Xoán González-Millán
O Grove (Pontevedra), 22/ 6/1951 - Nova York, 23/11/2002Autoría: Dolores Vilavedra
Autoría: Alejandro Alonso Nogueira
A luz da razón e o pulo da paixón
Destacado estudante dende ben pequeno, o que lle valería a obtención reiterada de bolsas de estudo, foi Premio Extraordinario de Bacharelato e licenciouse brillantemente en Filosofía e Letras na Universidade de Comillas (Madrid) en 1976. Ese mesmo ano, coma tanta outra xente da súa contorna natal, instalouse nos USA, onde traballou inicialmente como documentalista na Dag Hammarskjold Library da ONU. En 1982 ingresou no Graduate Center como estudante de doutoramento, da man de Emilio González López, quen remataría a súa vida no exilio como profesor de Historia na devandita universidade, na que puxera en marcha o Program in Hispanic and Luso-Brazilian literatures and Languages. Xan doutorouse neste programa, e nel integraríase como docente en 1990, nunha etapa na que o director do programa era o profesor Isaías Lerner. Lerner e a súa dona, a insigne hispanista Lía Schwartz, foron parceiros indispensables da traxectoria académica da Xan e amigos leais, vencellados os tres pola pertenza a comunidades diaspóricas que coñecían ben a experiencia da marxinalidade (Lerner e Schwartz, de orixe xudía, saíran exiliados da Arxentina).
Os inicios da etapa americana dedicounos Xan a abrirse camiño como investigador, un camiño no que a súa tese de doutoramento, Proceso textual y desintegración narrativa en la novelística de Álvaro Cunqueiro, dirixida polo hispanista Thomas Mermall (outro intelectual fendido polo exilio), sinalou un punto de inflexión nese camiño. Unha vez doutorado, e sendo practicamente descoñecido en Galicia fóra dos circuítos familiares e amicais, axiña se implicou na tarefa de articular a Galicia da diáspora. Así, foi membro fundador da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que presidiu entre 1988 e 1991, etapa na que exerceu como anfitrión do seu IIIº Congreso, celebrado en New York. Dende aquela, o seu compromiso coa difusión da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais foi incansable.
Xan coñeceu a Carlos Casares no IIº Congreso da devandita Asociación, celebrado na Universidade de Brown. Entre ambos estableceuse axiña unha grande complicidade no persoal e unha rechamante sintonía no intelectual que callaría na posta en marcha do Anuario de estudos literarios galegos, revista anual cuxo primeiro número saíu en 1993. O Anuario foi, ao longo da seguinte década, un dos proxectos máis agarimados por Xan e un punto nodal a partir do que articular outras iniciativas, no seu obxectivo de atraer aos estudos literarios galegos investigadores e investigadoras de todo o mundo, nomeadamente do ámbito anglosaxón. O índice dos distintos números permite constatar ata que punto se logrou ese obxectivo.
En 1991, a Real Academia Galega escollera Álvaro Cunqueiro como figura protagonista do Día das Letras Galegas. Este feito sinala un antes e un despois na andaina intelectual de Xan. Para esa xeira, publicáronse en Galicia dúas monografías centradas no escritor mindoniense e asinadas por un aínda descoñecido Xoán González-Millán. Álvaro Cunqueiro: os artificios da fabulación (Xerais) e Álvaro Cunqueiro e «Merlín e familia» (Galaxia) chegaron para mudar de vez as interpretacións dun autor pexado pola etiqueta do
realismo máxico. As achegas de González-Millán fornecían as ferramentas analíticas para descubrirmos todo o potencial subversivo que agochaban as estratexias paródicas e intertextuais das novelas do mindoniense e as súas estruturas narrativas escasamente convencionais.
Mais o camiño intelectual de Xan non remataba en Cunqueiro: o mindoniense sería o punto de partida para un programa de traballo centrado na narrativa galega contemporánea nas súas dimensións discursiva e sistémica, que tivo como primeira entrega Silencio, parodia e subversión. Cinco ensaios sobre narrativa galega contemporánea (1991). Ben que dous dos cinco ensaios que compoñen o volume están aínda centrados na explotación cunqueiriana da parodia como estratexia subversiva, os outros tres presentaban xa avances sobre cuestións que daquela preocupaban ao investigador, estreitamente vencelladas á suposta condición periférica da literatura galega e aos condicionantes que de tal natureza se derivaban para a escrita creativa e a súa recepción.
Os froitos desa inquedanza levarían González-Millán a procurar unha nova episteme dende a que ofrecer hipóteses interpretativas de carácter totalizador, superando a práctica crítica tradicional da narrativa galega, que adoitaba centrarse nunha obra ou no conxunto de obras dun autor. Xan converteuse así no investigador que máis radicalmente anovou os estudos galegos no posfranquismo, uns estudos aínda moi ancorados nos modelos historicistas.
Para enfrontar este proceso de renovación Xan valeuse da socioloxía de Pierre Bourdieu, das teorías sistémicas da escola de Tel Aviv (nomeadamente de Itamar Even-Zohar) e, moi especialmente, das liñas de traballo desenvolvidas nos 90 polo CRELIQ, Centro de Investigación Universitaria da Literatura do Quebec. Daquela o CRELIQ estaba centrado no estudo da literatura como obxecto social e na problemática da configuración do campo literario en sociedades en conflito lingüístico-cultural como a do Quebec. Xan atopou inspiración intelectual nas investigacións de Clément Moisan, Marc Angenot e Denis Saint-Jacques. A pegada do CRELIQ é a que resulta hoxe menos visible e menos citada no amplo abano de referentes intelectuais cos que Xan mantivo un rico diálogo. Porén, sen esa fonda pegada non se poden entender en profundidade as súas dúas obras que máis impacto tiveron non só na comunidade investigadora galega senón no público xeral interesado nestes temas: Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990), publicada en 1994, e A narrativa galega actual (1975-1984). Unha historia social, de 1996.
Na primeira, unha sorte de peche de etapa e, ao tempo, de apertura dun novo ciclo intelectual, Xan tenta esclarecer a cuestión da suposta condición periférica da literatura galega, non tanto dende un punto de vista estritamente teórico coma cartografando algúns dos elementos que a escola quebequesa verificara como altamente funcionais para a consecución da autonomía literaria nos ámbitos discursivo e institucional. Dende unha perspectiva galega, analízanse parámetros como os axentes sociais implicados neses procesos, as dinámicas editoriais, os premios literarios ou as tensións pola hexemonía dos distintos modelos estéticos, tomando a narrativa como protagonista dun estudo de caso. O libro verifica que a literatura galega entrara, coa morte de Franco, nunha nova xeira e deixa constancia de cales foron os factores máis definitorios desa etapa. Mais tamén constataba ata que punto ficaba pendente o reto de superar as persistentes deficiencias históricas no eido da produción e reprodución simbólicas, ámbitos estes que seguían a desafiar a institucionalización social da produción cultural galega. Moi debedor aínda do enfoque socioliterario, Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990) adianta xa algunhas das cuestións que ocuparán os intereses investigadores de Xan na segunda metade dos 90 e comezos do século XXI. Non en balde o libro se abre cunha cita de Antonio Gramsci, posiblemente o pensador que máis interesou a Xan na derradeira etapa da súa vida.
En A narrativa galega actual (1975-1984). Unha historia social desenvólvense de xeito máis pormenorizado algunhas cuestións tratadas no libro anterior, analizadas agora como chaves para a definición do fenómeno literario galego. Mais esta investigación achega unha novidade importante: un reconto anual dos títulos que, ano a ano, foran aparecendo entre 1975 e 1984. Para cada obra, ofrécese un breve resume descritivo e unha revisión panorámica das interpretacións que o texto suscitara no seu momento na crítica. O libro funciona así a modo de peche dun ciclo, poñendo o foco na socioloxía da lectura dende unha perspectiva abranguente, que se vale tanto dos modelos abstractos xerados pola semiótica cognitivista coma das análises de datos empíricos de natureza sociolóxica ou histórica. A pegada desta metodoloxía transversal que Xan tentou aplicar en A narrativa galega actual (1975-1984) é aínda hoxe visible nos estudos literarios galegos.
Dende mediados dos 90, o pensamento de Xan interesaríase progresivamente pola análise da tensión dialéctica entre a cuestión nacional(ista), a articulación institucional da literatura e a dificultosa colocación desta na esfera pública galega. Un dos logros máis sobranceiros desta etapa é o artigo «Do nacionalismo literario á literatura nacional. Hipóteses de traballo para un estudo institucional da literatura galega» publicado en 1994 no Anuario de Estudios Literarios Galegos, e no que establece un par conceptual opositivo e complementario (nacionalismo literario/literatura nacional) que resultou extraordinariamente revelador para varias xeracións investigadoras.
Xoán González-Millán estableceu nos ámbitos académico e intelectual galegos algunhas alianzas intelectuais singularmente proveitosas. Alén do xa comentado vínculo con Carlos Casares e do maxisterio exercido en Alejandro Alonso (formado intelectualmente a pé de Xan no Graduate Center), o caso máis rechamante é o de Antón Figueroa. Ambos coasinan Communication littéraire et culture en Galice (1997), obra na que revisan contributos previos coa finalidade de daren a coñecer en Francia as súas achegas á socioloxía da cultura galega.
O diálogo con Figueroa foise centrando nas comúns inquedanzas arredor da diferenza identitaria como resultado, en cada caso, dun determinado proceso histórico, e na conceptualización da cultura como un espazo de resistencia ao poder. Estas preocupacións constitúen o cerne de Resistencia cultural e diferencia histórica (2000), obra na que Xan empezara a traballar en 1996 e a súa achega de maior ambición teórica, na que dialoga con Gramsci, Craig Calhoun ou Habermas entre outras voces. O ensaio suxire camiños polos que transitarmos cara á construción duns
espazos sociaisgalegos que poidan resultar operativos nos procesos de resistencia ante unha uniformidade globalizadora que daquela Xan percibía xa como unha ameaza para os ecosistemas culturais e contra a que urxía armar estratexias defensivas: no caso galego, a experiencia histórica da subalternidade podería ser revertida na súa condición de
mal históricopara converterse nun mecanismo de resistencia creadora. Todo un desafío para os estudos socioculturais galegos do terceiro milenio e para a cidadanía autoconsciente, interpelada por esta obra a participar como axente activo nos debates teóricos e na praxe civil.
Intensamente sociable e polifacético (melómano, amante da pesca...), activista infatigable dende aquela asociación cultural que argallara de mozo no Grove, a memoria de Xan segue a alumearnos nun mundo cada vez máis precisado da luz da razón e do pulo da paixón que del e dos seus estudos emanaban.
Bibliografía fundamental
Silencio, parodia e subversión: Cinco ensaios sobre narrativa galega contemporánea. Vigo: Xerais, 1991.
Álvaro Cunqueiro: Os artificios da fabulación. Vigo: Galaxia, 1991.
Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990). Vigo: Xerais, 1994.
A narrativa galega actual (1975-1984). Unha historia social. Vigo: Xerais, 1996.
Communication littéraire et culture en Galice. París: L'Harmattan, 1997. En colaboración con Antón Figueroa.
Resistencia cultural e diferencia histórica: A experiencia da subalternidade. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2000.
Como citar: Vilavedra, Dolores : Alonso Nogueira, Alejandro : Xoán González-Millán. Publicado o 21/11/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6005. Recuperado o 21/01/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Cartas de Xoán González-Millán a Carlos Casares
Fonte: Vilavedra, Dolores: «Carlos Casares e Xoán González-Millán. Diálogo sen fronteiras», Grial. Revista Galega de Cultura, 196 (2012), 54-65. [Descarga: 2023-09-20]
Artigo de Xoán González-Millán sobre a literatura no exilio
Fonte: González-Millán, Xoán: «Exilio, literatura e nación». En Núñez Seixas, Xosé Manuel, Cagiao Vila, Pilar (eds.): O exilio galego de 1936: Política, sociedade, itinerarios. Sada: Ediciós do Castro / Consello da Cultura Galega, 2007, 763-788. [Descarga: 2023-10-25]
Artigo de Xoán González-Millán sobre as relacións entre dicionarios e ideas nacionais
Fonte: González-Millán, Xoán: «Lexicografía e nación literaria», Vieiros.com (2001-05-29). [Descarga: 2023-09-20]
Artigo de Xoán González-Millán sobre a tradución ao sistema literario galego
Fonte: González-Millán, Xoán: «Cara a unha teoría da traducción para sistemas literarios 'marxinais'. A situación galega», Viceversa. Revista Galega de Traducción, 1 (1995), 63-72.
Artigo de Xoán González-Millán sobre o nacionalismo literario e a literatura nacional
Fonte: González-Millán, Xoán: «Do nacionalismo literario á literatura nacional. Hipóteses de traballo para un estudio institucional da literatura galega», Anuario de Estudios Literarios Galegos 1994 (1995), 67-81.
Correspondencia enviada por Xoán González-Millán a Antón Risco
Fonte: Galiciana
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía completa elaborada por Arturo Casas . Obra activa e pasiva
Fonte: colaboración de Arturo Casas
Seis anos sen González-Millán
Artigo de Vieiros que recolle manifestacións de amigos e compañeiros feitas cando finou.
Fonte: Vieros.com
https://vieiros.com/nova/70375/seis-anos-sen-gonzalez-millan [Descarga: 2023-09-14]
Homenaxe a Xoán González-Millán
Relatorios de Camino Noia, Arturo Casas, Helena González e Víctor Fuentes no VII Congreso Internacional de Estudos Galegos.
Fonte: González, Helena, Lama, Mª Xesús (coords.) (2007): Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e outros pobos da península. Barcelona, 28 ó 31 de maio de 2003 Sada: Ediciós do Castro/Asociación Internacional de Estudos Galegos/ Universitat de Barcelona, 57-75. [Descarga: 2023-09-20]
Mensaxe inaugural do González-Millán Group for Galician Studies
Fonte: González-Millán Group for Galician Studies
https://www.jiscmail.ac.uk/cgi-bin/wa-jisc.exe?A0=GALICIAN-STUDIES [Descarga: 2023-10-06]
Artigo sobre a produción teórica e crítica desenvolvida por Xoán González-Millán en materia literaria e sociocultural
Fonte: Casas Vales, Arturo: «A teoría crítica da cultura e a planificación dos estudos socioculturais (Para ler González-Millán)», Anuario de Estudios Literarios Galegos 2002 (2004), 29-38. [Descarga: 2023-09-29]
Artigo dedicado a Xoán González-Millán na sección «Necrologies» da revista Estudis Romànics
Fonte: Vilavedra, Dolores: «Xoán González-Millán (1951-2002)», Estudis Romànics , 26 (2004), 490-492.
https://raco.cat/index.php/Estudis/article/view/9005 [Descarga: 2023-10-06]
Xoán Francisco González-Millán. Fillo Predilecto de O Grove
Folleto publicado pola Comisión de Homenaxe a Xoán González Millán.
Fonte: páxina web Xoán González-Millán mantida por Arturo Casas
http://webspersoais.usc.es/export9/sites/persoais/persoais/arturo.casas/DCG/XG-M_Fillo_Predilecto_O_Grove_2003.pdf [Descarga: 2023-14-09]
Ligazóns de interese
Xoán González-Millán e o «nacionalismo literario»
Entrevista a Isaac Lourido
Fonte: Praza Pública
https://praza.gal/cultura/lse-a-normalidade-passa-pela-promocao-indiscriminada-de-qualquer-produto-que-empregue-o-galego-a-nossa-cultura-esta-condenada-a-desaparicaor [Consulta: 2023-09-20]
Páxina Xoán González-Millán
Web bibliográfica sobre a obra de Xoán González Millán
Fonte: Arturo Casas
http://webspersoais.usc.es/persoais/arturo.casas/XG-M.html#Sobre [Consulta: 2023-09-14]
Na lembranza de Xoán González-Millán, por Dolores Vilavedra
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
https://axendacultural.aelg.gal/2012/11/26/na-lembranza-de-xoan-gonzalez-millan-por-dolores-vilavedra/ [Consulta: 2023-10-06]
O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Dolores Vilavedra
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73b78f4208c22bbbe9fd [Consulta: 2023-10-03]
O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Arturo Casas Vales
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73b98f4208c22bbbea05 [Consulta: 2023-10-03]
O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Antón Figueroa
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73b68f4208c22bbbe9f5 [Consulta: 2023-10-03]
O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Álex Alonso
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73ba8f4208c22bbbea0c [Consulta: 2023-10-03]
O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Quenda de preguntas
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73bb8f4208c22bbbea14 [Consulta: 2023-10-03]
Unicornio albiazul en Manhattan
Homenaxe de Gabriel Rei-Doval a Xoán González Millán
Fonte: Gabriel Rei-Doval
https://www.researchgate.net/publication/307991720_Unicornio_albiazul_en_Manhattan [Consulta: 2023-10-09]
Perfil de Xoán González-Millán na web do Hunter College
Fonte: Hunter College
https://www.hunter.cuny.edu/romancelanguages/people/xoan-gonzalez-millan [Consulta: 2023-09-14]
Compilación de estudos nos que diferentes especialistas do ámbito académico galego dialogan criticamente co legado teórico de González-Millán
Casas, Arturo; Lourido, Isaac; Martínez, Cristina (eds.) (2023): Xoán González-Millán: a projeção de um pensamento crítico. Santiago de Compostela: Através Editora.
Fonte: Através Editora
https://www.atraves-editora.com/produto/xoan-gonzalez-millan-a-projecao-de-um-pensamento-critico/ [2025-01-16]
Videos
Xoán González-Millán entre o público dun concerto de Bibiano (1997)
Fonte: Manu Guinarte
https://www.youtube.com/watch?v=2Lo_C6jY1Ng [Consulta: 2023-09-27] O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Dolores Vilavedra
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73b78f4208c22bbbe9fd [Consulta: 2023-10-03] O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Arturo Casas Vales
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73b98f4208c22bbbea05 [Consulta: 2023-10-03] O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Antón Figueroa
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73b68f4208c22bbbe9f5 [Consulta: 2023-10-03] O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Intervención de Álex Alonso
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73ba8f4208c22bbbea0c [Consulta: 2023-10-03] O legado de González-Millán no pensamento do século XXI. Quenda de preguntas
IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009)
Fonte: Universidade de Vigo
https://tv.uvigo.es/video/5b5b73bb8f4208c22bbbea14 [Consulta: 2023-10-03]
Libros do ccg sobre Xoán González-Millán
O exilio galego: actas do congreso e repertorio biobibliográfico.
2007 |
O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios.
2006 | Pilar Cagiao, Edición. Xosé M. Núñez Seixas, Edición.
A lingua galega, historia e actualidade (v. I).
2004 | Rosario Álvarez, Edición. Francisco Fernández Rei, Edición. Antón Santamarina, Edición.
Actas do I Congreso Internacional celebrado do 16 ó 20 de setembro de 1996 en Santiago de Compostela
A lingua galega: historia e actualidade (v. III).
2004 | Rosario Álvarez, Edición. Francisco Fernández Rei, Edición. Antón Santamarina, Edición.
Actas do I Congreso Internacional celebrado do 16 ó 20 de setembro de 1996 en Santiago de Compostela
Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (v.1).
1986 | Darío Villanueva, Coordinación.
Santiago, 15-20 de xullo de 1985