NOTICIA

----

Unha mostra e un congreso conmemoran os 50 anos do movemento feminista organizado en Galicia

“Eu tamén navegar” é o lema co que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora medio século de feminismo organizado en Galicia e reflexiona sobre a súa pegada social, política e cultural. Faino a través de dúas actividades que arrincan este venres en Santiago de Compostela. Pola mañá ábrese o congreso “Eu tamén navegar. Cincuenta anos de feminismo galego” que reunirá en varios espazos da cidade a investigadoras, escritoras, docentes, activistas, xornalistas e representantes do movemento feminista galego para analizar as distintas etapas, debates e transformacións producidas desde os anos setenta ata a actualidade. O congreso, que inaugura a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con María Xosé Agra e Carme Adán, pode seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución. Pola tarde terá lugar a inauguración da exposición “Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego” que visibiliza materiais de diferente tipo producidos e xerados por este movemento ao longo da súa traxectoria.

Tanto o congreso como a exposición sitúanse no marco dunha das liñas de acción do CCG que busca afondar nos movementos sociais e culturais previos á Transición e que son claves para entender a evolución da Galicia contemporánea.

O Congreso
Coordinado por un equipo liderado por Maria Xosé Agra Romero e formado por Carme Adán Villamarín, Montse Fajardo Pérez, Mariám Mariño Costales e Encarna Otero Cepeda, o congreso estrutúrase arredor das diferentes “ondas” do feminismo galego, entendidas como momentos históricos marcados por cambios nas políticas públicas, nos discursos sociais e nas formas de participación colectiva. Durante día e medio (venres na sede do CCG e sábado na facultade de Filosofía) intervirán especialistas como Carmen Blanco, referente do pensamento feminista e da literatura galega; Raquel Fernández e Mariám Mariño, que abordarán os primeiros anos do movemento feminista organizado; Natalia Paleo e Bea Suárez Briones, que analizarán os debates dos anos oitenta e noventa; Marta Lois e Ester Mariño, centradas nas transformacións políticas e sindicais; ou Vitoria Rey, Belén Puñal, Susana Pedreira e Daisy Alcalde.

A iniciativa pretende ofrecer unha reflexión crítica sobre os avances acadados e os desafíos pendentes, poñendo en valor o legado colectivo construído ao longo destas cinco décadas. Segundo sinala María Xosé Agra Romero, que ofrecerá a charla de peche do congreso, o obxectivo é “ver todo un legado para as mulleres e os cambios que se producen na sociedade e no mundo”, así como favorecer que “as novas xeracións coñezan a historia, porque ás veces dá a impresión de que se descoñece como chegamos ata aquí”. O encontro reivindica tamén a dimensión plural e colectiva do feminismo galego, un movemento que, en palabras da filósofa, “sempre tentou buscar unha transformación da sociedade” e que continúa a pensar os retos actuais “desde a reflexión colectiva e o diálogo”.

Exposición
Pola tarde, inaugurarase no Claustro Alto de Fonseca a exposición Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego, unha mostra que percorre a historia recente do feminismo en Galicia a través de documentos, materiais gráficos e testemuños conservados nos fondos do CDIF e de doazóns particulares.
A mostra traza este percorrido en tres bloques. O primeiro bloque, titulado «Donas de seu», engloba o agromar do Movemento Feminista Galego (MFG) no referido aos dereitos civís. O dereito a decidir sobre o propio corpo, a sexualidade ou a maternidade comparten espazo coa loita polo divorcio ou a abolición do adulterio. O segundo bloque colle no título parte dunha das consignas máis aclamadas nas manifestacións, «Mulleres somos, mulleres seremos; pero na casa non quedaremos», para agrupar a saída do fogar ao ámbito do traballo remunerado e da vida política, cultural e académica das galegas. No terceiro móstrase como as loitas feministas sempre estiveron en conexión coa defensa dos dereitos humanos e traballaron, man a man, co antimilitarismo ou o ecoloxismo. «As nenas malas van a todas as partes» plasma o espírito insubmiso e revolucionario dun movemento que acepta mal moldes e imposicións.