NOTICIA

----

Especialistas debaten sobre a sustentabilidade no turismo

“É posíbel un turismo sustentábel?” É o título da xornada coa que a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) xunta este martes (30 de xuño, 9:30 horas) a profesionais do ámbito da economía, a xeografía, o urbanismo, a xestión turística e o desenvolvemento local a reflexionar sobre os posibles modelos turísticos. A cita busca contrastar a análise académica cos casos reais de territorios e comunidades que viven diariamente os efectos do turismo. Dolores Vilavedra, presidenta do CCG, e Celia Pereira, coordinadora da sección e da xornada, abren esta sesión que se pode seguir en directo desde o web e a canle de YouTube do CCG.

O encontro pretende contribuír a un debate informado sobre o futuro do turismo en Galicia, analizando en que condicións pode converterse nun factor de desenvolvemento territorial equilibrado e cando, pola contra, pode xerar impactos negativos sobre os recursos naturais, o patrimonio e a vida das comunidades locais.

Abre a sesión Pau Alonso Monasterio, profesora da Área de Urbanismo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universitat de València, coa conferencia “A mentira do turismo sustentábel”. A súa intervención analizará criticamente os discursos que presentan o turismo como unha actividade necesariamente compatible coa sustentabilidade, poñendo o foco nos seus impactos sobre o territorio e a planificación urbana. A continuación, Melchor Fernández, profesor da Área de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, abordará o papel do Camiño de Santiago e o turismo sustentábel no medio rural. A súa achega permitirá examinar as oportunidades que o fenómeno xacobeo ofrece para o desenvolvemento económico e social das áreas rurais, así como os retos que implica a súa xestión sostible. Séguelle Rubén Camilo Lois, profesor de Análise Xeográfica Rexional da USC e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional, que pronunciará o relatorio Os dilemas do turismo no presente. O recoñecido xeógrafo analizará as tensións existentes entre crecemento turístico, ordenación territorial, conservación do patrimonio e calidade de vida das comunidades locais.

Trala pausa celebrarase a mesa redonda “Turismo que suma, turismo que resta: tres experiencias locais”, moderada por María Elvira Lezcano González, profesora da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña. Nela participan Xosé Lois Carrera, xerente da Granxa Arqueixal, unha referencia en Galicia na vinculación entre produción agraria, patrimonio e turismo responsable; Mercedes Vázquez, expresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza do barrio compostelán de San Pedro, que achegará a visión da veciñanza sobre os efectos da actividade turística nos espazos urbanos; e María Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz, municipio recoñecido polas súas políticas de recuperación patrimonial, sustentabilidade e desenvolvemento local.

A sesión pecha cun espazo de debate co público asistente, favorecendo o intercambio de reflexións entre expertos, profesionais e cidadanía interesada sobre os beneficios, os custos e os desafíos asociados ao desenvolvemento turístico.

Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento, coordinada por Celia Pereira Porto, e conta con membros como Rebeca Baceiredo Pérez, Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Bieito Iglesias Araúxo, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. A sección organiza periodicamente o ciclo “Pensarmos”, xunto con outras actividades, entre as máis recentes “As sociedades da vilancia”, en colaboración coa Comisión técnica de Xestión e Políticas Culturais. Na súa liña de acción tamén figura a revisión de figuras relevantes do pensamento e a análise da súa conexión con Galicia, como no caso de Pier Paolo Passolini, Eloi Luis André ou Juan Ramón Capella.