Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1985 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1985

Valentín Paz-Andrade (Destinatario/a) · Eduardo Blanco Amor (Mencionado/a) · Castelao (Mencionado/a) · Xosé Núñez Búa (Mencionado/a) · Luís Seoane (Mencionado/a) · Ramón Suárez Picallo (Mencionado/a) · Miguel de Unamuno (Mencionado/a) · Isaac Díaz Pardo (Remitente)
07/07/1985
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
Sargadelos, 7 de xullo de 1985


Sr. Don Valentín Paz Andrade
Vigo


Benquerido Valentín:

Ti me habías dito que os debuxos de cego de Castelao que fixera pra o Galicia os versos pertencíalle tamén. Un dos dibuxos que se expuxo na mostra que orgaizamos, propiedade do Banco de Bilbao, o verso é de Castelao, está sobre o mesmo dibuxo e correxido retocado, por el mesmo. Seoane no seu Castelao Artista, dí que estarían improvisados por periodistas amigos ainda que ten escoitado que os versos eran de Castelao.
Os versos dos dibuxos que publica Luis, algúns non traen firma algunha, mais outros están firmados por R.B., P.V. e W.C.S. Si tes algunha idea de cómo era esto agradecereicha. Estamos a facer seis cegos en memoria de Castelao. Cada un leva nas costas un dos versos. Dado o contido político que teñen si non están feitos por Castelao están inspirados por el. Como se vai facer unha notiña histórica acompañando ás pezas, gostaríanos precisar ese dato. Graciñas.
A familia de Núñez Búa mandoume moitas cousas del: escritos, a maior parte deles xa publicados, moitos sobre cooperativismo, algúns inéditos. Hai cartas de Otero, de Carro, e tamén túas. Hai que facer un traballo de compilación, pois penso que unha selección de traballos, publicados ou non, recuperarán a memoria deste home que mantivo unha conduta exemplar para Galicia. Entre os papeis, que ainda non puden ver ben, veñen os orixinais do Castelao Artista, de Seoane, e o Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor. Estes dous traballos e outro mais, Castelao Político de Súarez Picallo, foran encargados no ano 50 polo Consello de Galicia. Díxose que só Seoane dira cumplimento ó encargo, e eu así o rexistro na solapa da reedición de Castelao Artista. Agora resulta que o traballo de Blanco Amor existiu xa dende o ano 50, e ademais é un formidable estudo que todavía está vixente. ¿quen sabe si tamén foi escrito o Castelao Político por Suárez Picallo?.
Pra un libro no que se compilasen os traballos de Núñez Búa ti terías que facer unha nota limiar relembrando a súa vida. ¿quen senón?. Eu buscaríate datos. Algúns teño que te poderían dar suxestión de relembros. Falaremos destas cousas e de moitas máis. Hai que recuperar esta memoria.
Nada mais por hoxe. Non te deixo en paz. Semella que sigo pra ti o mandado de Unamuno: que Deus non che dé Paz e si Gloria.

Apertas tensas, voso Isaac
Tipo de material
epístola
Data
07/07/1985
Medidas
2 páxinas
Localizacións
orixe: Sargadelos
destino: Vigo
Etiquetas
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:]
Localización física
Arquivo familiar Paz Andrade