NOTICIA

----

Xinzo de Limia acolle o derradeiro escoitadoiro do ciclo “Migracións e Dereitos Culturais”

Xinzo de Limia acollerá este martes (a partir das 17:00 horas) o cuarto e último escoitadoiro do ciclo “Migracións e Dereitos Culturais” que organiza a Comisión de Xestión e Políticas Culturais, orientada a coñecer de primeira man as experiencias, necesidades e propostas da poboación migrante e dos axentes culturais de Galicia para avanzar na garantía dos dereitos culturais desde unha perspectiva intercultural. A coordinadora da comisión e secretaria do CCG, Paula Cabaleiro abre este encontro de traballo pechado ao público.

A comarca da Limia responde á súa condición de territorio raiano e á súa diversidade cultural, marcada pola presenza histórica da comunidade portuguesa e pola chegada, nas últimas décadas, de persoas procedentes do Magreb, América Latina e outros territorios. Trátase ademais dunha comarca que conta cun tecido asociativo activo e con iniciativas públicas e sociais orientadas á integración e á convivencia.

Baixo o título “Comunicación e Cultura de Paz”, o encontro porá o foco na transculturalidade, entendida como o proceso de interacción, intercambio e creación compartida entre culturas diversas. A través das experiencias das persoas participantes, abordaranse cuestións relacionadas coa creación artística, o acceso á cultura, a representación das comunidades migrantes e o papel que a cultura pode desempeñar na construción dunha sociedade máis inclusiva e cohesionada.

A sesión será dinamizada polo mediador e documentalista Leonardo Ezequiel Casado e combinará diferentes metodoloxías participativas. Tras unha primeira cartografía colectiva de persoas, proxectos e iniciativas presentes na provincia de Ourense, desenvolverase unha diagnose compartida sobre as oportunidades e dificultades que atopan as persoas migrantes nos ámbitos da creación, produción, comunicación, distribución e acceso á cultura. O encontro concluirá cunha dinámica de elaboración de propostas concretas destinadas a orientar futuras políticas públicas e prácticas culturais desde o enfoque dos dereitos culturais.

Entre as persoas participantes figuran profesionais e creadoras de traxectorias moi diversas: Patricio Mango, artista arxentino e impulsor do furancho cultural A Porta Azul; Luis Vázquez Ovalles, titiriteiro venezolano e director da compañía Luart; Camille Hédouin (MounQup), cantante e compositora franco-galega; Baba Sall, músico senegalés que desenvolve proxectos de intercambio cultural desde o rural galego; Carolina Atuesta, bailarina, xestora cultural e directora da Feira Revive; Sérgio Tannus, músico brasileiro residente en Galicia e referente dos intercambios culturais da lusofonía; Ariansis Reyes e Frank Elia González, artistas plásticos de orixe cubana; ou Rosa Trujillo Bolaño, psicóloga, poeta e dinamizadora cultural da Limia.

Tamén participarán profesionais do ámbito social e educativo como Daniel Bóveda Castro, coordinador territorial de ACCEM en Galicia; Belén Vallina, presidenta da Yaran Foundation; Gina Hernández, representante da Asociación Avante Ourense; Mercedes Vieites, artesá e formadora en procesos de integración a través da costura; Noemí Vázquez, docente de galego e promotora do espazo cultural A Arca da Noe; Jesús Deibe Fernández Simo, profesor da Universidade de Vigo e especialista en migracións; Nuria García Calvo, coordinadora da Fundación Juan Soñador en Ourense; ou Pablo Pérez, educador social e responsable do Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial de Quintela de Leirado.

A representación institucional contará coa participación de responsables e persoal técnico da Deputación de Ourense, do Concello de Xinzo de Limia, da Xunta de Galicia e do Concello de Vilardevós, reforzando o diálogo entre administracións, entidades sociais e sector cultural. Rematará cun resumo das principais reflexións da xornada por parte de Leonardo Casado e cunha actuación musical de Baba Sall.

Este cuarto escoitadoiro pon o peche a un proceso participativo desenvolvido nas catro provincias galegas co obxectivo de recoller reflexións e propostas que contribúan a fortalecer os dereitos culturais das persoas migrantes e a incorporar a diversidade cultural como un elemento central das políticas culturais galegas.