Material
Historias de ida e volta
O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
Retrato de Fernando Blanco de Lema, o filántropo de Cee
Detalle
Poucos retratos se coñecen deste indiano e todos foron feitos despois da súa morte. En 1880 os testamenteiros encárganlle a Federico Madrazo, un dos máis grandes pintores retratistas do século XIX, a realización de varios retratos do filántropo. Para a súa execución envían unha fotografía súa dende Cuba.O retrato reproducido é un óleo (205 x 120 cm) no que Fernando Blanco de Lema aparece de corpo enteiro, cun xesto de meditación e lixeiro sorriso e coa súa man esquerda pousada sobre unha mesa en que hai un libro e varios documentos –nun deles pódese ler: «S. D. Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto, fundador del Colegio y Escuela de Niñas de Sta. María de Cee»–. Nunha esquina aparece a sinatura do pintor e a data da obra (1884). Estaba colocado presidindo o salón de actos do colexio-instituto, baixo un baldaquino para enxalzar a súa importancia como guía da institución. Na Fundación tamén conservan outro de menores dimensións, cun fondo máis difuso e tamén aparece a súa man apoiada nuns documentos; e outros retratos que o pintor fixo dos primeiros testamenteiros do padroado e de Vicente Vázquez Queipo, apoderado en Galicia da Fundación, que dirixiu nos primeiros anos e levou a bo fin os desexos do filántropo.
Outra imaxe moi coñecida do indiano é unha litografía realizada en 1892 polo recoñecido pintor e gravador Bartolomé Maura i Montaner.
Estas pinturas forman parte da magnífica colección artística da Fundación, agora custodiada no Museo que leva o nome do indiano para desfrute dos seus visitantes.


