “é un gran descoñecido por todas as innovacións elaboradas polos diferentes mestres artesáns”.
A mostra achega o labor dos distintos mestres nas súas técnicas particulares de utilización de materiais, sistemas de tensado e acústica, e permite ver, a través de sete vitrinas, o trazado do conxunto en Galicia. Comeza cunha selección de instrumentos históricos, como a pandeireta do mestre artesán Manuel Fernández Martínez, o vello Barranco, que custou 20 pesetas no ano 1947, ou unha pandeira da colección do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, da que se descoñece o seu artesán, pero que é centenaria. Nesta vitrina inclúese tamén a pandeireta do primeiro artesán do que se ten noticia por gravar o seu nome no instrumento, Gonzalo Álvarez Martínez.
“Imos amosar fontes documentais e técnicas de construción; poderemos ver o despece do instrumento e, ademais, escoitar audios sobre o son particular de cada un destes instrumentos”, apunta Luciano Pérez.
A mostra tamén aborda a evolución dos parches, tradicionalmente feitos coa pel de ovellas e cabras, que foron evolucionando primeiro mediante o uso das mesmas peles, pero con distintos tratamentos (estabilizantes, curtidos, tinguidos, encolados…), ata chegar á simulación sintética (plásticos, vinilos e outros materiais) deses mesmos parches naturais, con vantaxes tecnolóxicas que melloran a súa estabilidade e afinación. Analízase tamén a evolución das ferreñas, orixinariamente de ferro e que hoxe en día son de folla de lata cun baño de estaño de distintos grosores e formas (lisas, feitas con matriz, rizadas ou simplemente dobradas á man). Cada artesán emprega a súa propia técnica, o que condiciona a intensidade do son.
A mostra conta tamén cun conxunto de prendas orixinais da cantareira da Chisca, Josefina Caeiro Freire, nada en 1926, así como recreacións realizadas no ano 1986 pola cantareira de Rois, Mercedes Autrán Romero. A exposición comezou a súa itinerancia en Lugo, desde onde se trasladou a Pontevedra e Ferrol.



