No día en que se cumpren 800 anos do nacemento de Afonso X (Toledo, 1221-Sevilla, 1284), o Consello da Cultura Galega presentou a monografía encamiñada a desmontar tópicos sobre a relación do monarca con Galicia e, sobre todo, para repensar o paradigma tradicional da historia de Galicia na Baixa Idade Media. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que o volume Galicia no tempo de Afonso X era un empeño da institución en achegar á sociedade unha contribución científica que permite “visibilizar o esplendor cultural da Galicia medieval”. Simon Doubleday, cunha intervención gravada, e José Miguel Andrade, incidiron en que o libro que editaron achega novas lecturas sobre un rei que “nunca pisou Galicia pero que si mantivo unha forte relación coa historia e a cultura galega”. A presentación contou tamén coa participación de dous autores como Henrique Monteagudo, que puxo de relevo o papel do galego no proxecto cultural do rei; e Diana Pelaz, que destacou o papel das mulleres reais neste período.
Ler máis