NOTICIA

----

O Arquivo Sonoro de Galicia pon na rede conferencias inéditas de Otero Pedrayo polo 50 cabodano

Este venres, 10 de abril, cúmprense 50 anos do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888–1976), profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e xornalista, e unha das figuras máis completas e influentes da cultura galega. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra con novos materiais arredor da figura do polígrafo ourensán. Hoxe póñense na rede seis rexistros sonoros inéditos preservados no Arquivo Sonoro de Galicia que recollen intervencións do autor durante a súa viaxe que realizou en 1959 convidado polo Centro Galego de Bos Aires.

Estas gravacións, nas que se conserva unicamente a voz do propio Otero Pedrayo, constitúen un testemuño sonoro da súa oratoria, do seu pensamento e do seu compromiso coa cultura galega no exterior. Son conferencia que se producen no contexto das Xornadas Patrióticas Galegas organizadas pola colectividade emigrante que xurdiron como resposta á necesidade de dotar o 25 de xullo dun contido que excedese o mero feito relixioso, e foron medrando en prestixio ata converterse nun acontecemento sen parangón entre as colectividades estranxeiras radicadas no país, tanto pola súa periodicidade como pola súa amplitude. O Centro Galego era unha das principais institucióna que desenvolvían actividade cultural arredor desta data. Entre os materiais publicados inclúese a conferencia "Cinco noites en Compostela. Clausura das Xornadas Patrióticas Galegas", gravada no Centro Galego de Bos Aires o 31 de xullo de 1959, na que o autor ofrece un percorrido evocador polas rúas de Compostela e pola súa historia, cunha prosa suxestiva que invita a ser escoitada mentres se percorre a cidade, especialmente en días de chuvia. Tamén forma parte desta selección a súa intervención na homenaxe ao mestre José Pazos, celebrada no Centro Lucense o 19 de xullo dese mesmo ano, onde louba a figura do músico nunha breve mais intensa peza de carácter patriótico.
Así mesmo, recóllese a súa participación na inauguración das Xornadas Patrióticas Galegas no Teatro Avenida, o 19 de xullo de 1959, onde, como convidado de honra, agradece as palabras de presentación e exalta a lingua e a paisaxe galegas como sinais identitarios do pobo galego. Complétase a selección coa conferencia La Universidad de Santiago de Compostela, pronunciada no Ateneo Ibero-Americano o 18 de agosto de 1959, na que realiza un amplo percorrido pola historia da Universidade de Santiago de Compostela desde a súa fundación en 1495, evocando figuras ilustres e espazos de grande valor histórico e artístico.

Por último, inclúese tamén a intervención na inauguración do curso de AGUEA, celebrada no Centro Galego o 19 de agosto de 1959, na que Otero Pedrayo desenvolve unha reflexión profunda sobre o espírito galego, amosando a súa ampla erudición e deténdose especialmente en aspectos da historia da arte, nomeadamente nas etapas románica e barroca.

A publicación destes audios permite recuperar e difundir unha parte esencial do legado oral de Otero Pedrayo, ao tempo que contribúe a poñer en valor a intensa actividade cultural desenvolvida pola emigración galega en Bos Aires a mediados do século XX. Trátase, en definitiva, dunha oportunidade única para escoitar directamente a voz dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega contemporánea.

Unha páxina en permanente actualización
En xaneiro deste 2026, no marco do “Ano Oteriano” que celebra o 50 cabodano, o CCG abriu na rede un espazo que concentra todos os recursos elaborados pola institución ao fío do patriarca das letras galegas. Discursos, epístolas, publicacións, gravacións sonoras, especiais, a entrada biográfica e outros fondos documentais (artigos, manuscritos, etc.) compoñen este espazo que estará en permanente actualización.