Isaac Díaz Pardo
Santiago de Compostela, 22/ 8/1920 - A Coruña, 5/1/2012Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Polifacético artista. Creador do Laboratorio de Formas a través do que recuperou a memoria e as formas tradicionais galegas
A prolífica e enriquecedora vida de Isaac Díaz Pardo comezou o 22 de agosto de 1920, día en que naceu na casa da Tumbona, nº 37 da rúa das Hortas de Santiago, onde o seu pai, o artista Camilo Díaz Baliño, se instalou como escenógrafo e director da empresa de exhibición cinematográfica e teatral fundada por Isaac Fraga. E Isaac, desde pequeniño, axudaba ao seu pai encintándolle os panos, pintando fondos e estarcidos e facéndolle rotulacións e debuxos ao mesmo tempo que presenciaba as reunións de Camilo cos intelectuais que se reunían no seu taller, desde Castelao ou Ánxel Casal ata os máis novos da xeración das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Esa foi unha escola que, por osmose emocional, foi formando a personalidade de Isaac nos principios galeguistas que os orientaban:
Prendinlle na cabeza do meu fillo, unha estreliña forxada na irmandade(Camilo Díaz Baliño, 1930).
Estatuto de Autonomía
Con quince anos de idade, Isaac implicouse na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. No taller de Díaz Baliño realizouse toda a propaganda do plebiscito. Camilo fixo un cartel e Isaac catro, tres asinados co pseudónimo “Xalo” e outro co seu propio nome. Castelao, que andaba moi atarefado coa campaña plebiscitaria non tiña tempo de compoñelos, así que lle deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle:
Isaíño, faimos ti.
Guerra civil
Ao estalar a Guerra Civil, dada a traxectoria galeguista de Camilo e a de militante das Xuventudes Socialistas Unificadas de Isaac, o desasosego apoderouse da familia Díaz Pardo. A finais de xullo encarceraron a Camilo e no amencer do día 14 de agosto asasinárono, aparecendo o seu cadáver, xunto ao do estudante de Medicina Sixto Aguirre Garín, en Palas de Rei, nas proximidades do lugar de Saa, na parroquia de Meixide.
A muller e os fillos souberon que Camilo fora liberado e que os falanxistas o retiveran por Teresa dos Chismes, unha veciña que axudaba a Antonia nos labores domésticos, que ao ir pola mañá a levarlle o almorzo regresou coa noticia de que o liberaran. Cando Antonia oíu que Camilo saíra do cárcere e non regresara á casa, presentindo o ocorrido ao seu marido, perdeu o sentido e non o recobrou nos dous anos que sobreviviu ferida por un cáncer. Camilo e Antonia tiñan, ambos os dous, corenta e sete anos.
Con dezaseis anos acabados de cumprir, Isaac perdeuno todo e pasou de ser un prometedor adolescente educado nos valores republicanos a un mozo baixo sospeita durante a guerra e a posguerra. A nova situación política desbaratou o ideario democrático no que se educou, pero Isaac conservou durante toda a súa vida, con lealdade inquebrantable, as utopías republicanas e autonomistas coas que pretendían cambiar a realidade social e económica de Galicia.
Estudante de Belas Artes e artista plástico
Tras o asasinato do seu pai e de pasar unha longa etapa escondido na Coruña, en 1939, ao amainar a terrible represión inicial, ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando. Pouco despois participou na primeira experiencia en España de deseño industrial da Escola da Palma, visitou os museos máis importantes de Roma, Siena e Florencia, exerceu de profesor de debuxo na Escola de Belas Artes San Jordi de Barcelona e desde 1943 a 1948 dedicouse integramente á pintura e realizou numerosas exposicións na Coruña, Vigo, Madrid, Barcelona e Londres con grandísimo éxito. En 1948, no momento en que se erixía como un dos valores máis consagrados da plástica galega do seu tempo, decidiu abandonar a pintura e dedicarse á industria cerámica para o que, en 1950, puxo en marcha a Fábrica de Cerámicas do Castro.
Como pintor, o seu período inicial fundaméntanse nunha sólida formación académica clásica, coa figura humana e o debuxo como protagonistas (Os afogados, 1946; O concerto da zanfoña, 1946; O bautizo, 1946; O discurso, 1946; A barca de Caronte, 1947) Desde que abandonou profesionalmente a pintura de cabalete foise liberando do clasicismo rigoroso e introduciu na súa pintura a denuncia social, como na serie titulada «Xentes que ollan». É unha obra máis política, propia dun cidadán que se tivo que enfrontar á vida como perdedor da historia. Estamos agora diante dunha actitude expresionista da pintura de Isaac Díaz Pardo.
Cerámicas do Castro
Abandona, pois, a pintura de cabalete e instala no Castro do Samoedo (Sada), onde casara en 1945 con Carmen Arias de Castro, un laboratorio para estudar os caolíns de Sargadelos que Antonio Raimundo Ibáñez usara, a principios do século XIX, para fabricar louza ao estilo inglés. Entre 1946 e 1949 realizáronse as primeiras probas e en 1950, dado o resultado positivo dos ensaios, iniciouse a comercialización cuns produtos con boa aceptación no mercado, o que posibilitou a xeración de recursos e a expansión da empresa. Nun principio a produción consistiu case exclusivamente en reproducir en porcelana finísimas pezas ornamentais orixinais de Isaac. Pouco despois iniciouse a fabricación de servizos de mesa en finísima porcelana translúcida. Tratábase, por tanto, de verter a arte en produtos de consumo popular, capaces de integrar a creación artística e o deseño na cadea de produción industrial, de facer unha seriación mecánica e achegarse ao concepto máis moderno de igualitarismo e benestar social.
A Magdalena, ponte coa Galicia do exilio
Os ecos das virtudes da planta de cerámica do Castro espertaron interese á outra beira do Atlántico e, en 1955, Isaac viaxou á Arxentina para instalar a Fábrica de Cerámica de Magdalena a 108 km de Bos Aires. Na Arxentina atopou Isaac unha colectividade de emigrados e exiliados que gardaba a herdanza da cultura galega republicana. En Bos Aires e na Magdalena mantivo numerosas reunións coas figuras esenciais da cultura galega alí trasterradas, nas que se concibiron diversas actuacións tendentes a recuperar a memoria histórica de Galicia, interrompida en 1936. A idea concretouse no Laboratorio de Formas de Galicia, ente teórico e viveiro de ideas creado en 1963 ao asinarse un convenio de colaboración entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, aos que pouco despois se uniu o arquitecto Andrés Fernández-Albalat.
Laboratorio de Formas
O Laboratorio de Formas foi creado como un responsable ideolóxico: O LF son dúas siglas que encerran un proxecto de rehabilitación da identidade e da memoria histórica, un epígrafe de compromiso coas causas xustas, nado no exilio e desenvolvido no contexto final da ditadura española. Máis que unha institución, o Laboratorio de Formas é todo un movemento para axudar a Galicia.
Vertentes do Laboratorio de Formas:
A primeira actividade do LF foi unha actuación edito¬rial, Ediciós do Castro, que deu comezo en 1963 coa publicación de dúas carpetas de gravados de Luís Seoane: El toro Júbilo e O Meco. Ediciós do Castro publicou máis de 1350 títulos nas súas coleccións de Poesía, Ensaio, Narrativa, Filoloxía, Economía, Teatro, Etnografía, Arte e Historia, e moi especialmente a serie «Documentos», que con máis de cento cincuenta títulos tratou de recuperar a memoria dos inmolados e do exilio.
A segunda, fundar en 1970 nas instalacións do Castro de Samoedo o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, que recollería a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega, ciscada polo mundo desde 1936.
A terceira, consistiu en restaurar a actividade de Sargadelos. E así, en 1970 inaugurouse a planta circular. Desde entón a cerámica de Sargadelos, coa cor azul cobalto como elemento de identificación e a actualizada estrela de sete aspas radiais da primeira época como marca, produce louza e pezas ornamentais que actúan de embaixadoras de Galicia no mundo.
Máis tarde creouse o Seminario de Sargadelos, que aínda que era unha institución tecnolóxica e científica, completábase cunha sección de comunicación que deseñaba e vixiaba que Sargadelos non fose só un negocio. O Seminario de Sargadelos organizou, desde 1972 ata 2006, os Encontros Estivais (Escola Libre e Laboratorio Cerámico) nos que participaron máis de dous mil cincocentos alumnos procedentes de todo o mundo.
Uns anos despois da posta en marcha destes emprendementos, o 26 de novembro de 1977 asinouse na sede do Museo Carlos Maside a acta de constitución do Instituto Galego de Información, que completaba as tres frontes ideadas por Seoane e Díaz Pardo -arte, industria e comunicación- para a actuación do Laboratorio de Formas.
Coda
Díaz Pardo, un home imprescindible na industria e na cultura galegas da segunda metade do século XX, no verán de 2006, a golpes de usura e desmemoria, foi apartado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e de Sargadelos. Cos beneficios destas dúas empresas artellábanse unha decena delas: Ediciós do Castro, Museo Carlos Maside, Seminario de Sargadelos, Novo Seminario de Estudos Galegos, Instituto Galego de Información… creadas polo Laboratorio de Formas, que foi o que posibilitou que, da unión de dúas personalidades creadoras e visionarias como Luís Seoane e Díaz Pardo, xurdise a proposta cultural máis importante e transcendente de cantas se teñan feito na Galicia despois de 1936.
Bibliografía
Fontes principais
Díaz Pardo, I. (1956): Unha presa de debuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu Rueiro, Bos Aires: Ediciós Arsnovos.
Díaz Pardo, I. (1970): «Siñificado e orixe da laboura restauradora de Sargadelos», Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia, nº 1.
Díaz Pardo, I. (1987): Tradición e futuro, Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. (1982): «Unhas notas de Díaz Pardo xustificando algunhas das ilustracións do texto e elas mesmas como ilustracións». Epílogo ao libro de Xerardo Díaz Fernández, Os que non morreron. Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. 1987): Galicia hoy y el resto del mundo, Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. (2000): «Testimonio de Isaac Díaz Pardo, que contaba entonces menos de 16 años, de los primeros momentos del alzamiento en Santiago», en Carlos Fernández Santander, Alzamiento y guerra civil en Galicia (1936-1939) T. II, Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. (2007): Tentando construir uma esfinge de pedra. Desassogos de Isaac Díaz Pardo, Sada: Ediciós do Castro.
Fontes secundarias
VV.AA, (1991): Isaac Díaz Pardo. Un proxecto socio-cultural para Galicia, Santiago de Compostela: Concello.
Díaz, Xosé, Muñoz, Luís e Rodríguez, Juan: (2001): Arte/Industria. Isaac Díaz Pardo, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Labirinto de Paixóns
VV.AA, (2006): Isaac Díaz Pardo. Creación e compromiso na Galicia do século XX. A Coruña: Deputación Provincial.
Fandiño Veiga, X.R. (editor) (2012): A luminosa mirada dos ollos de Isaac. Isaac Díaz Pardo. Obra dispersa, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. (Caderno XXIV)
Fandiño Veiga, X.R. (editor) (2018): O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo. Colaboracións xornalísticas (1963-2009), Santiago de Compostela: Consorcio, Andavira Editora.
Fandiño Veiga, X.R. (2020): Memoria do compromiso. Isaac Díaz Pardo. Biografía, Santiago de Compostela: Concello.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Isaac Díaz Pardo. Publicado o 17/12/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1117. Recuperado o 19/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Isaac Díaz Pardo.
Na figura de Isaac Díaz Pardo concorren distintos ideais que teñen como obxectivos a recuperación da memoria galeguista e o impulso das sinerxías precisas para que se constrúa unha Galicia dona de si: como pintor, ceramista e deseñador; como membro activo da colectividade en Arxentina; como promotor de Ediciós do Castro; como empresario fornecendo tecido industrial tanto na Galicia interior coma na exterior, e tamén como intelectual presente en foros políticos e económicos que reflexionan sobre o que é e debe ser Galicia. Díaz Pardo é un referente perseverante pola súa poliédrica personalidade e a súa incuestionable xenerosidade.
Castelao e a arte
“Castelao e a arte” é o tema co que participa Isaac Díaz Pardo no simposio Castelao na Galiza do Século xx, organizado pola AS-PG e a Universidade da Coruña e que tivo lugar no Museo Carlos Maside (Sada) o 27 de novembro de 1999. Na súa intervención, o intelectual compostelán destaca fragmentos de Sempre en Galiza nos que Castelao fala da súa arte como interpretación dos temores e das esperanzas do seu pobo.
Duración: 24' 50''
Sinatura: AS-PG-CON/377
Fondo: Colección AS-PG. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Virxinia Pereira e María Docampo
Díaz Pardo debuxa a lealdade de Virxinia Pereira, viúva de Castelao, cara ao seu home. Menciona tamén a María Docampo para aclarar que a secretaria do político en Nova York é en realidade unha persoa vencellada ao servizo de información do Goberno dos Estados Unidos. A entrevista pertence ao fondo de RNE e está gravada o 13 de outubro de 1986.
Duración: 10' 15''
Sinatura: ACCP00013_01
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Ediciós do Castro
Con motivo do 30º aniversario da publicación do primeiro libro de Ediciós do Castro, ofrécese esta breve entrevista en que Isaac Díaz Pardo fala das liñas de traballo desta editorial indispensable: por un lado, a recuperación da memoria histórica de Galicia e, por outro, a edición de libros científicos do Seminario de Estudos Galegos. A entrevista está feita o 23 de abril de 1993 por RNE.
Duración: 10' 21''
Sinatura: ACCP00259_02
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Un construtor da Galicia contemporánea
Artigo de Isaac Díaz Pardo para La Voz de Galicia sobre a estrea de Macías o Namorado, de Isidro Maiztegui, en Música en Compostela». Ver Documento. Artigo
Díaz Pardo, Isaac: «Macías o Namorado, de Maiztegui, en Música en Compostela», La Voz de Galicia, (20 de setembro de 1964), 7.
Fonte: La Voz de Galicia.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Un diálogo sobre o futuro cultural de Galicia. Ver Texto. Presentación
A importancia das fontes epistolares depende non só dos seus escribidores, senón da relación que sexan capaces de establecer cos seus destinatarios e do sentido que teña esa correspondencia. As máis comúns son cartas familiares que serven para manter os vínculos afectivos ou para dar conta das súas particulares vicisitudes. As cartas orixinadas pola emigración teñen, normalmente, este valor e significado. Pero os epistolarios poden ser moi diversos, ben pola calidade literaria dos seus autores ou ben pola fusión de ideas que se produce a través das cartas cruzadas, nas que as dúas partes deben participar comunalmente na elaboración e defensa de proxectos concretos que van alén de confidencias e noticias familiares. Dito doutra forma, son textos que nacen dunha idea e non dunha continxencia ou da necesidade de manter en vigor os vínculos afectivos ou familiares. Este diálogo epistolar sostido por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo durante dúas décadas ultrapasa o rexistro amical e familiar para se converter no diario dun proxecto cultural, construído a catro mans. Non son un exemplo único de correspondencia mantida de modo estable durante tantos anos, pero trátase sen dúbida dun texto excepcional. Podemos apoñer, a título de comparanza, algúns exemplos semellantes dentro da cultura galega da segunda metade do século pasado, como a correspondencia mantida entre Del Riego e Piñeiro, que permite seguir a creación e desenvolvemento de Galaxia, como editora e como proxecto cultural e político, desde 1950. Tamén se podería pensar, noutro rexistro, na correspondencia mantida por Sánchez Cantón e Filgueira Valverde, na que é posible seguir os pasos dun proxecto cultural diferente, máis de adaptación que de resistencia, na Galicia da preguerra e, nomeadamente, da posguerra. O epistolario entre Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo é talvez o máis coherente de todos, como crónica persoal feita a pé de obra, a propósito da creación dun ambicioso proxecto cultural para a Galicia contemporánea, como foi o grupo Sargadelos e todo o seu entramado.
As cartas entre Seoane e Díaz Pardo achegan un valor singular, ao estaren marcadas por dous feitos que colocan a cultura galega nunha dimensión atlántica: emigración transoceánica e, sobre todo, exilio republicano na Arxentina. Os dous protagonistas destas 331 cartas —e non se conservan todas— escritas durante vinte anos coñeceron de forma desigual aquelas experiencias, pero a biografía de ambos non sería comprensible sen ter en conta a emigración e, nomeadamente, o exilio galego en Bos Aires. No caso de Seoane xúntase ser nacido nunha familia de inmigrantes galegos asentados na capital porteña coa condición de ser un desterrado republicano desde 1936. Asentado na cidade e país onde nacera en 1910, entendía esta segunda estadía en Bos Aires como situación provisoria antes de lograr o retorno á Galicia ibérica, na que se educara intelectual e afectivamente durante os gloriosos vinte anos previos á guerra. Como bo exiliado, non esqueceu nunca a patria perdida e ordenou o seu proxecto vital derredor da necesidade dun retorno á mesma. O regreso comezou en 1961 de forma intermitente ata que foi definitivo en xaneiro de 1979 aínda que, infelizmente, a súa repentina morte na cidade da Coruña non lle permitiu desfrutar daquel retorno definitivo. Pero a súa obra e a súa viúva, Maruxa Seoane, que o sobreviviu máis de vinte anos, ficaron para sempre en Galicia e acompañaron o percurso vital de Díaz Pardo, alomenos ata a súa “morte civil” no 2006, cando é desprazado da dirección do grupo Castro-Sargadelos. No caso de Isaac Díaz Pardo, dez anos máis novo do que Seoane pero igualmente socializado nos valores do republicanismo, o contacto co exilio permitiulle asumir moitos dos seus problemas e, en consecuencia, estar á altura do seu interlocutor.
O campo de traballo de Seoane foi o da creación, deseñando libros, dirixindo editoriais e revistas e, sobre todo, desenvolvendo unha intensa carreira de pintor e de muralista, tanto na cidade de Bos Aires como na propia Galicia, onde deixou pezas memorables no Castro e mesmo en Sargadelos, entre as que sobrancea a Pía do Xunco. En suma, Seoane foi un artista moderno na cidade suramericana máis parecida a París, que soñaba decote con facer de Galicia un lugar de referencia cultural universal. O caso de Díaz Pardo é claramente distinto, pero complementario ao do seu amigo Seoane: o seu campo de traballo foi tanto artístico (pintor e ceramista) como emprendedor de tres fábricas de cerámica, alén de impulsor de institucións e proxectos que pretendían restaurar o pulo cultural da Galicia republicana, tronzado pola guerra civil e polo exilio. El dirixía desde finais dos corenta a fábrica Cerámicas do Castro e foi nesa condición que estendeu a súa actividade industrial a Arxentina. Alí coñeceu un grupo de exiliados como Seoane e un monllo de amigos (Varela, Baltar, Dieste, Cuadrado....) que mudaron a súa visión do mundo e que, sobre todo, deron sentido ás intuicións que levaba canda si aquel pintor e ceramista, fillo do escenógrafo Camilo Díaz Baliño. El tiña unha memoria familiar da experiencia republicana pero non lle foi revelada de forma plena ata que chegou á capital porteña, onde realmente forxa unha nova personalidade. Con todo, e a pesar de dirixir unha empresa cerámica na Arxentina (Porcelanas de Magdalena) durante unha ducia de anos, non foi un emigrante económico nin tampouco un exiliado político, senón máis ben un interlocutor entre as dúas Galicias, ao modo dunha “estación espacial” que, situada no océano atlántico, servise de guía para emigrantes e exiliados que viaxaban entre Europa e América. Foi tamén na Arxentina onde adquiriu unha conciencia política azuada pola revolución castrista en Cuba, a onde estivo tentado de ir tras varios convites do seu amigo Neira Vilas, alí desprazado desde 1960. Así se pode explicar que en 1967, estando de viaxe por Sargadelos na compaña do pintor arxentino Torrallardona, confese que “lloramos con la noticia de la muerte del Ché” ou que, nalgún desabafo posterior, diga que mellor que traballar por Sargadelos sería “más sano y estético irse a Vietnam a matar yankis y aliados de ellos”.
O encontro de Díaz Pardo co mundo do exilio e, de modo máis concreto, con Seoane foise producindo de modo paseniño pois como mostra este epistolario, aínda que iniciado en 1957, non adquire consistencia ata mediados dos anos sesenta. Foi o resultado de se coñeceren de modo máis directo durante a segunda estadía longa de Isaac na Arxentina (outubro de 1957 a decembro de 1959), cando xa non era o “fillo de Camilo” senón un artista recoñecido e director de dúas fábricas de cerámica. Pero coñecerse non abonda para se relacionar e compartir planos para o porvir. O que xurdiu a partir daquelas conversas á beira do río da Prata foi a idea de expandir as experiencias de Magdalena e do Castro para crear un grupo cultural que integrase a experiencia do exilio na Galicia interior e que colocase o problema galego na axenda da oposición ao franquismo. A edición do libro Galicia hoy, do que aquí se dan noticias precisas, ou a participación activa na editorial Ruedo Ibérico, serían exemplos desa estratexia. Desde 1961, en que Seoane fai unha longa viaxe por Europa e, sobre todo, despois dunha temporada pasada no Castro en 1963, comezou un intenso cruce de cartas e ideas entre os dous. Daquel diálogo, normalmente afectuoso pero non exento de desabafos e de críticas mutuas, naceu unha aventura conxunta que se concretou na creación da fábrica de cerámica de Sargadelos e, alén diso, nun plano de modernización cultural de Galicia no campo do deseño, da edición e da difusión cultural, con iniciativas singulares como o Laboratorio de Formas de Galicia, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside ou o Instituto Galego de Información.
Este epistolario mostra que os seus autores eran dúas persoas que traballaban de modo conxunto, na Arxentina e Galicia, para crear ese proxecto transformador. Facíano nun contexto no que actuaban outros grupos coma o de Galaxia e, máis na distancia, o promovido por Cantón-Filgueira. Nesta correspondencia non hai apenas mencións directas a estes grupos, agás a permanente crítica do “arqueoloxismo” que padece a cultura galega, pero tampouco posicións excluíntes explícitas, de modo que na segunda metade dos anos setenta comeza a advertirse unha certa converxencia co grupo Galaxia, coa presenza de moitos dos seus membros nas actividades realizadas tanto no Castro coma en Sargadelos. Pero hai trazos singulares que distinguen os principais actores da cultura galega daquela altura, por máis que partillasen unha educación adquirida nos tempos do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e da mobilización autonomista da II República. A Guerra Civil dividiunos profundamente, con consecuencias especialmente dolorosas para un Díaz Pardo que ficou orfo e para un Seoane que tivo que coller camiño do exilio. Por esta razón, a obra dos exiliados e a necesidade de preservar a súa memoria serían as pezas mestras que marcaron o grupo Sargadelos, achegando deste modo o trazo especial da presenza do exilio ao sistema cultural galego na segunda metade do século vinte. Vencer o exilio e procurar o recoñecemento da obra alí feita foi unha das obsesións deles dous, nomeadamente de Luís Seoane.
Da singularidade deste epistolario eran conscientes os seus autores, en especial Luís Seoane, quen deixa caer de cando en vez algunhas confidencias sobre o mesmo. Con ocasión das duras misivas que se cruzan durante o ano 1972, un tempo de crise persoal e empresarial de Isaac Díaz Pardo á fronte do grupo do Castro-Sargadelos, advirte Seoane que aquela situación “me dio lugar a revisar nuestra correspondencia de alrededor de 15 años, pareciéndome, pasado el tiempo y leída friamente, bastante interesante”. Creo que quen se achegue a estas cartas poderá comprobar canta razón tiña Seoane. Porque elas mostran claramente que os seus autores, sen refugaren confidencias e querenzas afectivas, prefiren centrarse na realización de proxectos concretos, sexan empresariais —que a Seoane non o seducían moito— ou sexan artísticos e culturais. Os dous persoeiros tiñan valores partillados, pero ideas non sempre coincidentes, de modo que se trata dun diálogo entre dúas persoas xeniais que eran capaces de convivir e de discutir francamente (“siempre discutí con mis amigos íntimos y familiares”, confesa Seoane), de discrepar e mesmo de ter desencontros, sen chegaren a romper, e non de todo, ata pouco antes da morte de Seoane. Pero aí está a súa grandeza.
Convidar á lectura deste epistolario é animar a ler e mesmo a reler desde unha nova óptica estes textos agora publicados. Por primeira vez poderán ser lidas as cartas escritas por Díaz Pardo, que adquiren un valor específico ao se colocaren a carón das de Seoane. As deste último foron xa difundidas, mesmo con anotacións do propio destinatario (América Díaz, Luís Seoane. Notas ás cartas a Díaz Pardo, 1957-1979, Ediciós do Castro, 2004), pero iso non quita interese para unha lectura diferente e contrastada, de modo secuencial, cos textos debidos a Isaac Díaz Pardo. No conxunto destas cartas pódese seguir non só como evolúen as relacións mutuas, senón como pensa libremente cada un deles e como son capaces de superar problemas e disensos grazas a unha amizade, persoal e familiar, pero tamén grupal e mesmo transnacional, coa constante presenza de amigos arxentinos en Galicia e coa axuda de amigos comúns, como Valentín Paz Andrade, Domingo García Sabell, Sebastián Martínez-Risco ou Marino Dónega en Galicia e Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Antonio Baltar ou Eduardo Blanco Amor na Arxentina. Case toda a vida cultural das dúas Galicias, a ibérica e a porteña, poderá ser revisada e reconstruída á luz deste diálogo epistolar. Como suxestións de lectura, penso que se poden apuntar algunhas pistas para o lector que se achegue pola primeira vez a este acervo documental.
A primeira é, sen dúbida, a dimensión internacional con que nacen os proxectos que se van configurando (e, por veces, tamén bloqueando, como acontece coa experiencia de Magdalena) durante estes vinte anos. Da fábrica dirixida por Isaac na Arxentina apenas se fala máis que de modo indirecto. Pero hai un recoñecemento especial do valor referencial que tivo Magdalena para pensar o grupo Sargadelos, desde a concepción do Laboratorio de Formas de Galicia como unha versión adaptada do laboratorio alí existente, ata por servir de aliciente para a difusión da obra artística do Castro-Sargadelos entre os amigos arxentinos que, como Horacio Cóppola, Lipa Burd, Luis Baudizzone, Eduardo Jonquières, José Luis Romero ou Scheimberg, comezaron a saber de Galicia por boca de Seoane e a coñecela directamente coas súas estadías no Castro e en Sargadelos, despois de visitaren moitos deles a fábrica de Magdalena. Eles foron, ademais, admiradores —e mesmo compradores— das pezas deseñadas por Isaac ou por Seoane, como as 18 xerras que representan as grandes figuras da época medieval de Galicia (de Prisciliano ou Xelmírez ata Inés de Castro ou Pardo de Cela), concibidas por Seoane como un imaxinario rostro estético da nación galega do que a pintura histórica nunca se ocupara. Non era un proxecto illado nin tampouco vagamente cosmopolita: era un modo de recuperar as raíces culturais e estéticas de Galicia (desde as formas “celtas” ou románicas ao eufónico nome de Sargadelos) e, con elas, crear unha estética moderna que colocase Galicia no campo artístico español.
Un segundo trazo é mostrar, de forma directa e por veces descarnada, o proceso de creación e asentamento dos principais proxectos do grupo Sargadelos, desde cuestións empresariais e políticas ata as máis claramente artísticas e culturais. Neste diálogo, as posicións son diversas por estaren os dous correspondentes en lugares espacialmente distantes. Para Seoane, seguir o día a día das fábricas que funcionaban en Galicia non só era dificultoso pola distancia, senón porque refugaba coñecer polo miúdo os problemas internos daquilo que, algo despectivamente, chamaba as “industrialidades” que privaban a Isaac “del tiempo necesario para tu trabajo” como artista. Sen embargo, para Isaac as fábricas eran o centro do seu proxecto cultural, en tanto que delas procedían os recursos cos que afrontar outras iniciativas (editora, museo, seminarios) e servían de punto de acollida para tantos visitantes, galegos de nación ou non, que se achegaban ao Castro e a Sargadelos cada ano. Alén destas diferenzas entre o “homo faber” que era Isaac e o artista máis puro que era Seoane, neste intercambio epistolar están contadas polo miúdo as pugnas de Isaac cos seus “socios capitalistas”, que o perseguen tanto na Arxentina (os chamados “mondelos” de Magdalena) coma en Galicia, así como o seu peculiar modo de xestionar unha posición accionarial minoritaria nun contexto de fortes tensións persoais, familiares e corporativas, nas que el se vía como un imprescindible “árbitro” da situación. Durante algunhas tempadas Isaac estivo ao borde do precipicio pero, felizmente, foi quen de saír adiante grazas á súa teimosía e a un sentido de responsabilidade, cando non de “templagaitas” —a autodefinición era súa—, do que tivo que botar man mesmo fronte ás críticas do propio Seoane, poñamos por caso na polémica xerada con Celso Emilio Ferreiro, o “vate de Caracas”, cuxas críticas a Seoane, alcumado por aquel como un “Olimpo de palla”, foron claramente desaxeitadas.
A fundación da fábrica de Sargadelos empeza a coller corpo en 1966, sobre todo despois do definitivo abandono do proxecto de Magdalena por parte de Isaac, pero a idea era claramente anterior. En maio de 1964 xa anunciaba Díaz Pardo que “merece la pena pensar en Sargadelos”, o que explica que a idea xa fora falada alomenos con Seoane e que tiñan información sobre a historia daquel lugar e do seu valor simbólico, a través entre outras vías, do pintor Felipe Bello Piñeiro, profesor de Isaac na Academia de Belas Artes de Madrid. Acabada de construír a planta circular en 1969 e inaugurada en maio de 1970, a obra foi recibida de forma entusiasta: “queda formidable”, diría Díaz Pardo en expresión admirativa que moito non prodigaba. A evolución da súa posta en marcha, incluídos os custos económicos e as interquinencias administrativas a que estivo sometida, pode ser seguida de modo directo, ata o punto de que este epistolario será unha fonte de información imprescindible para entender non só como foi pensado o proxecto, senón a variedade de prestacións que foi quen de ofertar. Coa axuda do arquitecto Fernández-Albalat e dun leal grupo de técnicos, Isaac a pé de obra e Seoane desde a distancia, todos eles foron quen de facer realidade unha utopía, a de dotar a Sargadelos dunha nova etapa histórica, despois dos gloriosos tempos de Raimundo Ibáñez e de Luis de la Riva. Erguer unha fábrica na “rasa” cantábrica, por moito nome que tivera o lugar, é a mellor expresión dese soño que, feito realidade en 1970, foi quen de servir de marca para toda unha comarca, referente estético de Galicia e lugar de culto para os seus visitantes, entre eles un “entusiasmado” Álvaro Gil, quen con Ramón Falcón axudou a conseguir a declaración do vello complexo como “conxunto histórico-artístico”. Sargadelos foi algo máis do que unha fábrica: foi tamén un espazo aberto para a cultura e o debate intelectual, funcionando moitas veces como un laboratorio de ideas, especialmente necesarias nos tempos da transición democrática e de construción do réxime autonómico.
Este trazo cultural de Sargadelos tivo o seu correlato nas instalacións do Castro, onde Seoane pugnou constantemente por facer non só un museo de arte contemporánea, senón tamén un outeiro para a cultura máis actual, por medio de exposicións, ciclos de conferencias e, sobre todo, sesións de cine “documental”, do que Seoane era devoto consumidor na cidade de Bos Aires. Durante algúns anos, Xosé Díaz, o fillo máis novo de Isaac, ocupouse de levar adiante as propostas de Seoane, que sempre soñou con divulgar alta cultura nas aldeas galegas. Alén diso, o proxecto de museo foise concretando mediante a construción dun edificio (atribuído á empresa LICSA) e a consecución de doazóns de obras de arte entre artistas e tamén coleccionistas. Na xestión do Museo é onde se fai patente a distancia que había entre os dous amigos: “tu debes cuidar de la Fábrica del Castro y a mí sólo me preocupa el Museo”, dille Seoane en 1974, cando seguían sen estar claras as relacións entre as empresas e o patrocinio do Museo, que nunca conseguiu dotarse dun Padroado que funcionase regularmente. Esta queixa de Seoane, que repite en 1976 (“el Museo es algo que a mí me importa mucho, más que todo el resto de proyectos que hicimos juntos”) mantense de forma constante ata poucos días antes da súa morte, cando anuncia a Isaac e os seus amigos máis próximos (“amigos e irmáns do 36”) que deixaba, “por propia vontade, de pertencer a calquera tipo de sociedade que houbese tido contigo no pasado”, isto é, Laboratorio de Formas, Museo Carlos Maside e Cerámicas de Sargadelos.
Seoane morreu en abril de 1979 e non chegou a ver a expansión e consolidación do grupo empresarial e cultural de Sargadelos. Pero a súa desaparición non supuxo un arredamento do grupo nin o esquecemento da súa figura e da súa obra, senón que, pola contra, tivo lugar un recoñecemento moi xeneralizado por parte da cultura galega e das súas institucións, mediante exposicións, edición de libros, dedicatoria pola RAG do Día das Letras Galegas en 1994 e, finalmente, coa creación dunha fundación que leva o seu nome e que o vincula de forma permanente coa cidade da Coruña. As queixas que Seoane desfía nas súas misivas sobre o pouco aprecio con que se sentía tratado en Galicia volvéronse razóns poderosas para que o seu nome se convertese no exemplo do exiliado que foi quen de pensar Galicia e devolver o patrimonio cultural creado pola mocidade da II República e arrequecido durante o exilio. Nesta recuperación de Seoane non é contributo menor a dixitalización do seu epistolario completo por parte do Consello da Cultura Galega e, desde logo, a edición especial que, como sucede neste caso, se fai dunha parte do mesmo, que afortala a dimensión cultural destas dúas figuras esenciais da Galicia do século vinte. Por esa razón considero especialmente relevante que, con motivo do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, saian a lume de forma completa estes centos de cartas escritas por eles, tal vez para nunca seren publicadas pero que felizmente foron preservadas e ordenadas, no caso de Seoane, por Maruxa. Agora, e na súa memoria, serven para lembrar que, malia as pequenas retesías que mantiveron en vida, foi a posteridade a que os uniu de vez e fixo xustiza a unhas vidas cheas de paixón pola cultura e polo porvir de Galicia. E se houbo alguén que, despois da morte de Seoane, se ocupase de enxalzar a impar obra do seu amigo, ese foi Isaac Díaz Pardo. Ben merecen ambos, máis unha vez, camiñaren xuntos.Artigo. Ramón Villares
Ligazóns de interese
EPISTOLARIO ENTRE ISAAC DÍAZ PARDO E LUÍS SEOANE
Web sobre a vida e obra de Díaz Pardo
América Díaz é a directora dun ambicioso proxecto de crear un web referencial sobre Isaac Díaz Pardo. Nacida no contexto da exposición "As miradas de Isaac", aberta no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, busca ser o "repositorio de referencia para achegarse e estudar a figura deste intelectual galego". O web, concibida como unha malla hipertextual que combina textos elaborados e fontes documentais, "continuará no tempo e irá crecendo con novas aportacións e investigacións".
Procedente de culturagalega.gal
Quiosco: Raigame 37. culturagalega.gal
Isaac Díaz Pardo protagoniza a revista do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo
Entrevistas a Díaz Pardo no soportal AVG de culturagalega.gal
40 anos de Sargadelos
culturagalega.gal
A Casa da Parra acolle en Santiago unha exposición que percorre a obra pictórica do intelectual
Epístolas de
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1957
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1958
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1964
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1964
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1965
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1966
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1966
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1967
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1967
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1967
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1967
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1967
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1968
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1969
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1970
Carta de Rodrigues Lapa a Ramón Piñeiro, 1970
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1971
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo e de Del Riego a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1972
Carta de Díaz Pardo a Seoane e a Fernández-Albalat. 1973
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1973
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1973
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1974
Carta de Isaac Díaz-Pardo a Luís Seoane, 1974.
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1975
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo e de Carmen Arias “Mimina” a Seoane e a Maruxa Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1976
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1977
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1977
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1977
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1977
Convocatoria para a escritura notarial do Instituto Galego da Información. 1977
Circular solicitando datos para o acto constitutivo do Instituto Galego de Información. 1977
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1977
Carta de Isaac Díaz Pardo a Lois Tobío Fernández, 1978.
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Isaac Díaz Pardo a Lois Tobío Fernández, 1978.
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Isaac Díaz Pardo a Lois Tobío Fernández, 1978.
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Convocatoria de reunión para a xunta xeral extraordinaria do Instituto Galego da Información. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Escrito para ratificación de poder notarial na escritura de constitución do Instituto Galego de Información. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1979
Carta de Díaz Pardo a Ángel Vázquez Freire, Marentes e José Luis Vázquez Freire. 1979
Carta de Díaz Pardo a Dieste. 1979
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1979
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1979
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1980
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1991
Carta de Isaac Díaz Pardo a Camilo José Cela. 1992
Videos
Isaac Díaz Pardo e Xesús Alonso Montero. Trailer. O Tempo da memoria
O tempo da memoria. AVG.Culturagalega.gal
Trailer. Isaac
Historias de Vida - Isaac Díaz Pardo
Ísaac Díaz Pardo é un persoeiro fundamental para comprender a historia contemporánea de Galicia. Vínculo entre a Galicia da República e a Galicia da Democracia, este empresario e artista ten traballado e colaborado coas principais figuras políticas e culturais do país.
Culturagalega.gal
Audios
Mesa redonda: Cultura e empresa en Galicia
Programa de homenaxe a Luís Seoane
Publicacións periódicas
Nosa Terra, A (1942-1972) .
Periódico galego
Hogar Gallego para Ancianos (1944-) .
Mundo Gallego [1951-52] (1951-1952) .
Revista de Galicia en América
Vieiros (1959-1968) .
Revista do Padroado da Cultura Galega de México
Ecuador 0º, 0', 0 (1965-1965) .
Revista de poesía universal
Correo de Galicia (1965-) .
El periódico para los 600.000 hogares gallegos del Río de la Plata
Artigos Isaac Díaz Pardo
DíAZ PARDO, I. (1/1977) Cartas á Dirección | Teima. (6), 34.
DíAZ PARDO, I. LEDO, M. (5/1978) Isaac Díaz Pardo: Contra os esperanto na arte | Nosa Terra, A. (18), 7.
DíAZ PARDO, I. (3/1980) Necesidade e satisfacción | Nosa Terra, A. (100), 29.
Libros do ccg sobre Isaac Díaz Pardo
Ánxel Casal, un editor para un país.
2007 | Alfonso Mato, Coordinación.
Catálogos de Lar e Nós
O exilio galego: actas do congreso e repertorio biobibliográfico.
2007 |
O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios.
2006 | Pilar Cagiao, Edición. Xosé M. Núñez Seixas, Edición.
Galicia-Finlandia: modos de pensar.
2002 | Margarita Ledo, Coordinación. Tapio Varis, Coordinación.
A cultura, o mundo, a comunicación: actas das Xornadas celebradas os días 9, 10 e 11 de novembro de 2000, en Santiago de Compostela