“De moitos é sabido que a fermosura natural da comarca da Mariña lucense se ve reforzada polas edificacións de estilo indiano repartidas polos seus dezaseis concellos”, comeza o especial “A pegada indiana na Mariña lucense”, no que se destacan algunhas construcións como os “suntuosos palacetes de arquitectura indiana” ou as “pintorescas escolas”. Con Cuba e A Arxentina como destinos principais, a colectividade mariñá emigrada alén mar comezou a recadar o capital necesario para pór en marcha diferentes proxectos cos que achegar un maior benestar ás súas parroquias ou concellos de orixe. “A construción e o mantemento de escolas en que os máis cativos e cativas recibirían a formación educativa elemental” foi un dos obxectivos principais, continúa o especial.
A entrega número 30 de Historias de ida e volta amosa algúns dos centros educativos financiados polas sociedades étnicas dos emigrantes mariñaos residentes na Habana. É o caso da escola de Adelán en Alfoz ou da de Magazos, promovidas polas asociacións Hijos del Valle de Oro e Ilustrísima Sociedad de Vivero y su Comarca, respectivamente. Ambas as entidades prestaron unha especial atención ao fomento da cultura e a educación nas súas vilas natais, polo que deron soporte económico para a creación, o arranxo e o mantemento doutras moitas escolas ao longo de toda a Mariña. Cómpre destacar tamén o papel do Centro de Benquerencia, Sociedad de Instrucción y Recreo, que fundou en 1906 a escola do Canteiro en Barreiros, mais o da asociación Círculo Habanero de La Devesa, que construíu en Santa Eulalia da Devesa un edificio concibido para funcionar como escola de ensino primario e centro cívico. Ademais, dende A Arxentina, a sociedade microterritorial Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires interveu economicamente na posta en marcha dun centro educativo para os nenos e nenas de Xove.
O especial presta tamén atención á figura dalgúns indianos, como José María Fernández Montenegro, Manuel Candia ou Jesús Rodríguez Murias, que destinaron parte da súa riqueza á creación de escolas nas súas parroquias natais. Documéntase o labor do devesán Pedro Murias, quen “non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba”, senón tamén por ser quen de crear un “centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade de orixe”, explica a entrega.
Nela, amósanse tamén os palacetes e casonas construídos por José Álvarez Fernández, José García Rodríguez ou Carlos Couto Pulido, por reflectiren o perfil de casas indianas típicas da Mariña lucense. Ademais, tamén se inclúe unha fotografía da Torre dos Moreno, palacete modernista de Ribadeo promovido cara a 1915 polos irmáns Pedro María e Juan Moreno Ulloa, emigrantes de éxito na Arxentina que deixaron unha importante pegada filantrópica na súa vila natal. De feito, segundo explica o especial, a través das súas doazóns financiouse a urbanización da praza do Campo, a reparación e construción de varias rúas, a reconstrución da capela do Colexio Sagrado Corazón e a instalación do instituto de segundo ensino.
Complementan o especial unha fotografía do cemiterio de Xerdiz (Ourol), construído en 1908 coas doazóns dos veciños da parroquia residentes en Cuba; unha imaxe do mercado municipal de Ribadeo, financiado por Ramón González Fernández, e outras en que aparecen o empresario José Louro xunto cos seus empregados, o indiano Francisco Maseda coa súa familia e a mestra da escola de Burela Carmen Iravedra coas súas alumnas.
O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de vinte entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.


