Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 681 a 700 de 1610

Recuperada a conferencia de Manuel Gallego Jorreto que repasa a súa traxectoria

Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) é un referente artístico, arquitecto de vangarda e profesional comprometido. “É un arquitecto con visión de país” dixo José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña na presentación da conferencia “Corenta anos de arquitectura” que se destaca agora no marco do proxecto que visibiliza 12 intervencións destes 40 anos do Consello da Cultura Galega (CCG). Gallego Jorreto estivo no CCG en varias ocasións, pero recuperamos unha conferencia pertencente ao ciclo “Palestras Maxistrais”, na que fai un repaso da súa traxectoria profesional.

Ler máis

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural revisan o impacto cultural dos encoros

"Encoros, arquitectura, enxeñaría e patrimonio" é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, que organiza este martes (a partir das 16:00 horas) a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta cita busca avaliar o impacto que as infraestruturas hidroeléctricas, moi presentes no noso país, xeraron no territorio e nos bens culturais que nel se atopaban, así como reflexionar sobre a súa posta en marcha, que seguiu unhas pautas propias que determinaron uns procesos de intervención. O encontro busca analizar as novas paisaxes da auga, o impacto das construcións e as súas consecuencias no campo da restauración e conservación dos monumentos. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

Especialistas destacan que as vagas de persoas son o maior problema humanitario actual

Nos últimos dez anos as axencias internacionais contabilizaron os desprazamentos de 80 millóns de persoas. “ É o maior problema humanitario do noso tempo” asegurou Javier Rodrigo no marco da súa intervención na cita “Refuxiados, exiliados, desprazados” que organizou este luns o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Na cita, diferentes especialistas alertaron da ambivalencia dos conceptos refuxiados e exiliados, ademais de asegurar que os grandes movementos de persoas xa non son só por motivos políticos, xa que hai violencias sexuais e ambientais entre as causas dos desprazamentos. Todas as intervencións están dispoñibles desde a canle de Youtube da institución.

Ler máis

A entrada da sociedade Hijas de Galicia incorpórase ao Álbum de Galicia

Hijas de Galicia foi unha institución pioneira na historia da emigración galega da primeira metade do século XX. Creada na Habana en 1917 cun fin asistencial, mantivo a súa actividade ata o ano 1960. Durante ese período, ofreceu atención sociosanitaria ás galegas emigradas e prestou especial atención ás situacións de vulnerabilidade que estas sufrían, sobre todo ás vinculadas coa trata e tráfico de mulleres. Ademais, desenvolveu un papel crucial nos inicios do feminismo galego e cubano. María Xosé Porteiro García é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O novo especial de Proxector recompila unha ducia de vídeos sobre os residuos plásticos

“Un planeta sen plástico” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela, reúnense unha ducia de recursos audiovisuais nos que se analizan as consecuencias que os residuos plásticos teñen para o ecosistema e se propoñen algunhas solucións para revertelas. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente de 2023, que nesta edición ten como tema central a contaminación xerada polos plásticos.

Ler máis

Un roteiro segue o legado do Seminario de Estudos Galegos por Terra de Melide

En 1933 o Seminario de Estudos Galegos (SEG) deu ao prelo unha das súas obras máis emblemáticas, Terra de Melide. Era o resultado dos amplos traballos de campo e investigación pioneiros que os membros do SEG fixeron sobre esta comarca. O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Museo da Terra de Melide, quere conmemorar estes traballos cun roteiro que terá lugar o sábado 10 de xuño. Nel visitaranse os espazos investigados polos membros do SEG ao longo da comarca da Terra de Melide.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do fotógrafo Inocencio Schmidt de las Heras

Inocencio Schmidt de las Heras (A Coruña, 1897–1975) foi un dos grandes representantes da corrente fotográfica do pictorialismo, na que destacou polo seu dominio da técnica do bromóleo. A paisaxe constituíu o núcleo central da súa obra, aínda que coa súa cámara rexistrou tamén imaxes de estatuas e recantos típicos dalgunhas cidades. Ademais, realizou outro tipo de fotografías máis vinculadas coa sociedade industrial do seu tempo, nas que sobresae a presenza de fábricas, ferrocarrís ou guindastres. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Vítor Vaqueiro.

Ler máis

Unha xornada aborda en Lugo a alimentación sustentable

“Alimentos sen remordementos. Alternativas para unha cesta da compra sustentable” é o título da xornada que terá lugar este martes, 6 de xuño, no Vello Cárcere de Lugo. Organizada polas seccións de Pensamento e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio do Concello de Lugo, a actividade ten como obxectivo analizar os diferentes modelos de produción e consumo alimentarios. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará ás 10:00 horas esta cita, que coordinan María Teresa Barral, Iolanda Casal, Ana Isabel García Arias e David Soto. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida con posterioridade á hemeroteca do CCG.

Ler máis

O foro Pensar o mundo dende Galicia chega ao seu ecuador cunha xornada sobre os desafíos do galego

O Consello da Cultura Galega dedica a cuarta xornada do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que celebra o seu 40º aniversario, a situar o idioma galego no contexto lingüístico actual. A cita fai unha parada para revisar os retos do galego no contexto actual, no que existen outras dinámicas lingüísticas asociadas ás novas mobilizacións da cidadanía e ás tecnoloxías. Esta sesión do foro titúlase “O desafío do galego nas sociedades multilingües” e está coordinada por Dolores Vilavedra. Nela participan destacados profesionais como Peter A. Kraus, da Universidade de Augsburgo, ou Bernadette O’Rourke, da Universidade de Glasgow. A cita terá lugar o xoves 8 de xuño na sede do CCG e ten aberta a inscrición.

Ler máis

Unha xornada fusiona poesía con videoxogos

Cangas acolle este sábado unha xornada moi singular que busca explorar os límites entre a creación literaria e o universo dos videoxogos. Titúlase “Hai un poema no teu videoxogo” e é unha proposta deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo do Videoxogo. A cita está coordinada por Carmen García Mateo e Carlos Pereiro, quen asegura que “buscamos unir dous mundos que parecen afastados pero que non o están tanto”. Os poetas Pablo Rodríguez e Branca Trigo ofrecerán unha innovadora actividade en que haberá xogos en streaming, poesía, audiovisual e moita experimentación.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Daniel Barata Quintas

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Daniel Barata Quintas

O Consello da Cultura Galega lamenta o pasamento de Daniel Barata Quintas (Rairiz de Veiga, 1943-Ourense, 2023), quen foi membro do Plenario desta institución entre 1990 e 1993, como conselleiro de Cultura. A traxectoria profesional de Barata levono por todos os niveis do sistema educativo: foi profesor, inspector e delegado da Consellaría de Educación. En 2018 o sindicato educativo Anpe nomeouno "Docente do ano". Desenvolveu unha carreira política como concelleiro en Ourense, parlamentario e alén de conselleiro. Ademais de Maxisterio, estudou tamén Filosofía e Letras.

Ler máis

O proxecto Voces centenarias recupera tres audios de Ernesto Guerra da Cal

Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911 – Lisboa, 1994) foi escritor, poeta e un destacado estudoso das literaturas portuguesa e galega. Exiliado en Nova York dende 1939, traballou a prol da internacionalización da cultura galega e, sobre todo, da figura de Rosalía de Castro. A nova entrega de Voces centenarias, proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), difunde tres audios que permiten escoitar algúns dos seus poemas recitados na voz do propio autor.

Ler máis

Unha xornada analiza os riscos da contaminación luminosa

A chegada da luz eléctrica e a extensión masiva da iluminación artificial mudaron os ritmos naturais ata tal punto que están empezando a descubrirse os seus impactos na saúde das persoas e no medio ambiente. A día de hoxe, a luz artificial xa é considerada un axente contaminante. Sobre os efectos que a iluminación artificial causa no equilibrio ambiental e na saúde humana, o gasto enerxético asociado e a deterioración da capacidade de observación do ceo nocturno trata a xornada "Os múltiples riscos da contaminación luminosa", que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves, 1 de xuño. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita que coordina Jorge Mira. A sesión pode seguirse en directo por Internet e nas redes sociais do CCG.

Ler máis

Eduardo Pondal, o último gran poeta do Rexurdimento, entra no Álbum de Galicia

Eduardo Pondal (Ponteceso, A Coruña, 1835 – A Coruña, 1917) foi o último gran poeta do Rexurdimento. Autor dunha produción que o consagrou como o bardo do pobo galego, puxo a súa obra e a súa vida ao servizo da nación, do rexurdir e da redención de Galicia. Ademais, por encarga do compositor Pascual Veiga, escribiu o texto para o himno galego. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Manuel Ferreiro Fernández.

Ler máis

O ciclo Revisando a nosa arte analiza a obra do pintor expresionista Alberto Datas

Alberto Datas foi unha das figuras clave no movemento de renovación que experimentou a arte galega nos anos oitenta. Vinculado ao grupo Atlántica, destacou pola súa particular representación da condición humana, da natureza e da crise da nosa civilización a través dunha obra en que o xesto, a cor e a materia son os protagonistas. Co fin de profundar no imaxinario do pintor e na súa traxectoria artística, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle este mércores, 31 de maio (19:00 horas), unha nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte. A sesión, coordinada por Paula Cabaleiro, desenvolverase de xeito presencial na Casa das Campás (Pontevedra). A cita non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega colabora na mostra Educación, xénero e lectura

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, participou esta mañá na inauguración de Educación, xénero e lectura, unha mostra que se achega á educación e á lectura cunha perspectiva de xénero. O proxecto expositivo, que se pode ver no Museo Pedagóxico de Galicia, conta en 16 mesas expositoras con libros e recursos escolares, obxectos significativos, fotografías históricas, cartelística e imaxes un proceso de discriminación e estereotipos, pero tamén de conquistas transformados. O CCG contribúe neste proxecto con materiais do noso Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF)

Ler máis

A prensa da emigración galega centra o novo especial de Historias de ida e volta

No último terzo do século XIX, as asociacións de emigrantes galegos iniciaron un importante labor editorial ao pór en marcha diferentes xornais, boletíns e revistas. Ademais de manter informada a colectividade, estas publicacións contribuíron a crear unha conciencia política e cultural propia para os e as galegas. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, escolma algunhas das cabeceiras editadas polas sociedades de emigrantes en América e Europa durante o século XX.

Ler máis

Sen cancelas, a mostra sobre a historia da diversidade sexual en Galicia, completa un ano de itinerancias

A directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, e mais África López Souto, directora do IES Urbano Lugrís, presentan este venres neste centro coruñés a unidade didáctica Sen cancelas, un documento elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade, que complementa e explica a exposición homónima, que pecha as portas ese mesmo día no centro. O proxecto fai un percorrido polo pasado e presente en relación coas ideas e conceptos que deron forma á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que non se axustaron á norma sexual e de xénero, así como aos estereotipos e valores sociais que os precederon. A exposición, que se puxo en marcha hai un ano, xa se puido ver en 17 centros educativos do país.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do impresor e xornalista Juan Compañel

Juan Compañel (Santiago de Compostela, 1829 – La Catalina, Matanzas, Cuba, 1897) destacou pola súa actividade como editor e impresor do Rexurdimento. Propietario dun obradoiro na cidade olívica, da súa imprenta saíron as obras Cantares gallegos (1863), de Rosalía de Castro, ou Diccionario de escritores gallegos (1862), de Manuel Murguía. Ademais, dirixiu os periódicos La Oliva e, posteriormente, El Miño, no que constituíu un “proxecto xornalístico ao servizo de Galicia, do progresismo e da república”. Así o afirma Xurxo Martínez González na entrada que asina no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Cristina Fallarás e David Rodríguez reflexionan sobre o movemento do 15-M no ciclo Pensarmos

“O 15-M doce anos despois: crise do Réxime ou Restauración?” é o título da nova sesión do ciclo Pensarmos, que terá lugar o 25 de maio (18:00 horas), na sede de Portas Ártabras - Amigos dos Museos de Galicia da Coruña. Nela, Cristina Fallarás e David Rodríguez conversarán con Xoán Antón Pérez Lema arredor do movemento do 15-M e o que supuxo para España e para Galicia. A actividade está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinada por Celia Pereira Porto. A xornada é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

Ler máis