Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1461 a 1480 de 3212

O Consello da Cultura Galega ofrece o primeiro estudo sobre o portugués en Galicia no día mundial desta lingua

A UNESCO declarou en 2019 o 5 de maio como o Día Mundial da Lingua Portuguesa. Co gallo desta efeméride o Consello da Cultura Galega (CCG) fai público “O valor do Portugués en Galicia”, o primeiro grande estudo que analiza o uso, actitudes e ensino desta lingua no noso país. O informe, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), conclúe que o 60% da cidadanía galega posúe competencias en portugués pero só o 18% ten un dominio elevado desta lingua. O 73,2% considera que en Galicia se debería estudar pero só o 17% sabe que xa existe esa posibilidade no Ensino Secundario grazas á Lei Paz Andrade. Ademais, o CCG elaborou un especial que concentra diferentes documentos que amosan a conexión da cultura galega coa lingua portuguesa a partir da figura dun dos seus grandes valedores: Valentín Paz Andrade.

Ler máis

A situación do sector da ilustración, segunda entrega do ciclo de conversas “Diálogos confinados”

A segunda entrega do ciclo “Diálogos confinados” pon os ollos no sector da ilustración. Dunha banda está Bea Lema, debuxante de cómics, ilustradora e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Da outra está a tamén deseñadora e ilustradora, Abi Castillo. Guiadas por Xermán Hermida, xornalista e redactor en Culturagalega.gal, fan un percorrido pola situación actual da ilustración que suma cancelacións e adiamentos a un sector que xa vivía nunha situación precaria.

Ler máis

Na véspera do Día da Liberade da Prensa recuperamos o contexto do nacemento dos primeiros diarios galegos

Na véspera do Día da Liberade da Prensa recuperamos o contexto do nacemento dos primeiros diarios galegos

O día 1 de maio do ano 1800 nacía a primeira cabeceira galega, El Catón Compostelano. O día 2 de maio de 1808 prodúcese en Madrid o levantamento contra os franceses e foi, precisamente, ao abeiro da Guerra da Independencia cando nacen os primeiros diarios galegos: o Diario de Santiago e o Diario da Coruña, ambos en xuño de 1808. O día 3 de maio a Unesco é recoñecido pola Unesco como Día Mundial da Liberdade de Prensa. Este sumatorio de efemérides convídanos a volver a ollada ás edicións facsímiles, coordinadas por Xosé López, das primeiras cabeceiras galegas e os seus estudos críticos e que foron editadas polo Consello da Cultura Galega a inicios do século XXI.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega xunta os novos valores da música coa poesía de Curros Enríquez nunha nova versión de “O maio”

“O maio” é un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez e no que o poeta evoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega (CCG) promoveu un proxecto celebrativo que xunta este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega. O resultado é un vídeo musical que fusiona rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio.

Ler máis

Baixan os préstamos pero aumentan as visitas ás bibliotecas galegas segundo o Observatorio da Cultura Galega

As bibliotecas galegas son cada vez máis visitadas pola cidadanía galega, pero cada vez conceden menos préstamos. Os últimos datos dispoñibles marcan tamén un tímido avance do libro electrónico e da consulta por Internet, segundo figura no último Documento de Traballo (DT) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Este documento, que obtén datos do Ministerio pero tamén da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ofrece unha radiografía de como é a realidade deste tipo de espazos.

Ler máis

Novas cartas permiten ver a faceta máis humana de Carballo Calero

Ricardo Carballo Calero escríbelle a Luís Seoane en 1960 unha carta na que confesa: “A miña soedade interior non é pra cultivar en mín unha sociabilidade que nunca poseín en grao sobresaliente”. Pero o certo é que mantivo unha ampla correspondencia con numerosas personalidades que deu conta dunha persoa de carácter, obstinado, pero cunha grande sensibilidade e un sentido profundo da amizade. No marco do especial web co que o Consello da Cultura Galega concentra os materiais relacionados coa figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, subimos novas cartas.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega inicia “Diálogos confinados”, un ciclo de conversas entre profesionais da cultura

“Diálogos confinados” é o nome do novo proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) para tomarlle o pulso á cultura galega ante as medidas de illamento social adoptadas para conter a pandemia provocada pola COVID-19. Cada luns, diferentes profesionais dos sectores culturais conversarán desde a súa casa moderados por unha persoa que integra algunha das seccións do CCG. Obteremos así unha radiografía real da cultura a partir das súas perspectivas e demandas. Comezamos falando de arqueoloxía con María José Bóveda e Francisco Alonso Toucido, guiados por Manuel Gago.

Ler máis

Recuperamos unha gravación de 1983 que afonda nas relacions entre Galicia e Portugal

Hoxe, 25 de abril, conmemórase o aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal. Aproveitamos esta efeméride para recuperar a gravación dunha mesa redonda celebrada na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que se falaba das relacións entre Galicia e Portugal. A cita tivo lugar no marco do "Encontro Universitario do Noroeste Peninsular" e nela participaron Ricardo Carballo Calero, Ramón Villares, Ramón Martínez López, Carlos Alberto Ferreira de Almeida e Carlos García Martínez. O presentador daquel acto foi Manuel Martínez Barreiro.

Ler máis

O Observatorio da Cultura Galega constata a baixa dun 5,5% das afiliacións do sector cultural en marzo

As primeiras cifras sobre o impacto real da situación actual no mundo da cultura revelan un descenso dun 5,5% dos empregos do sector cultural só no mes de marzo. Así o contabiliza o Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha conxuntura que dá conta das cifras de afiliación á Seguridade Social ata o día 31 de marzo. A perda está un punto por debaixo do conxunto do Estado e destaca que o impacto é maior no emprego cultural que noutros sectores produtivos.

Ler máis

Un informe do Consello da Cultura Galega prevé un futuro complicado para o sector do libro

A industria do libro vivía xa unha situación precaria antes da crise sanitaria provocada pola COVID-19 e a pandemia só veu a empeorala. Isto é o que se deduce do documento de traballo “O sector do libro galego perante a crise da COVID-19” elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento, de carácter cualitativo, contén as preocupacións e sintetiza as demandas de todos os sectores que conforman a cadea do libro.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega celebra o centenario da revista “Nós” visibilizando os seus artífices

“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós”. Así comezaba unha das iniciativas máis frutíferas da cultura galega: a revista “Nós”. Un proxecto editorial que botaron a andar Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez hai cen anos. Nacía así unha cabeceira que dignificou o idioma, que buscaba unha estética xenuinamente galega e nos puxo en pé de igualdade coa cultura europea do momento. Co gallo do centenario desta publicación, o Consello da Cultura Galega presenta a biografía das persoas vencelladas a esta histórica cabeceira. Comezamos con Ánxel Casal, Xavier Prado “Lameiro”, Ricardo Carballo Calero, Arturo Noguerol e o director de “Nós”, Vicente Risco.

Ler máis

As salinas romanas abren o ciclo virtual dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

Naceron para ser un lugar de encontro entre profesionais, administracións e cidadanía arredor de espazos do noso patrimonio sobre os que se estaba a desenvolver algunha actuación. Son os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega desenvolve periodicamente desde hai cinco anos. Entre a análise do illote de Guidoiro Areoso e as pinturas rupestres de Valborrás de Casaio realizáronse preto de trinta xornadas que analizaron as salinas romanas, a situación dos cascos históricos e outros proxectos con implicación da cidadanía. Foron moitos os espazos e os enfoques desta cita periódica e cada vez máis concorrida. Completamos todos os vídeos destas citas, algunha delas gravada fóra da sede física da institución, para ofrecer cada martes unha nova lectura sobre o territorio.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega lamenta a perda de Luz Pozo Garza,decana da poesía galega

Esta madrugada finou na súa casa da Coruña Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020). O Consello da Cultura Galega lamenta a súa perda e lembra a esta voz fundamental da poesía galega. A luz, o amor e a sensualidade, sempre en diálogo coa tradición poética galega e universal, destacan como constantes nunha traxectoria na que hai títulos fundamentais como “Códice Calixtino”, “Deter o día cunha flor” ou “Rosa Tántrica”. Deixa tras de si unha longa carreira poética na que recibiu a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013) ou o Premio Trasalba (2019); ademais de numerosos recoñecementos civís como os de Ribadeo ou Viveiro, onde foi nomeada filla adoptiva. Luz Pozo era membro da Real Academia desde 1950, primeiro como membro correspondente e desde 1996, como membro do número.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega promove a presenza da poesía galega no sitio web Asymptote

Asymptote é un dos principais sitios para a literatura mundial en tradución e un portal moi respectado polo mercado no mundo editorial en inglés. Neste número de abril pon os ollos na literatura galega. Alba Cid e Chus Pato encabezan o “Galician Poetry Feature” un dosier que sitúa a cultura galega neste escaparate mundial e que conta co apoio do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O Consello da Cultura Galega inclúe a Ricardo Portela no Álbum de Galicia e ultima un libro homenaxe polo seu centenario

Foi un dos grandes gaiteiros de Galicia. Un loitador pola dignidade deste instrumento que procurou fuxir da consideración da gaita como instrumento para amenización e exhibición patriótica. Era Ricardo Portela e este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. O Consello a Cultura Galega acaba de incluír a súa entrada no Álbum de Galicia, asinada por Ramón Pinheiro, e ultima con Carlos Núñez unha publicación que poñerá en papel as partituras desta figura fundamental. Carlos Núñez explicanos nun vídeo como xurdiu este proxecto no que leva traballando máis de trinta anos.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega traslada o Concerto das Letras ao 30 de outubro

O Consello da Cultura Galega (CCG) acordou adiar o Concerto das Letras Galegas ata o 30 de outubro, en consonancia coa medida adoptada pola Real Academia Galega, entidade promotora do Día das Letras Galegas, que ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19 trasladou o seu pleno extraordinario ao derradeiro día de outubro. Dese xeito, a nova data fixada para o concerto, véspera do grande acto institucional protagonizado pola RAG, coincide co 110º aniversario do nacemento de Ricardo Carballo Calero. A decisión adoptada polo CCG ante a situación actual afecta tamén ás actividades deste segundo trimestre do ano que ben se trasladan de data no calendario ben se adaptan a unha contorna virtual.

Ler máis

Completamos o proxecto “Trinta anos de audiovisual galego” co filme “Urxa”

“30 anos de audiovisual galego” é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia para dar a coñecer os tres filmes fundacionais do cinema galego. O proxecto culmina hoxe poñendo na rede "Urxa", o filme de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal que abriu un novo capítulo no audiovisual galego. Está dividido en tres capítulos ou relatos breves, ideados orixinalmente como curtametraxes independentes, que narran tres momentos na vida de Urxa (Luma Gómez), unha muller con poderes sobrenaturais que representa o estereotipo da bruxa na tradición galega.

Ler máis

As voces femininas centran a novena entrega do proxecto Lousas

Mari Isaura, Ángeles Ottein, Ofelia Nieto e Matilde Vázquez son catro intérpretes galegas que protagonizan a novena entrega da colección de lousas do fondo do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta selección permite escoitar as voces destas sopranos galegas que gozaron dunha frutífera carreira durante a primeira metade do século XX.

Ler máis

Recuperamos unha publicación que analiza o uso do galego na liturxia

Neste Domingo de Ramos recuperamos este estudo do ano 1987 sobre o uso e actitude da igrexa católica diante do galego. Xesús Ferro Ruibal fai unha análise sociolingüística sobre a progresiva castelanización da Igrexa, o que a motivou, e as diferentes actitudes do clero en canto lingua vehicular. Incide na comparación do caso galego co doutras linguas minorizadas principalmente tras o Concilio de Trento, no que a Igrexa animou aos párrocos a utilizaren as linguas vernáculas para evanxelizar.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega amplía a colección Clásicos da emigración con “Cousas gallegas” de Fortunato Cruces

Detrás de “Cousas gallegas” hai poemas, discursos e outros materiais que o xornalista e avogado Fortunato Cruces publicou en 1923. É tamén o terceiro volume da colección Clásicos da emigración coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración recuperan, en edición facsimilar e con estudos introdutorios, obras fundamentais para entender o fenómeno migratorio. Nesta ocasión o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, é o encargado da análise da obra. Ademais da publicación, o CCG presenta a entrada de Fortunato Cruces no Álbum de Galicia, así como a difusión de diferentes exemplares de “Nova Galicia”, o xornal que dirixiu e que tivo bastante repercusión en Arxentina.

Ler máis