Primeira profesora da facultade de Farmacia da USCMaría Teresa Josefa Blanca Fernández Rodríguez naceu o 15 de setembro de 1913 en Chantada (Lugo). Morrería o 20 de xuño de 1973 na cidade de Lugo. O seu pai foi Jesús Fernández Taboada, nacido en 1885 na parroquia chantadina de Santa Uxía de Asma; a súa nai, Marcelina Celia Rodríguez Bouza...
Primeira profesora da facultade de Farmacia da USCMaría Teresa Josefa Blanca Fernández Rodríguez naceu o 15 de setembro de 1913 en Chantada (Lugo). Morrería o 20 de xuño de 1973 na cidade de Lugo. O seu pai foi Jesús Fernández Taboada, nacido en 1885 na parroquia chantadina de Santa Uxía de Asma; a súa nai, Marcelina Celia Rodríguez Bouza, nacida tamén en 1885, era natural de Pontevedra. María Teresa tivo unha irmá e dous irmáns. Carmen, a súa irmá, naceu en 1912 e licenciouse en Filosofía e Letras con moi bo expediente. Os seus irmáns Cándido e Jesús tamén fixeron carreira, o primeiro como avogado e o segundo como médico.
María Teresa quedou orfa sendo moi pequena. A súa tía materna María Áurea Rodríguez Bouza, que era mestra de nenas en Chantada, foi un grande apoio tanto na vida familiar coma nos estudos das nenas e dos menos tras a morte da nai. María Teresa, coñecida por Meresa, preparouse coa súa tía para ingresar no mes de setembro de 1923 no Instituto General y Técnico de Lugo. Posteriormente fai o Bacharelato por ensino non oficial, non colexiado, ata o curso 1926-1927.
A súa tía fai de preparadora e encargada de Meresa, tal e como escribe na instancia que dirixe ao director do Intituto solicitando que lle envíe o expediente para se matricular a súa sobriña en Santiago e facer as materias de ciencias do chamado bacharelato universitario. O 27 de setembro de 1928, remata este período de estudos e foille e foille expedido o correspondente título de bacharela na na sección de ciencias. Durante este tempo viviu na rúa Algalia de Arriba 35 e nos documentos figura como encargada da vivenda dona Concepción Campo.
De seguido matrículase e estuda Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, desde o curso 1928-29 ata rematar en 1932-33. No último curso destaca polas brillantes cualificacións, especialmente en Análise Química onde consigue un sobresaliente con matrícula de honra. Realiza o depósito para o título de licenciada o 1 de agosto de 1932. Na orla da súa promoción aparecen outras pioneiras dos estudos de Farmacia en Galicia.
Ao terminar a carreira fai investigación no Laboratorio de Análise Química da Facultade de Farmacia, materia na que destacara nos últimos cursos co profesor Aniceto Charro Arias. Seguindo o procedemento da época, Charro Arias propón a María Teresa Fernández para exercer como profesora axudante de clases prácticas de Análise Química, proposta que debe ser aprobada nunha xunta de Facultade. Durante esta etapa de investigación, Meresa prepara a súa Tese de Doutoramento.
Foi a primeira profesora na facultade de Farmacia xunto con Celsa Pérez Moreiras, nomeada para a materia de Técnica Física durante o curso 1933-34. Estes cargos non tiñan retribución e dependían dos orzamentos da facultade para recibir algunha compensación económica. Nese tempos chegaron a ser nove as docentes entre as facultades de Ciencias e de Farmacia. Como profesoras preparaban e impartían as clases prácticas das materias para as que eran nomeadas.
Dos tres anos de traballo de investigación no laboratorio xorden varias publicacións. En 1933, en colaboración con Aniceto Charro Arias, publica o estudo «Análisis de los mostos gallegos» no número 44 da revista
La voz de la Farmacia, editada en Madrid. Colaborou tamén con artigos na revista
Anales de la Universidad de Santiago como «Composición química de productos alimenticios gallegos» e «Análisis de las aguas minero - medicinales de Galicia».
No ano 1936, co comezo da guerra civil e a represión na Universidade, regresa a Chantada sen rematar o seu doutoramento. En Chantada tivo unha Oficina de Farmacia na rúa do Comercio e alí desenvolveu a súa vida profesional ata 1973, ano en que faleceu. Exerceu tamén como inspectora famacéutica municipal do concello de Chantada, tras superar os exames realizados en marzo de 1936 para ocupar a praza en propiedade. O seu nomeamento como inspetora municipal xerou un preito que foi recollido na prensa. O
Boletín Oficial del Estado de 11 de xuño de 1940 publica o «Escalafón provisional de Inspectores Farmacéuticos Municipales», no que figuraría Meresa.
Coincidiu na súa etapa profesional coa médica pediatra Eloisa Rivadulla, outra gran pioneira. En máis dunha ocasión compartiron opinións e recomendacións nos seus tratamentos e preparoulle formulacións, tal como era necesario naqueles tempos nos que a fabricación industrial de fármacos era escasa. Pola súa farmacia pasaban a consultarlle os veciños as doenzas e tamén as curas de feridas acidentais e sempre tiña bos consellos para a saúde e os coidados de nenas e nenos, tanto na alimentación coma na hixiene persoal.
Trasladábase con frecuencia á Coruña, onde tivo vivenda, e participou da vida social da cidade. Foi unha boa nadadora e unha gran viaxeira, chegando a coñecer moitos países europeos, e era moi querida polas súas sobriñas.
Bibliografía e fontes documentaisPintos Barral, Xoana (2011): As primeiras docentes de ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Comisión de Igualdade. [Documento electrónico].
Fernández García, M.ª Isabel (2021): Pioneiras da ciencias de Lugo. Lugo: Colectivo Egeria.