Galicia foi un xornal editado pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina en 1930, como unha continuación do voceiro El Despertar Gallego. Era un xornal breve que comezou editando doce páxinas e foi baixando ata oito, que tivo unha periodicidade irregular e que estaba escrito maioritariamente en castelán. Concedía especial atención á situación española, con informacións e comentarios cos que, a pesar dos cambios de tendencia ideolóxica da Federación, manifestaba claramente o seu republicanismo e, tras a Guerra Civil española, a súa oposición á política franquista. Informaba das actividades da Federación e das sociedades que forman parte dela (na sección “Crónicas de Sociedades federadas”) e incluía noticias de Galicia e da situación da colectividade (nas que criticaba determinadas asociacións polos seus postulados políticos). Tamén incluía artigos literarios e culturais, que ocupaban xeralmente a última páxina da publicación, chamada “Artes y Letras”. Nela colaboraron figuras destacadas como Francisco Fernández del Riego, Ben-Cho-Shey, Eliseo Pulpeiro, Ramón Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres, Vicente Risco e moitos outros.
Por problemas de carácter político, entre os anos 1943 e 1944 tivo que cambiar a súa cabeceira e pasou a denominarse Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas e Acción Gallega.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña.


