Escritor. Director da Editorial Galaxia e da revista Grial. Presidente do Consello da Cultura Galega Carlos Casares naceu en Ourense, mais, cando el tiña tres anos, a súa familia trasladouse a Xinzo de Limia, onde o seu pai exerceu como mestre. Aos once anos ingresa no Seminario de Ourense, e con dezasete remata o bacharelato por libre no Institu...
Escritor. Director da Editorial Galaxia e da revista
Grial. Presidente do Consello da Cultura Galega Carlos Casares naceu en Ourense, mais, cando el tiña tres anos, a súa familia trasladouse a Xinzo de Limia, onde o seu pai exerceu como mestre. Aos once anos ingresa no Seminario de Ourense, e con dezasete remata o bacharelato por libre no Instituto de Ensino Medio de Ourense. Daquela, comeza a manifestar as súas inquedanzas literarias, e entra en contacto con Vicente Risco e o seu círculo intelectual ourensán. No curso 1962-63 inicia a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, onde coñece a Arcadio López-Casanova, e grazas a el traba relación con Ramón Piñeiro, ligándose ao núcleo da cultura galeguista e antifranquista. Neses anos tomou parte no movemento universitario, involucrándose nas actividades da Asociación Democrática de Estudiantes (ADE). Entrementres, estrearase como narrador publicando catro relatos na revista
Grial, tres dos cales pasarán ao seu primeiro libro publicado, titulado
Vento ferido, que sae do prelo en 1967 na Editorial Galaxia, cunha afervoada acollida do público universitario. En 1969 virá a lume a súa primeira novela,
Cambio en tres, de carácter experimental.
Rematada a carreira, comeza a exercer a docencia nun colexio de Viana do Bolo, onde entra en conflito coa dirección do centro polo seu aberto antifranquismo, o que lle vale a expulsión e a prohibición de exercer a docencia en Galicia. Isto obrígao a procurar traballo en Bilbao. En 1971, xa de volta a Galicia, casa con Kristina Berg, establecéndose en Ourense. Gaña unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española e en 1974 comeza a exercer no Instituto de Cangas, onde é novamente expedientado polo seu antifranquismo. A súa carreira docente culminará como catedrático no Instituto de San Tomé de Freixeiro (Vigo).
Naqueles anos convértese nun precursor da literatura infantil en galego, ao gañar os primeiros premios de dous concursos convocados pola Asociación Cultural "O Facho": un de narrativa, con
A Galiña azul (1968), e outro de teatro, con
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). En 1972 publica a tradución do relato
O principiño, de Antoine de Saint-Exupéry. En 1975 gaña un premio convocado pola editorial Galaxia coa novela
Xoguetes para un tempo prohibido, de contido marcadamente autobiográfico, que acada unha excelente acollida do público e que é galardoada co Premio da Asociación Española de Críticos Literarios (1976). En 1978 ingresa na Real Academia Galega, converténdose no seu numerario máis novo.
Participa na política galega da transición e inicios da democracia, implicándose na reivindicación da autonomía e na posta en marcha do autogoberno. En 1981 é elixido nas listas do PSdG/PSOE ao primeiro Parlamento de Galicia. Do seu labor parlamentario cómpre salientar a redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística e a Lei de creación do Consello da Cultura Galega (1983). Posteriormente, pasa a centrarse no labor cultural, converténdose en director da editorial Galaxia (1986) e da revista
Grial (1988) e chegando a presidir, nos últimos anos da súa vida, o Consello da Cultura Galega (1996). Como xestor cultural, esforzouse en alargar os horizontes da cultura galega, co seu empeño en incorporar nela a comunicación e as novas tecnoloxías, as ciencias sociais e a investigación científica, o urbanismo e o medio ambiente.
Durante a década de 1990 viaxou intensamente, participando en múltiples actividades, como os congresos mundiais do Pen Club en Maastrich, Toronto e Compostela ou o Literarisches Kolloquium en Berlín. No ano 2000 participa no Expreso da Literatura, unha experiencia de convivencia entre oitenta escritores en máis de sesenta linguas europeas, que percorreron en tren toda Europa ao longo de máis dun mes. Nesa década publica a serie de relatos infantís ilustrados arredor da figura de
Toribio (1991-1994), e mais
Lolo anda en bicicleta (1996).
A súa traxectoria narrativa foise consolidando pausadamente, mediante obras con excelente acollida dos lectores, como a colección de relatos
Os escuros soños de Clío (1979), merecente do Premio da Crítica Galega, e as novelas
Ilustrísima (1980), centrada no problema da intolerancia e o dogmatismo, e
Os mortos daquel verán (1987), precursora no tratamento da memoria histórica da guerra civil, que lle valeu o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria (1978). Xa nos últimos anos da súa vida publicou a novela longa
Deus sentado nun sillón azul (1996), unha complexa reflexión arredor do papel dos intelectuais na sociedade actual, que foi merecente do Premio da Crítica Española e que é considerada por moitos como o cume da súa creación literaria. Seis anos máis tarde viría a lume a súa derradeira novela,
O sol do verán (2002), unha intensa narración de ton elexíaco que retoma o tema do amor imposible, recorrente na súa obra.
Ao longo da súa vida colaborou como articulista en xornais coma
La Región,
El País e
La Voz de Galicia. A este último diario estivo ligada boa parte da súa traxectoria xornalística, coas seccións "A ledicia de ler" (1975-1992), "Á marxe de cada día" (1987), e sobre todo, "Á Marxe", que atinxiu unha enorme popularidade. A súa obra xornalística mereceu os premios Fernández Latorre (1993), Julio Camba (1995) e Roberto Blanco Torres (2002). Como biógrafo, ensaísta e editor legou monografías, artigos e diversos traballos sobre autores como Curros Enríquez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Martín Sarmiento, Ramón del Valle-Inclán, Gonzalo Torrente Ballester e Ramón Piñeiro. O personaxe que máis influíu na súa vida e no seu pensamento foi este último, a quen dedicou a biografía
Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, e de quen editou a obra
Da miña acordanza (2002). Un escritor que atraeu fortemente a súa atención foi Ernest Hemingway, de quen traduciu a novela
O vello e o mar (1998), e de quen rastrexou o paso por Galicia (
Hemingway en Galicia, 1999). Unha boa presada dalgúns dos seus mellores ensaios foi reunida por el mesmo no volume
Un país de palabras (1998). Postumamente, viñeron a lume as recollas de relatos
O suicidio de Jonas Björklund e de ensaios
O expreso da literatura (2017).
Célebre conversador e prosista extraordinario, a clareza, a sutileza e unha fina ironía constitúen as marcas máis características do seu estilo, ao que se aliou un intenso afán renovador das técnicas narrativas. Como narrador e xornalista literario é unanimemente considerado unha figura senlleira das letras galegas:
é un dos máis grandes narradores galegos da segunda metade do século XX
(Ángel Basanta),
pervivirá na historia do noso país como un dos narradores máis importantes da modernidade
(Camiño Noia). Especialmente importante para a normalización da lingua foi a súa achega xornalística, que atinxiu un público extraordinariamente amplo. Viviu a lingua e a cultura galegas desde dentro, pois as tiña fondamente entrañadas desde a súa infancia, mais como home culto do seu tempo foi un cidadán da república universal das letras. Activamente involucrado na proxección internacional da cultura galega, coa súa implicación incansable nos seus diversos campos acabou converténdose nunha das súas figuras máis representativas.
Bibliografía primaria
Narrativa
Vento ferido, Vigo: Galaxia, 1967.
Xoguetes pra un tempo prohibido. Vigo: Galaxia, 1975.
Os escuros soños de Clío. Santiago de Compostela: Edicións do Cerne, 1979.
Ilustrísima. Vigo: Galaxia, 1980.
Os mortos daquel verán. Vigo: Galaxia, 1987.
Deus sentado nun sillón azul. Vigo: Galaxia, 1996.
O sol do verán. Vigo: Galaxia, 2002.
Ensaio, estudos, semblanzas e biografías
Ramón Piñeiro: unha vida por Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1991.
Un país de palabras. Vigo: Galaxia, 1999.
Conciencia de Galicia. Vigo: Galaxia, 2017.
Obra xornalística
Á marxe. 10 volumes. Vigo: Galaxia, 2005-2017.
Biografía e estudos sobre a súa obra
Monteagudo, Henrique (2017): Carlos Casares, un contador de historias. Vigo: Galaxia.
Noia, Camiño; Rodríguez, Olivia; Vilavedra, Dolores (2009): Actas Simposio Carlos Casares. Vigo: Fundación Carlos Casares.
VV. AA. (2012): «Carlos Casares, nun país de palabras», Grial, 196.
VV. AA. (2017): «Carlos Casares», Boletín da Real Academia Galega, 378.