Lois Tobío ilustra a actividade galeguista que se desenvolveu ao longo do século XX tanto en Galicia como nas cidades de México, Montevideo, Bos Aires ou Madrid. Dende os seus traballos de xornalista, tradutor, diplomático e activista político, difundiu o “sentimento de galeguidade” e deseñou parámetros ideolóxicos para que este se canalizase a través de institucións e formacións políticas, como o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista ou o Consello de Galiza. A súa análise social e histórica arrequeceu o movemento nacionalista galego.
Os dous primeiros audios que se inclúen na nova entrega de Voces centenarias corresponden a unha entrevista que lle fixo Xan Carballa en 1986 e que, posteriormente, foi publicada o 2 de marzo de 1987 no especial “O 36 na Galiza” (A Nosa História, 1) da cabeceira A Nosa Terra. No primeiro fragmento, gravado na casa que o propio Lois Tobío tiña en Madrid, o diplomático e galeguista remóntase ata 1923 para debuxar os inicios do Seminario de Estudos Galegos, xestación que se produciu durante o primeiro curso dos seus estudos universitarios. Na gravación destaca o total apoio e pulo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Armando Cotarelo Valledor e o traballo interdisciplinario e colectivo.
No segundo fragmento, Tobío reflexiona arredor da imparcialidade dos estudos históricos, sobre a que afirma que “a verdade histórica é unha falacia”. Para el, “só existen hipóteses históricas, que se retocan, se melloran, cambian…”. Ao longo da súa argumentación tamén profunda no papel fundamental que desempeñan as lendas e os mitos no estudo dunha determinada cultura, xa que recollen, imaxinariamente, as aspiracións dun pobo.
A terceira gravación pertence á conferencia “A lección dos precursores” que Lois Tobío pronunciou o 27 de xullo de 1956 durante as Xornadas Patrióticas Galegas, organizadas polo Centro Galego de Bos Aires. A través dunha análise antropolóxica, subliña como a xeración dos precursores do Rexurdimento foi o nexo fundamental co presente de 1956, momento en que se precisa acción constante e firmeza política para acadar un galeguismo activo e social. O extracto procede da colección do Centro Galego de Bos Aires, que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia.
Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración etc. que axudaron a perfilar o noso pasado, pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto incorporou neste tempo gravacións de Celso Emilio Ferreiro, Isaac Díaz Pardo, Xosé Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Osorio-Tafall ou Antón Tovar.

