NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega recupera a relación histórica coa Habana no quinto centenario da súa creación

O 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará cun intenso programa que arrinca mañá na capital cubana coa inauguración dunha exposición. “O soño cubano da emigración galega é moito máis que unha mostra, é o percorrido que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana” explica o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas. Xunto con María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre por primeira vez a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. O programa deseñado para conmemorar esta cita inclúe, alén da mostra, conferencias e un congreso que se realizará en novembro en Santiago.

A Habana está de festa. O Goberno da cidade lanzou unha gran campaña para conmemorar esta data emblemática que non pasa por alto a destacada pegada histórica que Galicia deixou na cidade. Ao fío destas celebracións, o Consello da Cultura Galega inaugura mañá O soño cubano da emigración galega no que foi o teatro máis importante de América Latina: o Gran Teatro da Habana, antiga sede do Centro Galego. Alí estarán presentes o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, e a vogal da Comisión Executiva, María Xosé Porteiro, que tamén participarán o xoves 17 (11:30 hora local, na Biblioteca Vicentina Antuña da Facultade de Artes e Letras [R/ Zapata y G] da Universidad de La Habana) nunha mesa redonda que analizará a presenza galega na Habana. O acto estará presentado e moderado por Arantxa Fernández, da Cátedra de Cultura Galega “Xosé Neira Vilas”, que colabora no acto, e onde tamén participarán os profesores da Universidade da Habana Sergio Guerra e Cira Romero.

Revisión desde A Habana
“O soño cubano da emigración galega” pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.
A mostra, en palabras de Núñez Seixas, “permitirá coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.

Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.

Revisión desde Galicia
Entre o 7 e o 8 de novembro, as celebracións faranse desde Galicia. Os mesmos comisarios (María Xosé Porteiro e Xosé Manoel Núñez Seixas) coordinan o congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas”, que pretende afondar nas relacións entre estes dous territorios físicos cunha revisión da historia da cidade en clave galega, os movementos migratorios e tamén as pegadas mutuas entre a cultura galega e cubana.

Ademais, seguindo a liña de difusión do patrimonio documental producido pola colectividade galega do exterior, acábase de actualizar na rede o Repertorio da prensa galega da emigración (editado en 1998 e froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra), unha listaxe das publicacións galegas editadas —tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega—, que están relacionadas co feito migratorio. En total hai unhas 756 referencias hemerográficas correspondentes a publicacións que presentan unha variada tipoloxía: boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, prensa política, e publicacións institucionais, entre outros documentos.

Galicia-A Habana
A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno.