Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 801 a 820 de 1451

Proxector supera os 1.000 vídeos didácticos en galego

O catálogo Proxector vén de superar o milleiro de pezas audiovisuais. A proposta que manteñen o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago (USC) visibiliza materiais científicos de calidade, e en lingua galega, para o ensino preuniversitario-ESO, bacharelato e FP.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 17 números da revista Eco de Galicia

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 17 novos números da cabeceira Eco de Galicia. A publicación, editada pola Empresa de Publicidad Galiciana da Habana, incluía artigos informativos sobre as institucións galegas creadas en Cuba e tamén noticias sociais, artigos políticos e traballos históricos, xeográficos, económicos ou culturais, así como unha "páxina nazonalista". Os números que se incorporan neste mes de xaneiro pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1918 e 1923, que foron depositados no AEG por Pilar Cagiao.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e Fuxan os ventos recollen nun libro a historia da formación

Corría o ano 1972 cando un grupo de mozos e mozas participan no Festival das San Lucas de Mondoñedo cunha canción titulada “Fuxan os ventos”. Con ela gañaron o certame e foi tamén o nome dunha das iniciativas musicais galegas máis emblemáticas do país. A súa historia completa recóllese no libro “Fuxan os ventos. 50 anos de historia. 1972-2022” que acaban de editar o Consello da Cultura Galega (CCG) e Fuxan os Ventos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; a integrante de Fuxan os ventos, Carmen Vázquez; a cantante, Uxía Senlle; e a comisaria da mostra da que parte a publicación, Sabela Fraga participaron esta mañá no Vello Cárcere de Lugo na presentación deste libro que constitúe un fito máis na formación que vén de cumprir 50 anos de vida.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Salvador Pérez Froiz

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), suma hoxe a traxectoria de Salvador Pérez Froiz (Gondomar, 1956 – Oroso, 2011). O filólogo, que estivo vinculado durante toda a súa vida profesional á Televisión de Galicia (TVG), contribuíu a especializar os traballos dos servizos de asesoramento lingüístico da canle pública e a articular unha gramática de usos para os espazos deportivos da TVG. Asina a entrada Antón Dobao.

Ler máis

Esther F. Carrodeguas e Cecília Ferreira protagonizan a 5º edición de Dramaturxias itinerantes

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia inaugura mañá unha nova edición de Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes, o proxecto en que colaboran o Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto. Esther F. Carrodeguas e Cecília Ferreira protagonizan esta nova entrega, que se desenvolve o mércores, 18 de xaneiro (17:30 horas), na ESAD de Vigo e o xoves 19 (18:00 horas) na ESMAE de Porto. Representaranse as obras Supernormais e Dionísia, cuxos textos xa están dispoñibles en forma de publicación no web do CCG.

Ler máis

A programación do 40 aniversario propón unha reflexión e debate sobre a cultura

A programación do 40 aniversario propón unha reflexión e debate sobre a cultura

Un gran ciclo de oito sesións no que participarán figuras como Remedios Zafra, José Luis Villacañas, Peter Kraus ou Josep Ramoneda; visibilización do fondo propio; apertura da institución á cidadanía e dous grandes actos conmemorativos son algunhas das actividades previstas para celebrar o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). “Queríamos que tivese un carácter festivo, pero tamén que convidase a unha reflexión sobre o papel da cultura e das institucións culturais”, explicou a presidenta, Rosario Álvarez, na presentación da programación. Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente e coordinador da comisión que deseñou a celebración da efeméride, insistiu no interese de “fomentar o debate”. As actividades foron ratificadas na sesión plenaria celebrada no serán deste xoves, que contou coa presenza do presidente de honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

Ler máis

A biografía de Salvador Cabeza de León incorpórase ao Álbum de Galicia

O catedrático de Dereito Salvador Cabeza de León (Betanzos, 1864 – Santiago de Compostela, 1934) destacou por promover, xunto con Cotarelo Valledor, a democratización e galeguización da vida académica compostelá. Ademais, foi un activo impulsor das pretensións cívicas de Galicia e participou na comisión que, en 1932, impulsou un movemento municipalista a favor da autonomía. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección biográfica que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Xosé Ramón Fandiño.

Ler máis

O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre o quecemento global

“Quecemento global: ameazas e oportunidades” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten afondar nas principais causas do quecemento global e nas oportunidades que ofrecen a educación ambiental, a conciencia cidadá ou a innovación científica para revertelo. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Mundial da Acción fronte ao Quecemento Terrestre, que se celebrará o vindeiro 28 de xaneiro co fin de concienciar e sensibilizar sobre o cambio climático.

Ler máis

Un libro aborda o papel de Galicia na Segunda Guerra Mundial

Entre o terceiro Reich e os aliados. Galicia e a Segunda Guerra Mundial é o último que o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de sacar do prelo. Recolle os relatorios presentados e debatidos na xornada homónima que a institución acolleu nos días 13 e 14 de abril de 2021, no que un grupo de expertos e investigadores afondaron sobre o papel non neutral de Galicia no conflito bélico. A publicación, que conta con 500 exemplares impresos, xa pode descargarse desde o web do CCG.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma a biografía de Xesús Carro

O Álbum de Galicia incorpora hoxe a entrada do arqueólogo e sacerdote Xesús Carro (Santiago de Compostela, 1884-1973), quen destacou por ser o pioneiro dos estudos xacobeos. Ademais, colaborou con Xosé Filgueira Valverde na posta en marcha do Museo Catedralicio e axudou a Walter Muir Whitehill na transcrición do Códice Calixtino. Asina a súa biografía Adrián Estévez.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Chichi Campos

Xesús “Chichi” Campos (La Laguna, Santa Cruz de Tenerife, 1952 - Santiago de Compostela, 1991) proporcionou, por medio dos seus debuxos e escritos, unha visión aguda e vertixinosa do noso país. “A súa foi unha vida que resume o espírito dos anos oitenta en Galicia, unha época que retratou como ninguén”, afirma o seu fillo, Nico Campos. El é o autor da súa biografía no Álbum de Galicia.

Ler máis

O especial Historias de ida e volta achégase á traxectoria do Centro Galego de Lisboa

O 8 de novembro de 1908 fundouse en Lisboa a sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, unha iniciativa posta en marcha por 38 mozos emigrados que querían crear unha «casa galega» na capital portuguesa. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, afonda na historia deste movemento asociativo a través de vinte imaxes e documentos que amosan, por exemplo, os integrantes da súa primeira directiva ou os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade.

Ler máis

A biografía de Luís Rei incorpórase ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia publica no día de hoxe a entrada de Luís Rei (O Grove, 1960 - Pontevedra, 2015), biógrafo do poeta Ramón Cabanillas e do líder agrarista e republicano Basilio Álvarez. Na súa traxectoria sobresae tamén o seu labor no estudo da cultura, da literatura e da historia, especialmente das vinculadas á ría de Arousa, así como o papel que desempeñou na recuperación e divulgación da cultura marítima e fluvial de Galicia e do norte de Portugal. A súa entrada é autoría de Emilio Xosé Insua López.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega pon na rede a primeira gravación de Sindy, obra destacada de García-Picos

Sindy, A.31 o título da obra sinfónica de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1992- Oleiros, 2009), músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural....) sempre comprometido coa causa galega. A estrea absoluta de Sindy tivo lugar o 8 de agosto de 1976 dentro dun concerto da Tempada Oficial do Teatro Colón, interpretado pola Orquestra Filarmónica de Bos Aires baixo a dirección de Mario Benzecry. A peza repousaba na Colección Pampillón do Arquivo Sonoro de Galicia que agora, como colofón dos actos de celebración do centenario do nacemento do músico, o Consello da Cultura galega (CCG) pon na rede cun estudo contextualizador a cargo de Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.

Ler máis

Kathleen Nora March, coordinadora científica do Proxecto Seara, nomeada membro de honra da RAG

Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) acaba de ser nomeada membro de honra da Real Academia Galega (RAG). É a coordinadora científica da Comisión técnica temporal para a elaboración do proxecto Seara, portal de tradución de poesía galega ao inglés do Consello da Cultura Galega (CCG), que en 2016 lle dedicou unha das xornadas do ciclo “De andainas e pioneiras”. Na súa traxectoria profesional foi unha figura moi destacada na contribución á proxección internacional das letras galegas tanto desde o seu posto como catedrática emérita de Español na University of Maine e responsable do Centro de Estudos Galegos de dita universidade desde onde desenvolveu investigacións sobre as letras galegas. Como polos seus traballos de tradución do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións. Foi tamén a primeira directora da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos).

Ler máis

Chega a Lalín a mostra A parroquia para sempre, que retata a vida rural

O militar e fotógrafo afeccionado Jesús Faílde Oro retratou os seus veciños da aldea de Friufe, en Agolada (Pontevedra) durante os anos cincuenta. Un traballo que permite coñecer a vida cotiá desta parroquia pontevedresa no seu traballo diario pero tamén nas súas celebracións. Unha escolma dese arquivo pódese ver en A parroquia para sempre. Jesús Faílde Oro. Memoria gráfica das xentes de Agolada (1950-1960) que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o concelleiro municipal Avelino Souto e o representante do Colectivo Baluarte dos Pendellos, Manuel Busto, xunto co autor inauguraron no serán deste xoves no Audiotrio Municipal. A exposición, aberta ata o 15 de xaneiro, tamén se pode ver en liña no sitio web do CCG.

Ler máis

O proxecto Roteiros achégase á Compostela de Antolín Faraldo

Antolín Faraldo foi a alma e a mente da Revolución de 1846. Murguía dixo del que foi “o primeiro e o mellor”, líder indiscutible que iniciou o camiño cara ao autogoberno. O proxecto Roteiros, iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG), pon na rede un novo itinerario polas rúas de Compostela a partir da figura de Antolín Faraldo, cando se cumpren 200 anos do seu nacemento. A selección de espazos e textos é do historiador Xurxo Martínez González e as imaxes, de Manuel Gago.

Ler máis

Incorpóranse novos números ao Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio da prensa da emigración galega agrega 19 novos números editados por diversas sociedades microterritoriais de emigrantes galegos en Arxentina. O Centro del Partido de Carballino, a Unión Residentes de Santiago de Compostela ou o Centro Recreativo del Partido de Becerreá son algunhas das entidades editoras das publicacións que se incorporan neste mes de decembro, entre as que se poden atopar números datados da década de 1940 e tamén algúns dos anos 30 e 50.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do médico e escritor Agustín Acevedo

Agustín Acevedo (Ribadeo, Lugo, 1806 - Las Caldas del Besaya, Cantabria, 1874) destacou polo seu labor de médico na loita contra as epidemias de tifo e cólera, así como por ser o escritor de Una temporada en el más bello de los planetas, considerada a primeira novela galega de ficción científica. A súa entrada no Álbum de Galicia é autoría de Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Ler máis

O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre o patrimonio dos montes galegos

“Montes e montañas: un tesouro patrimonial e económico de Galicia” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega, reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten profundar na riqueza paisaxística e natural, así como no potencial ecolóxico, económico e social dos montes galegos. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Internacional das Montañas, unha celebración anual coa que se busca chamar a atención sobre a importancia dos diversos recursos que estas ofrecen.

Ler máis