O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega (AEG), ten estudiado amplamente o fenómeno emigratorio. No marco desa actividade encádrase a colaboración que a institución realizará dúas accións que permitirán coñecer mellor a emigración aresá e situala no seu contexto histórico.
Publicación
O sábado 22 ás 12:30 presentarase a publicación “Como se llega a millonario” de Miguel Bendamio Montero, un dos fundadores da Alianza Aresana de Instrucción, espazo que acolle tanto a presentación como a exposición. Esta publicación é unha edición facsimilar con prólogo introductorio a cargo de Xosé Manoel Núñez Seixas, historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Nel, Núñez Seixas, sitúa este texto no modelo de obra, con moitos trazos autobiográficos, “reivindicadora do bo nome e obra dos indianos na Galicia do primeiro terzo do século XX”. O protagonista da novela é un ficticio emigrante, fillo dun carpinteiro aresán que emigra a Cuba en 1891. Da capital cubana trasladase a México e posteriormente aos Estados Unidos, onde casa e se converte nun magnate do petróleo. Como bo emigrante, envía regularmente cartos a Galicia pero non visita a súa vila natal ata que sabe da morte de seus pais e inicia unha viaxe polo Mediterráneo que remata na praia de Ares. Recibido con honores, constata que a súa vila de orixe experimentou un notable progreso. Regresa a Nova York pero antes doa a herdanza que lle correspondía ao sostemento das escolas.
Ao fío da publicación, o Consello da Cultura Galega acaba de introducir a biografía de Miguel Bendamio Montero no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos da cultura galega. A biografía, elaborada por Xosé Manoel Núñez Seixas, irá acompañada dunha serie de artigos escritos por Bendamio extraídos das memorias da Alianza Aresá, nas que daban conta da actividade e información interna desta sociedade. Esta sociedade foi fundada polos emigrantes aresáns residentes na Habana o 20 de marzo de 1904, coa finalidade explícita de crear unha escola na súa terra natal e potenciar a educación entre os seus paisanos. Foi das primeiras microsociedades en iniciar este labor educativo. Dous anos despois compraron por 3000 pesetas o Huerto de Caruncho, un solar do centro de Ares no que. Construiron un edificio escolar que contaría con todos os adiantos hixiénicos e pedagóxicos modernos e que comezaría a funcionar en 1909.
O soño cubano da emigración galega
Ás 12:00 horas deste sábado terá lugar a inauguración da mostra comisariada por Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro e que leva por título “O soño cubano da emigración galega”. A exposición pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.
En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.
Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia desde finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.
Roteiro web
O roteiro propón un itinerario polos principais edificios da arquitectura civil de Ares. Esta vila é espazo para comprender o profundo impacto da emigración na sociedade galega entre finais do século XIX e principios do XX. Entre as paradas deste roteiro destacan catro escolas financiadas con cargo aos cartos da emigración: a Casa escola de Seselle, a Escola da Tenencia, a Escola de Cervás, e as Escolas do Porto.


