Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 2161 a 2180 de 3759

O Consello da Cultura inaugura mañá Illa rota, mostra que documenta a sociedade coruñesa de principios do século XX

O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura mañá martes, 30 de xaneiro de 2018, a exposición “Illa rota. Da II República ao franquismo”. A mostra, que se pode ver ata o 30 de marzo na sala de exposicións do Concello da Coruña, amosa a transformación e evolución da sociedade coruñesa entre o período que vai da II República ata o franquismo a través da ollada do fotoxornalista Juan Cancelo. A inauguración terá lugar ás 19:30 horas e contará coa presenza de Ramón Villares, presidente do CCG, e de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña.

Ler máis

Refuxiados, patrimonio e dereitos de autor centran as próximas actividades da institución

O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de abrir a inscrición das próximas actividades. A primeira delas terá lugar o vindeiro martes 30 de xaneiro cun novo encontro sobre o patrimonio, desta volta centrado no castro de San Lourenzo, revitalizado pola comunidade veciñal. Tamén está aberto o prazo para anotarse a unha xornada sobre dereitos de autor prevista para o 22 de febreiro e para outra cita (15 de febreiro) que aborda a situación dos refuxiados desde o ámbito científico. A inscrición pode facerse a través do sitio web da institución.

Ler máis

Expertos apuntan á desestruturación do mundo rural entre as causas dos incendios forestais

Unha política forestal que pon a prioridade na extinción e non na orixe do problema; unha escasa prevención estrutural e un ordenamento forestal inadecuado son algunhas das causas que explican a virulencia e magnitude dos últimos incendios. Así o destacaron varios expertos no coloquio “Unha nova xeración de incendios” que se celebra no Consello da Cultura Galega. A cita, que xunta a expertos de Galicia e Portugal, remata mañá venres cunha mesa redonda que propoñerá medidas para atenuar os eventuais impactos dos lumes.

Ler máis

Un coloquio do Consello da Cultura constata a existencia dun novo tipo de incendios forestais

Os megaincendios afectan a unha superficie maior de 30.000 hectáreas; son máis severos e provocan un maior dano ao chan e á vexetación; poñen en perigo a máis persoas e propiedades e están moi condicionados polo cambio climático. Estas son algunhas das características dos novos incendios forestais bosquexadas por expertos e profesionais no marco do coloquio “Unha nova xeración de incendios” que se celebrou no Consello da Cultura Galega. A cita tamén puxo sobre a mesa a necesidade de actuar cunha maior decisión en prevención e na orixe estrutural para paliar a situación.

Ler máis

Expertos analizan desde mañá no Consello da Cultura as novas características dos incendios forestais

Unha vaga de lumes arrasou en outubro de 2017 unhas 50.000 hectáreas en dous días no noso país. Nese mesmo ano en Portugal, o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) contabilizou unhas 418.000 hectáreas queimadas. Son lumes cada vez máis virulentos contra persoas e edificacións. Sobre as características desta nova vaga de incendios trata o coloquio que comeza mañá no Consello da Cultura Galega. Durante dous días, expertos de Galicia e Portugal analizarán a situación actual e discutirán que medidas se deberían adoptar para atenuar os seus eventuais impactos. A cita, que ten as prazas esgotadas, poderá seguirse en directo a través do sitio web da institución.

Ler máis

O plenario do Consello da Cultura Galega pide o máximo grado de protección para o Centro Gallego de Bos Aires e o Museo Carlos Maside

O Consello da Cultura Galega celebrou no serán deste martes unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou un informe sobre o Centro Gallego de Bos Aires, no que considera que merece o máis algo grado de protección xurídica sobre o patrimonio cultural que custodia. Ademais, tamén aprobou outro sobre o Museo Carlos Maside a que insta ao goberno galego á declaración de BIC e a manter unida a súa colección. Na sesión presentouse o programa de actividades para este 2018 no que pecha o ciclo sobre as Irmandades da Fala, recupera a figura de María Victoria Moreno e fará unha exposición que condensa o discurso “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou na capital arxentina hai 70 anos. A sesión contou coa presenza do Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Ler máis

O Consello da Cultura presenta no Museo de Pontevedra a edición de “Chucurruchú” de Antonio Iglesias Vilarelle

É unha obra con forte arraigamentoo na memoria musical de Pontevedra. “Chucurruchú” de Antonio Iglesias Vilarelle é unha suite en tres movementos que plasma musicalmente a procesión que se celebraba nesta cidade unha semana despois do Corpus. Agora, o Museo de Pontevedra acolle a presentación da edición, revisión e estudo desta peza elaborada polo Consello da Cultura Galega. A cita terá lugar o vindeiro díaa 27 coa presenza da vicepresidenta, Rosario Álvarez, do profesor Luís Costa e do autor do estudo crítico, José Antonio Cantal.

Ler máis

O Consello da cultura presenta o Mapa Sonoro de Galicia, unha web para explorar a diversidade cultural de Galicia a través do audio

O Mapa Sonoro de Galicia (mapasonoro.consellodacultura.gal) é un novo proxecto web do Consello da Cultura Galega (CCG) que nace co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución (no Arquivo Sonoro de Galicia) ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

Ler máis

Unha mesa redonda e unha publicación do Consello da Cultura completan a revisión do legado de Anna Turbau sobre Galicia

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e a editora da obra, Natalia Poncela, presentaron esta mañá “Anna Turbau. Galicia, 1975-1979”, a publicación que recolle unha parte significativa do legado que a fotógrafa Anna Turbau (Barcelona, 1949) cedeu ao CCG. A publicación, xunto coa exposición, comisariada por Margarita Ledo (Pazo de Fonseca, ata o 16 de xaneiro), permiten ver os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta. O volume deuse a coñecer no marco dunha serie de actividades en que tamén houbo unha mesa redonda na que participaron, ademais de Anna Turbau, César Portela, Cristina Zelich e Margarita Ledo.

Ler máis

Alberto Núñez Feijóo é investido Honoris Causa pola Universidade Trás os Montes cunha laudatio de Ramón Villares

A Universidade de Trás-Os-Montes e Alo Douro (UTAD) recoñeceu neste serán ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, co título Doutor Honoris Causa. O acto contou coa participación do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, que leu a laudatio do homenaxeado na que destacou a historia recente das relacións e conexións entre Galicia e Portugal.

Ler máis

O Consello da Cultura xunta mañá a poesía galega e catalá nunha nova edición de “Poetas Itinerantes”

Mañá mércores terá lugar no Consello da Cultura Galega unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes”, un encontro promovido por esta institución xunto co Instituto Ramón Llul e o Etxepare para exhibir o que se está a facer en Galicia, Cataluña e o País Vasco a nivel poético. A cita, que estaba previsto que se celebrase en outubro, tivo que ser adiada pola imposibilidade de se desprazar da comitiva catalá. Nela participan Anna Gual, Blanca Llum Vidal, Joan Pons, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial.

Ler máis

O uso de técnicas variadas e aliaxe de prata e ouro caracterizan a ourivaría castrexa

O Tesouro de Recouso é o conxunto de ourivaría castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas. Sobre el falouse na última sesión do ano dos Encontros co patrimonio que organiza o Consello da Cultura Galega. A cita serviu para explicar a variabilidade tecnolóxica, a aliaxe de materiais e a diversidade de usos da ourivaría dos castros. A coordinadora deste encontro, Rebeca Blanco Rotea, aproveitou para facer balance deste tipo de encontros que suma xa 15 sesións ás que asistiron unhas 750 persoas e que serviron para dar a coñecer á cidadanía a situación actual do patrimonio.

Ler máis

O Consello da Cultura aborda mañá a ourivaría castrexa nunha xornada

En 1920 atopouse no concello de Oroso un conxunto composto por 16 arracadas, diversos elementos de suspensión, tres lingotes e unha masa de fundición. É coñecido como o Tesouro de Recouso o conxunto de ourivaría castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas. Sobre el, pero tamén sobre ourivaría da cultura castrexa, tratará a xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá. A cita insírese dentro do ciclo “Encontros co patrimonio”, que cumpre dous anos, e será retransmitida en directo desde o web da institución.

Ler máis

A xornada “Bo uso e mal uso do mar” analizará mañá a relación das mulleres co medio mariño

Mañá comeza en Pontevedra a cuarta edición da xornada “Bo e mal uso do mar”, que este ano pon o foco nas mulleres que se dedicaron aos oficios do mar, á investigación en ciencias mariñas e en educación para a sustentabilidade oceánica. A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo, a través do Campus do Mar. A xornada, que conta con douscentos asistentes inscritos, poderase seguir en directo desde o web da Universidade de Vigo.

Ler máis

Expertos abordan mañá no Consello da Cultura a relación entre arte e pensamento

O Consello da Cultura Galega (CCG) estrea novo ciclo de xornadas que se chama “Entre... e a arte”. A primeira das paradas céntrase en analizar a relación existente entre o fenómeno artístico e o pensamento, e, polo tanto, titúlase “Entre o pensamento e a arte”. A cita, coordinada por Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo, reunirá diferentes tipos de pensamentos filosóficos ou intelectuais que tratan sobre estas materias.

Ler máis

Expertos instan no Consello da Cultura a introducir cambios para paliar a degradación ambiental

Once expertos debullaron ao longo do día de hoxe como está a afectar acción do home no medio en cuestións concretas como a enerxía, os residuos urbanos, a auga ou a nosa propia diversidade. A nivel global, pero tamén a nivel galego, todos incidiron nos efectos negativos que está a sufrir o medio pola acción humana e instaron a introducir cambios. Así se falou na xornada “O Antropoceno e Grande Aceleración. Unha ollada desde Galicia” que coordinou o profesor Francisco Díaz-Fierros no Consello da Cultura Galega.

Ler máis

Mañá comeza no Consello da Cultura unha xornada que analiza a acción do ser humano na degradación da terra

1950 é un ano determinante para a xeoloxía. É cando se marcou o inicio dunha nova época xeolóxica coñecida como o Antropoceno. Nese ano tamén se fixa o comezo da “Grande Aceleración”. Estas dúas nocións poñen en evidencia que a acción do home ten repercusións negativas no Sistema Terra. Sobre esta problemática xira a xornada “O Antropoceno e a ‘Grande Aceleración’. Unha ollada desde Galicia”, que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega. A cita será inaugurada polo coordinador, Francisco Díaz Fierros e retransmitirase en directo desde o web da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Xunta acordan estudar a situación laboral da muller na cultura galega

O Consello da Cultura Galega e a Xunta acordan estudar a situación laboral da muller na cultura galega

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; o vicepresidente, Alfonso Rueda; e mais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este serán un acordo de colaboración para a elaboración do informe “A muller na cultura galega: condicións sociolaborais no ámbito cultural con perspectiva de xénero”. Un documento que pretende servir para coñecer cal é a situación da muller no sector cultural e que permitirá ao goberno galego implementar as accións políticas que sexan necesarias.

Ler máis

Aberto o prazo de inscrición da xornada que analiza a relación da arte co pensamento

O Consello da Cultura Galega estrea novo ciclo de xornadas que pretenden afondar na arte conectándoo con outras perspectivas. A primeira das paradas centrase en analizar a relación da arte co pensamento e, polo tanto, leva por título “Entre o pensamento e a arte”. A cita ten aberto o prazo de inscrición no web do CCG e xuntará, o vindeiro martes 28 de novembro, diferentes tipos de pensamentos filosóficos ou intelectuais arredor da arte. Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo son os coordinadores desta proposta.

Ler máis

O Consello da Cultura presenta a app “A máquina do tempo” para dar a coñecer o patrimonio moble

Co gallo do Consello da Cultura Galega presenta mañá en rolda de prensa a Máquina do Tempo, unha app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador. A iniciativa dase a coñecer co gallo da celebración do Día do Patrimonio Mundial que ten lugar o vindeiro 16 de novembro. Na presentación participan o presidente do CCG, Ramón Villares e Manuel Gago, responsable da aplicación. 

Ler máis