O 29 de xullo é o sesenta cabodano de Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Abadín, 1909–Santiago de Compostela, 1961), recoñecido poeta e tradutor de poesía clásica á nosa lingua. Pero foi moito máis ca iso, foi unha figura fundamental na construción do galego culto. O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera esa faceta coa publicación «Da fonte máis fonda». Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galego, que recupera un texto inédito de Aquilino de gran valor. Dunha banda porque explica o elo perdido do proxecto editorial Historia de Galiza dirixido por Otero Pedrayo e, da outra, porque axuda a coñecer un episodio ignorado na configuración do galego culto. Cartas, textos inéditos e varios estudos contextualizadores a cargo dos filólogos Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo e do historiador Ramón Villares complementan esta publicación que se pode descargar desde o web do CCG. Ademais, a publicación enriquécese cun especial web que visibiliza eses materiais nun relato cronolóxico.
Ler máis