----

Especialistas propoñen repensar a educación desde a aprendizaxe cooperativa, o pluralismo e o coñecemento

A aplicación da LOMLOE, a aprendizaxe cooperativa, a carga curricular e burocrática do profesorado, a neutralidade ideolóxica nos centros e a relación entre coñecemento, pensamento crítico e igualdade de oportunidades son algúns dos aspectos que diferentes especialistas en educación abordaron no marco da Xornada “O debate na educación, onde estamos?” que organizou a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) ao longo deste xoves 22 de outubro. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, reivindicou a importancia de abrir espazos de análise que permitan abordar os problemas educativos desde unha perspectiva ampla e reforzar a comunicación coa comunidade educativa. “Na educación nos acontece un pouco isto: xa non é o momento de cambiar as regras do xogo, senón que é o momento de cambiar de xogo”, afirmou, recuperando unha reflexión da escritora Begoña Caamaño. Canda ela a coordinadora da Sección, Celia Pereira, apuntou á necesidade de ir máis alá das ferramentas e das estratexias concretas para repensar o sentido mesmo de educar e formar. As intervencións da sesión foron gravadas e pódense recuperar desde a canle de YouTube.

A sesión comezou coa intervención de Almudena Alonso, profesora titular da Universidade de Vigo e especialista en tecnoloxía educativa crítica, que centrou a súa exposición nas posibilidades da aprendizaxe cooperativa e nas dificultades que condicionan a súa aplicación nas aulas galegas. A relatora explicou que esta metodoloxía non consiste simplemente en repartir tarefas entre os integrantes dun grupo, senón en construír a aprendizaxe de maneira conxunta e garantir a participación de todo o alumnado. «A aprendizaxe cooperativa non busca tanto un traballo de xeito colaborativo, senón cooperativo», sinalou. Alonso vinculou este enfoque coa construción dunha sociedade democrática e inclusiva, na que o alumnado poida aprender a convivir coa diversidade. «Se esperamos que alumnas e alumnos diferentes poidan participar eficazmente en contornos comunitarios heteroxéneos onde se respecte a súa diversidade, é necesario que na escola teñan experiencias diversas e con persoas diversas», apuntou.

Na súa análise da LOMLOE, recoñeceu que a lexislación incorpora principios compatibles coas metodoloxías activas, como a inclusión, a cooperación e a aprendizaxe significativa. Porén, advertiu de que a extensión dos contidos, o número de criterios de avaliación e a carga administrativa poden dificultar a súa aplicación efectiva. Como exemplo, referiuse á comparación entre os criterios de avaliación establecidos no marco estatal e os recollidos no currículo galego, que, segundo os datos presentados, pasan de 292 a 1.312 en educación primaria e de 292 a 1.028 na educación secundaria obrigatoria. Esta densidade curricular, ao seu xuízo, reduce o tempo dispoñible para preparar as clases e limita a autonomía docente. Malia estas dificultades, defendeu que existen marxes para desenvolver experiencias de aprendizaxe cooperativa respectuosas co alumnado.

Neutralidade ideolóxica, pluralismo e liberdade de cátedra
A filósofa e profesora de educación secundaria Rebeca Baceiredo abordou a relación entre a neutralidade ideolóxica, a liberdade de cátedra e o pluralismo nos centros educativos. Na súa intervención, examinou as disposicións que regulan o desenvolvemento do curso escolar e a tensión que, segundo a súa análise, pode existir entre a demanda de neutralidade e a obriga de promover a convivencia democrática, o diálogo e o respecto á diversidade. «Falar de neutralidade ou de pluralidade é en si mesmo ideolóxico», sostivo. Baceiredo cuestionou a posibilidade de informar de maneira completamente aséptica sobre cuestións sociais e políticas e advertiu do risco de que o concepto de neutralidade se empregue para limitar determinadas expresións ou perspectivas. Fronte a iso, defendeu a liberdade de cátedra e de expresión, así como a necesidade de que o sistema educativo permita coñecer e discutir criticamente realidades sociais diversas. A relatora estendeu esta reflexión á presenza das tecnoloxías dixitais nos centros e ao papel das empresas e dos produtos tecnolóxicos na educación. Ao seu xuízo, cómpre examinar as decisións educativas desde unha perspectiva pedagóxica e crítica, sen dar por feito que toda innovación tecnolóxica é necesariamente positiva ou neutral.

O coñecemento, a aprendizaxe e o pensamento crítico
A xornada incluíu tamén as intervencións de Inger Enkvist, catedrática de Filoloxía Hispánica na Universidade de Lund, e de Javier Mestre, profesor de ensino secundario e coautor do libro Escuela y libertad (2024), que analizaron a calidade educativa e os desafíos do sistema de ensino desde perspectivas diferentes.

Enkvist, na súa exposición titulada «La buena educación y por qué no la tenemos», defendeu a importancia da adquisición sistemática de coñecementos, da lectura e da linguaxe desde as primeiras etapas educativas, así como da memoria, a repetición e a concentración como ferramentas fundamentais para a aprendizaxe. Tamén reivindicou a formación do profesorado, a organización do traballo na aula e a autoridade docente como elementos que contribúen a acompañar o alumnado. A partir da súa experiencia e da análise de sistemas educativos de distintos países, cuestionou os modelos que restan centralidade aos contidos e á súa transmisión. «Canto máis elementos teñen os alumnos, máis capacidade teñen para atopar algo novo», afirmou, ao relacionar a adquisición de coñecementos co desenvolvemento do pensamento crítico e da creatividade. A súa intervención abriu un debate sobre como combinar a aprendizaxe sistemática coa comprensión, a autonomía e a atención á diversidade.

Pola súa banda, Javier Mestre situou no centro da súa intervención a defensa do ensino público como espazo común de convivencia e garantía de igualdade de oportunidades. «Eu veño aquí facer unha encendida defensa do ensino público», afirmou. «A escola é de todos e para todos e, polo tanto, ten que ser un espazo plural», engadiu. Mestre analizou a convivencia das redes pública, privada concertada e privada non concertada no sistema educativo español e advertiu de que esta estrutura pode favorecer dinámicas de segregación social. «A segregación dana o ensino público», resumiu, ao referirse á distribución desigual do alumnado e á concentración nos centros públicos de estudantes que poden precisar recursos específicos de atención educativa.

O profesor defendeu unha escola pública, gratuíta e de titularidade estatal, capaz de reunir alumnado de diferentes procedencias sociais. Tamén abordou a relación entre liberdade de ensino, mercantilización da educación e elección de centro. No debate posterior, insistiu no papel do coñecemento e do pluralismo como elementos centrais dunha educación que favoreza o pensamento crítico. «En realidade, o máis próximo á obxectividade é a pluralidade», afirmou, e engadiu que «o antídoto máis potente que hai na aula [...] é o coñecemento».