----

Unha xornada sobre a situación da educación

Cales son as características dun bo sistema educativo? Témolo ou estamos aínda lonxe? De que maneira a liberdade de cátedra contribúe a unha educación rica e plural? Que se pon en perigo cando se pretende guiar esa liberdade por sendas marcadas de “neutralidade”? Por que importa unha educación pública de calidade? Estas son algunhas das cuestións ás que pretende respostar este xoves 22 (a partir das 10:00 horas) a xornada “O debate da Educación: Onde estamos?” que propón a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), que coordina Celia Pereira. Almudena Alonso Ferreiro, Rebeca Baceiredo Pérez, Inger Enkvist, Javier Mestre Marcotegui particinan nesta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube.

A xornada reunirá catro voces procedentes dos ámbitos da pedagoxía, a filosofía, a investigación educativa e a creación ensaística para reflexionar sobre os retos actuais do ensino, os modelos pedagóxicos e o papel da educación na sociedade contemporánea.

A sesión da mañá abrirase coa intervención de Almudena Alonso, que abordará Aprendizaxe cooperativa: Como soporta a LOMLOE unha didáctica avanzada?. Licenciada en Psicopedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Deseño e Innovación na Formación pola mesma universidade, é profesora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo. A súa intervención centrarase na aprendizaxe cooperativa e na súa relación co marco educativo actual.

Rebeca Baceiredo achegará a conferencia A ideoloxía da neutralidade. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Filosofía, foi distinguida co Premio de Ensaio Ramón Piñeiro e propón abrir unha reflexión sobre a idea de neutralidade e as implicacións ideolóxicas que atravesan o pensamento e as prácticas educativas.

Inger Enkvist, licenciada en Filoloxía Francesa e doutora en Letras pola Universidade de Gotemburgo, é catedrática emérita de Filoloxía Española na Universidade de Lund e unha recoñecida hispanista especializada en pedagoxía e educación. A súa conferencia, titulada Que é unha boa Educación e por que non a temos?, formulará unha reflexión sobre os criterios que definen unha educación de calidade e os desafíos que afrontan os sistemas educativos para alcanzala.
O programa pecharase coa intervención de Javier Mestre, Por que defender o sistema público de ensino?. Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, é catedrático de ensino secundario na especialidade de Lingua e Literatura Castelá. Ademais da súa actividade docente, é autor de varias novelas e do ensaio Escuela y libertad, escrito en colaboración con Carlos Fernández Liria. A súa participación abordará a importancia do ensino público e a súa función na sociedade.