NOTICIA

----

Rosario Álvarez deposita na Caixa das Letras o legado material e simbólico de Rosalía de Castro

A sede do instituto Cervantes acolleu na mañá deste luns un acto para conmemorar o Día Europeo das Linguas que se celebra cada 26 de setembro. Nel presentouse a versión multilingüe do poema “Grito hacia Roma” de Federico García Lorca e tamén tivo lugar a apertura da Caixa das Letras de Rosalía de Castro. Aproveitando a conexión recoñecida entre Lorca e a poeta galega, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), depositou o legado material e simbólico “dunha muller poeta dun categoría literaria e dun pensamento revolucionario”. O acto, contou coa presenza do presidente en funcións, Pedro Sánchez, quen lembrou a primeira tentativa de creación dunha cartografía lingüística, a do Atlas Lingüístico iniciado polo grupo do filólogo Tomás Navarro quen “descubriu unha xeografía lingüística plural, unha España de multitude de acentos e unha riqueza que debemos preservar”. Asistiron a esta homenaxe representantes do sector da cultura e da política como a presidenta do Congreso, Francina Armengol, ou a ministra de Educación en funciones, Pilar Alegría, entre outros.

A Caixa das Letras, cápsula do tempo mantida polo Instituto Cervantes que garda obxectos relacionados coa ciencia, as artes e as letras da cultura hispana, incorpora desde hoxe o legado de Rosalía de Castro. A presidenta iniciou a súa intervención lembrando a Lorca, "o poeta en lingua castelá máis difundido e traducido" que se sentiu poeta galego e que "sen facer da diferenza lingüística unha falsa barreira" deixou seis poemas en galego, froito desa conexión que o poeta granadino tivo con Rosalía e tamén coa cultura galega.

Rosario Álvarez, que pronunciou o seu discurso en galego, lembrou o contexto social e político que definiu como un "avance histórico cara á igualdade efectiva de dereitos lingüísticos e culturais" e depositou na Caixa das Letras "a nosa lingua e a nosa cultura, representadas aquí pola figura galega máis universal, reverenciada por todos e todas, sempre admirada e nunca cuestionada, orgullo dun pobo enteiro desde todos os lugares que habitamos os galegos, navegantes de todos os mares e cidadáns de todos os continentes".


O legado rosaliano da Caixa das Letras
Rosario Álvarez destacou que entregou o legado rosaliano "en nome de todo o noso sistema cultural e, en definitiva, do pobo galego" que oscila "entre a propia voz da poeta e a vixencia do seu legado inmorredoiro".

O conxunto inclúe, en primeiro lugar, libros. Entre eles, un exemplar de Cantares Gallegos (1863) editado por Galaxia no centenario ou o facsímile facilitado pola Real Academia Galega "da primeira edición de Follas Novas, saída en La Habana grazas ás xenerosas contribucións dos emigrantes galegos" apuntou Rosario Álvarez.

Como a natureza e a flora humilde están sempre presentes na obra rosaliana, inclúese un exemplar de O herbario de Rosalía e, da man da Fundación Rosalía, unha colección de láminas do herbario; xunto cun audiovisual inédito na que as láminas van acompañadas dun recitado dos poemas aludidos.

A música está presente nun disco de vinilo de Amancio Prada titulado "Rosalía de Castro-Amancio Prada" (do ano 1975), cunha dedidatoria que o cantante fixo expresamente para a ocasión. O cantautor cedeu tamén un estoxo coas seis cancións galegas de Lorca.

O conxunto buscaba tamén amosar que Rosalía é fonte nutricia de novos proxectos culturais. Faino cun libro de ensaios dedicados a ela por personalidades da intelectualidade galega e portuguesa no ano 1952; unha conferencia pronunciada por Luis García Montero, con ocasión do 150º aniversario de Cantares Gallegos; e un libro-disco en que nove das mellores poetas galegas contemporáneas dialogan poeticamente con Rosalía.

Hai tamén un moníptico cedido pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío que permite localizar a estrela Rosaliadecastro (que loce no ceo desde o 17 de decembro de 2019 cando a Unión Astronómica Internaciona puxo o seu nome a unha estrela da constelación de Serpentario, e Riosar ao seu exoplaneta). Unha camiseta coa imaxe de Rosalía deseñada por Pablo Rodríguez/Xosé Miranda “con aires warholianos” e unha chapa coa rosa de cen follas completan o legado.

Concerto “A palabra na música”
No marco desta celebración, o martes día 26 (propio Día Europeo das Linguas) tamén se organiza unha actividade titulada “A palabra na música”, unha velada de música e poesía. Nesta ocasión, os autores que recitarán os poemas son Eduard Escoffet, Pilar Adón, Leire Bilbao e Manuel Rivas. Mentres que a parte musical estará a cargo dos artistas Sheila Blanco, Renaldo & Clara, Izaro e Xoel López.

“Grito hacia Roma”, en galego
A celebración conxunta do Día Europeo das Linguas comezou coa presentación da edición especial multilingüe do poema "Grito hacia Roma", obra de Federico García Lorca. O poema, incluído na obra Poeta en Nueva York, recolle as impresións que o poeta acumulou durante a súa viaxe aos Estados Unidos en 1929. Lorca amosa a cidade en toda a súa dureza, cos seus contrastes sociais e económicos, cos seus contrastes raciais e os problemas de clase que golpearon o lugar dun xeito poderoso despois da crise de Wall Street así como a súas consecuencias, que iniciou o período da Gran Depresión. Este volume reúne todas as linguas da Unión Europea nun exemplo de interculturalidade, pluralidade e respecto polas diferenzas. O poema foi traducido galego xunto cunha morea de idiomas: alemán, búlgaro, catalán, checo, croata, danés, eslovaco, esloveno, estonio, éuscaro, finés, francés, grego, húngaro, inglés, irlandés, italiano, letón, lituano, maltés, holandés, polaco, portugués, romanés e sueco.
Os escritores Bernardo Atxaga, Estel Solé e Manuel Rivas, máis o actor e director Juan Diego Botto realizaron unha lectura multilingüe do poema.

Día europeo das linguas
O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa que naceu no ano 2001 para homenaxear, difundir e concienciar da diversidade lingüística de Europa, un continente que ten 24 linguas oficiais e onde hai arredor de 60 linguas rexionais ou minoritarias, ademais dos idiomas procedentes doutras partes do mundo. Esta iniciativa busca visibilizar a diversidade lingüística como unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento clave do rico patrimonio cultural do noso continente.

Este día conmemorativo, instaurado pola Comisión Europea e o Consello de Europa, celébrase todos os anos o 26 de setembro e representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países. Na iniciativa participan numerosas institucións e asociacións con intereses culturais e lingüísticos, universidades e centros escolares.

Un camiño compartido
Este xeito de celebrar o Día Europeo das Linguas (en Berlín en 2020, en Nápoles en 2021 e en Fránkfort en 2022) é o resultado dun acordo de colaboración que asinaron o 26 de maio de 2020 os responsables do Consello da Cultura Galega, Instituto Cervantes, Institut Ramón Llull, Etxepare Euskal Institutua. Era o primeiro acordo de colaboración conxunto para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. Aquel documento establecía un marco de cooperación de catro anos prorrogables para participar en accións comúns “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”. Pretendíase sistematizar a promoción conxunta da diversidade lingüística e a pluralidade cultural, ademais de darlle continuidade e unha nova orientación común a colaboracións puntuais que xa se viñan desenvolvendo entre algunhas delas. No marco dese acordo, en maio deste ano, os actuais responsables destas entidades tiveron unha xuntanza de traballo na que decidiron, entre outras accións, a realización dun Informe bianual sobre a situación das respectivas linguas e a celebración dunha mostra multidisciplinar, para visibilizar o máis actual da creación cultural galega, vasca e catalá e española.