A xornada pretende reflexionar sobre a lingua cando se veñen de cumprir os corenta anos da creación da Radio Galega e da Televisión de Galicia. Catro décadas nas que os medios públicos contribuíron de maneira decisiva á configuración dun ecosistema comunicativo no que o galego acadou presenza estable en información, ficción, entretemento e dobraxe.
A xornada ten como obxectivo facer balance deste percorrido e, ao tempo, identificar as necesidades actuais nun contexto marcado pola dixitalización e pola competencia entre plataformas. O encontro está orientado a abrir un debate plural sobre o papel do galego nas pantallas, incidindo na necesidade de políticas lingüísticas máis sólidas, recursos profesionais suficientes e modelos de produción innovadores que garantan diversidade e proxección.
Programa
O programa comeza coa intervención de Benigno Fernández Salgado, profesor da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e investigador de referencia no ámbito da planificación e políticas lingüísticas, quen ofrecerá unha análise sobre a evolución do galego nos medios públicos e as perspectivas de futuro no actual contexto mediático.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda centrada no balance crítico das políticas lingüísticas e do asesoramento na Radio Galega e na Televisión de Galicia. Nela participarán Paulino Novo, coordinador de asesores lingüísticos da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e figura clave na definición dos criterios de calidade lingüística; Antón Dobao, escritor, profesor e asesor lingüístico da TVG con ampla traxectoria no ámbito audiovisual; e Luz Méndez, académica correspondente da Real Academia Galega e asesora lingüística, cunha dilatada experiencia na normalización do galego nos medios. A sesión será moderada por Carme Hermida, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en didáctica da lingua.
Na sesión da tarde, a mesa “Voces e corpos da lingua” porá o foco na dobraxe como ferramenta esencial para a difusión do galego no audiovisual. Participarán Charo Pena, actriz e directora de dobraxe cunha extensa carreira en teatro, televisión e dobraxe; Miguel Pernas, actor con ampla experiencia no ámbito audiovisual e na dobraxe en galego; e Luís Iglesia, un dos rostros máis recoñecidos do cinema e da televisión galega, cunha sólida traxectoria tamén na dobraxe. A mesa estará moderada por Marta Veiga Izaguirre, profesora da USC e investigadora no eido dos estudos culturais e audiovisuais.
A xornada pecharase coa mesa “A dobraxe en galego: dignificación e visibilidade”, centrada nos retos actuais do sector desde a perspectiva da tradución audiovisual e a profesionalización. Intervirán Xoán Montero Domínguez, profesor da Universidade de Vigo e especialista en tradución audiovisual; Rosa M.ª Camiña Pérez, tradutora audiovisual con ampla experiencia en dobraxe; Manuel Arca Castro, tradutor, actor de dobraxe e docente na Escola Oficial de Idiomas da Coruña; e Ana M.ª Fernández Fernández, especialista en tradución audiovisual e control de calidade lingüística. A mesa estará coordinada por Ana Luna Alonso, profesora da Universidade de Vigo e investigadora destacada no ámbito da tradución e das industrias culturais.



