NOTICIA

----

A gordofobia, as crises alimentarias e o teatro galego, entre as vindeiras actividades

O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera o ritmo de actividades despois do verán cunha serie de xornadas que abordan desde a discriminación que subxace trala gordofobia, ata as crises alimenticias pasando por unha revisión sobre o teatro galego. A primeira da actividades arrinca este venres, coa habitual colaboración que o CCG organiza coa Fundación Pondal para o Festiletras. O luns 4 de setembro ábrese a inscrición de todas as actividades.

Esta fin de semana arrinca a actividade do CCG coa colaboración en dous certames. O primeiro deles é o Festiletras, co que o CCG leva colaborando en varias edicións e que nesta ocasión leva ata a Aldea do Couto o espectáculo Circo galaico de Títeres Alakrán. O segundo dos certames é as V Xornadas Etnográficas do Morrazo que pechan o domingo 3 cunha sesión na que se proxectarán tres capítulos de “Axudádeme a cantar”, serie audiovisual promovida polo CCG que pon en valor o canto tradicional con percusión de man. Unha das directoras do proxecto, Renée DePalma, asiste á proxección (na que se amosarán os tres últimos capítulos) e ao coloquio posterior.

O vindeiro 21 de setembro retómase tamén o foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40 aniversario, cunha sesión coordinada por María Loureiro na que se fala dos límites planetarios e das crises alimenticias. José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO e Adrián Escudero, catedrático de ecoloxía da Universidad Rey Juan Carlos, analizarán o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos. María Xosé Agra e Emilio Rafael Díaz Varela, da USC, máis Enrique Banet e Mabel Rivera da Fundación Galicia Verde afondarán nestes cambios desde o punto de vista galego.

A vulneración dos dereitos das persoas que sofren discriminación polo seu aspecto físico subxace no fondo da actividades que o CCG e a Valedora do Pobo desenvolverán o 22 de setembro. Un debate para profundar sobre o dano dos prexuízos estéticos corporais e camiñar na promoción dunha vida saudable máis alá das modas ou os estereotipos patriarcais de beleza. Nela participan Covadonga D´lom, autora de Curvy, o primeiro cómic sobre a beleza con curvas, máis a nutricionista Rocío Portal, a psicóloga Lucía Trigo e a actriz Teté Delgado. Carme Adán e María Xosé Porteiro coordinan esta cita.

En setembro regresa tamén o ciclo Pensarmos, promovido pola Sección de Pensamento e que busca reflexionar neste 2023 sobre a calidade da democracia. Nesta ocasión, Xosé Ramón Veiga reflexiona sobre o tema a partir da análise dun período concreto da historia. A xornada leva por título “O máis difícil é aceptar a derrota: Pluralismo político, participación e democracia no século XIX”.

O mes remata en Allariz, o día 30, cunha xornada desenvolvida coa Fundación Risco. Chámase “Do Bufón d’el Rei ata O porco de pé. Teatro galego en perspectiva” e nela abórdase o teatro galego desde o punto de vista da escena. A sesión pretende analizar desde o esforzo da xente do Grupo Nós por crear un teatro galego en galego para normalizar a cultura do país (Risco, Castelao, Otero, Cabanillas…), ata as vizosas fontes de creación actual así como a súa proxección cara ao futuro. A xornada está coordinada por Nate Borrajo e Xosé Rodríguez Díaz.

Ademais, desde a institución estanse a preparar outras actividades para conmemorar efemérides como o Día Europeo das Linguas ou o Día da Tradución.

Proxectos permanentes
Ademais, tamén se recuperan os proxectos de difusión da produción documental da institución. Os mércores publicaranse novas entradas do Álbum de Galicia (Ruth Matilda Anderson e Alfonso Eanes do Cotón son os nomes das vindeiras persoas que se incorporan á colección); o primeiro martes de mes sairá unha nova entrega de Proxector, especial divulgativo que compila vídeos científicos en galego. Tamén haberá novas publicacións do Repertorio de prensa da emigración, para visibilizar cabeceiras creadas por sociedades da diáspora; e de “Historias de ida e volta” que documenta en vinte imaxes algún feito derivado do fenómeno migratorio.