Actor, escenógrafo, iluminador e deseñador gráfico, vinculado a Sarabela TeatroSuso Díaz Seoane, coñecido como Suso Díaz, e, agarimosamente para as súas persoas máis achegadas, como Su, foi un actor, escenógrafo, iluminador, deseñador gráfico, escultor, director e autor teatral galego, nado o 15 de xullo do ano 1971 en Suíza, e finado e...
Actor, escenógrafo, iluminador e deseñador gráfico, vinculado a Sarabela TeatroSuso Díaz Seoane, coñecido como Suso Díaz, e, agarimosamente para as súas persoas máis achegadas, como Su, foi un actor, escenógrafo, iluminador, deseñador gráfico, escultor, director e autor teatral galego, nado o 15 de xullo do ano 1971 en Suíza, e finado en Ourense o 12 de outubro de 2010.
Naceu na localidade suíza de Uznach, no cantón de Sankt Gallen, no ano 1971. Aos catro anos, Suso regresou coa familia a Galicia, á aldea familiar sita no Concello de Pereiro de Aguiar. Destacou dende cativo pola súa creatividade e pola súa sensibilidade e a súa irmá Teté lémbrao sempre imaxinando e creando cousas novas. Esa creatividade xa se plasmara nas funcións escolares e noutras representacións estivais na aldea, pero o principal pulo para que conectase de cheo co mundo do teatro foi coñecer a Ánxeles Cuña Bóveda na Universidade Laboral, e asistir ás súas clases de Creación e Escenificación. A raíz diso incorporouse a Sarabela Teatro no ano 1988, cando aínda era Agrupación Teatral Xuvenil Independente, viviu o seu paso a compañía profesional no ano 1990, e mantivo o vínculo profesional e persoal con ela durante toda a súa vida.
Era un artista multidisciplinar, con grande habelencia nas diferentes áreas creativas a través das cales se expresaba, pero un dos campos que máis lle gustaban era o da actuación. Como actor formou parte do elenco de numerosas montaxes de Sarabela Teatro:
Xacobe ou a submisión, de Eugène Ionesco, no ano 1988;
Super tot, de Benet i Jornet, en 1989;
Madame de Sade, de Yukio Mishima, no ano 1990;
Xacobe e o seu amo, de Milan Kundera, no 1993;
Cama (2 por 2 para 2), de Sergi Belbel, en 1994;
A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, en 1996;
Afección, de Ánxeles Cuña Bóveda, Begoña Muñoz Saa, Carlos Couceiro e Fernando Dacosta, en 1997;
Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, e
Os soños de Caín, tamén de Ánxeles Cuña Bóveda, Begoña Muñoz Saa, Carlos Couceiro e Fernando Dacosta, no ano 1999;
O lapis do carpinteiro, adaptación da novela de Manuel Rivas, no ano 2000, na que fixo o papel do doutor Daniel Da Barca;
Sexismunda, adaptación de
La vida es sueño, de Calderón de la Barca, no ano 2001;
Así que pasen cinco anos, de Federico García Lorca, en 2003;
O heroe, de Manuel Rivas, en 2005;
Margar no pazo do tempo, de Ánxeles Cuña Bóveda, en 2007;
A esmorga, na segunda montaxe da peza que fixo a compañía, en 2009; e
O incerto señor Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, en 2010; en todas elas baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda; así como en
Macbeth, de William Shakespeare, en 2005, baixo a dirección de Helena Pimenta. No Centro Dramático Galego traballou como intérprete na montaxe de
Leoncio e Helena, de George Büchner do ano 1992, tamén baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda.
Foi deseñador de escenografía en numerosas montaxes de Sarabela Teatro:
Sexismunda, no ano 2001;
Así que pasen cinco anos, en 2003;
Rolda de caricias (de Sergi Belbel, baseada na Rolda, de Arthur Schnitzler), en 2004;
A gata con botas (de Ánxeles Cuña Bóveda, a partir do conto de Perrault), tamén no ano 2004;
O heroe, en 2005;
Cristovo e o libro das marabillas, (de Fina Calleja) en 2006;
Margar no pazo do tempo, no ano 2007;
A esmorga, no ano 2009; e
Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas (de Christine Nöstlinger), e
O incerto señor Don Hamlet, no ano 2010. Polo seu labor como escenógrafo obtivo varios Premios María Casares, en concreto polas pezas
Así que pasen cinco anos,
O heroe (baixo a sinatura de La Faust Und Volk) e
A esmorga.
Fixo o deseño de iluminación nas montaxes de pezas como, entre outras,
Cama (2 por 2 para 2), do ano 1994, con Antón Rodríguez;
O lapis do carpinteiro, en colaboración con Antón R. Macías e Ánxeles Cuña Bóveda, no ano 2000;
A illa amarela (de Paloma Pedrero) e
Sexismunda, no ano 2001;
A conxura dos necios (de John Kennedy Toole), en 2002;
Así que pasen 5 anos, en 2003;
O heroe e Macbeth, en 2005;
Cristovo e o libro das marabillas, en 2006;
Margar no pazo do tempo, no ano 2007;
Cósima (de Chris Baldwin), en 2008; ou
A esmorga,
Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas, e
O incerto señor Don Hamlet, as tres en 2010. Foi finalista en varias ocasións e obtivo o Premio María Casares polo seu traballo de deseño de iluminación para as montaxes
O lapis de carpinteiro, que realizou con Ánxeles Cuña Bóveda e Antón R. Macías;
Sexismunda;
A esmorga, na posta en escena do ano 2009; e
O incerto señor Don Hamlet (esta de xeito póstumo).
Ao rematar o instituto e facer a selectividade, Suso decidira marchar a Vigo para estudar Filoloxía, pero uns meses despois, sentindo que a carreira non era o que el esperara, decidira deixala e marchar á Coruña, onde fixo un curso xeral de Vídeo na Escola de Artes Imaxinarias da Coruña. Ao rematalo, volvera a Ourense e estudara Deseño Gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde, onde coñeceu a persoas coas que estableceu unha moi importante relación creativa e de amizade, como Araceli Gallego.
Como deseñador gráfico, Suso levou o deseño corporativo da compañía así como o deseño do material que acompañaba as producións, tanto carteis como
dossieres, dunha maneira constante dende 1999, con
Os soños de Caín, aínda que xa o viñera facendo dende antes coa colaboración de Araceli Gallego, baixo o nome de 1:MEDIA. Tiña un estilo moi persoal que se nutría da inspiración no traballo dos seus referentes artísticos, xerando en cada montaxe unha liña gráfica diferente, mais mantendo sempre o seu selo propio.
Ademais, Suso colaborou habitualmente nas áreas de escenografía, iluminación, técnica, deseño gráfico, formación e dirección nas tarefas desenvolvidas pola Aula Universitaria de Teatro de Ourense, a Mostra de Internacional de Teatro Universitario (MITEU), e a Mostra de Teatro Infantil (MOTI); e foi director técnico do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) durante oito anos.
No ano 2006, ao tempo que mantiña esas liñas de traballo, Suso creou a súa propia compañía, La Imagina Machina, vinculada a Arteficción S.L. Con ela puxo en escena
A viaxe de Efi, unha obra escrita e dirixida por el, na que tamén asumiu o deseño de escenografía e iluminación e o deseño gráfico. Era unha peza dirixida ao público familiar chea de fondura que recollía o universo creativo de Suso e que tivo moi boa acollida; con ela obtivo o premio do público no Fetega no ano 2006. Dous anos máis tarde fixo unha montaxe do
Ubú Rei, de Alfred Jarry, na que tamén asumiu a dirección, a dramaturxia, o deseño de iluminación e escenografía e mais o deseño gráfico.
Suso Díaz faleceu o 12 de outubro de 2010 aos trinta e nove anos, pouco máis dun par de semanas despois da estrea d’
O incerto señor Don Hamlet, de xeito repentino. Foi un durísimo golpe para a súa familia e amizades, e para o equipo de Sarabela, que uns meses antes afrontara xa o falecemento de Begoña Muñoz Saa, así como unha enorme perda persoal e artística para as artes escénicas galegas.
O 10 de novembro de 2011 o Teatro Principal de Ourense acolleu o Sufestival, en homenaxe e recordo de Suso no primeiro aniversario do seu pasamento. Ánxeles Cuña Bóveda, dende Sarabela Teatro, tamén lembrou nestes anos en numerosas ocasións a potencia creativa e a calidade humana de Suso, referíndose a el como
o home de teatro total
, e como
poeta do espazo, alquimista da luz e construtor de soños
; uns soños que seguen vivos na memoria da escena.
Agradecementos
A Ánxeles Cuña Bóveda, a Teté Seoane, a Nate Borrajo e a Araceli Gallego, pola súa prezada axuda para a elaboración da biografía e as súas achegas de material gráfico.
Principais fontes consultadas
Ánxeles Cuña Bóveda e Teté Seoane.
Páxinas web de referencia
Información sobre Suso Díaz na páxina web do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Páxina web do Centro Dramático Galego
Páxina web de Sarabela Teatro
Bibliografía
Cuña, Ánxeles e Dacosta, Fernando: 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005. Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2005.
Ogando González, Iolanda: «Teatro, cultura pop e contrapensamento n’A viaxe de Efi de Suso Díaz Seoane». En Groba Bouza, Fernando e Dono López , Pedro: Galegos no Minho. Vinte anos do Centro de Estudos Galego na Universidade do Minho. Famalicão: Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho; 181-196.