A xornada, mediada e documentada por Leonardo Ezequiel Casado, comezará coa elaboración dunha cartografía dos proxectos e iniciativas da provincia, que inclúe experiencias vinculadas á creación artística, á mediación cultural, á investigación social e ao traballo comunitario. Despois, desenvolverase unha dinámica de diagnose e reflexión compartida sobre a realidade cultural da provincia de Pontevedra, con especial atención á área de Vigo, especialmente no relativo ás prácticas culturais en contextos migratorios, ás condicións de acceso á cultura e ás dinámicas de representación e participación das comunidades diversas no ecosistema cultural.
Entre as persoas e proxectos participantes atópanse creadoras e profesionais de distintas orixes e disciplinas, como a música e creación escénica de Miriam Sandoval, o traballo en danza contemporánea e tradicións híbridas de Chechu Riquelme, ou a investigación sociolóxica sobre migracións de Iria Vázquez Silva. Tamén participan iniciativas de forte impacto social como a Orquestra Son das Flores, formada por nenos e nenas de 14 nacionalidades do colexio Vicente Risco de Vigo, ou proxectos de integración cultural como o coro Cantamañás impulsado por Emaús Galicia.
O encontro reúne ademais experiencias de mediación e acción social como ACCEM, Provivienda ou a Fundación Emaús, así como proxectos culturais e creativos como TeatroNontroppo, Amarelo Distribución ou a editorial FormasPress, centrada en literatura transfeminista e queer. No ámbito da comunicación destacan iniciativas como o pódcast Poniendo Voz ou o traballo de xornalistas como Laura Valdés e Aleida Naval, que achegan perspectivas migrantes ao relato mediático.
A diversidade de propostas complétase con achegas de artistas visuais, deseñadoras, músicas e creadoras procedentes de países como Arxentina, Colombia, Cuba, Irán, Marrocos, Senegal ou Ucraína, evidenciando a riqueza cultural do territorio e o papel da migración como motor de creación e intercambio.
Na xornada haberá unha sesión musical a cargo da DJ venezolana VerusK, que ofrecerá unha selección de músicas underground e latinas de distintas latitudes; así como unha dinámica de definición colectiva de propostas, na que se formularán accións concretas para orientar políticas e prácticas culturais desde unha perspectiva de dereitos culturais, interculturalidade e inclusión.
O proxecto
O programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz” nace como un espazo de escoita activa, diálogo horizontal e aprendizaxe mutua, co obxectivo d e situar os dereitos culturais no centro das políticas públicas e da convivencia intercultural. Coordinado por Paula Cabaleiro, Ruth Sousa e Encarna Lago, concrétase en catro sesións (escoitadoiros) nas catro provincias galegas, así como nunha sesión de posta en común que pretende incorporar voces diversas desde unha perspectiva interseccional, promovendo a participación real das comunidades migrantes e racializadas e contribuíndo á construción dunha cultura de paz baseada na xustiza social e na igualdade.
O proceso busca identificar barreiras, visibilizar boas prácticas e xerar coñecemento aplicado arredor do exercicio dos dereitos culturais en Galicia. A creación deste programa é a continuidade dunha liña de traballo que permitiu a realización do informe Acceso á cultura en Galicia, presentado o pasado mes de febreiro. A primeira sesión dos escoitadoiros tivo lugar en Friol, e alí se analizaron unha vintena de proxectos que se desenvolven na provincia de Lugo. De alí pasouse á Coruña onde se expuxeron unha trintena de proxectos.



