Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1959
05/05/1959Magdalena, 5 de Maio de 1959
Sr. D. Valentín Paz-Andrade
Vigo
Querido Valentín:
Confírmote unha carta miña do 23 de abril pasado. Días pasados estivemos falando con Antón Baltar sobor da próuxima aparizón do teu libro, a viaxe de Otero a ista o mes de Santiago próximo. Lembramos o proieuto do Instituto Galego de Economía que ti ficabas redautando cando saímos de ahí, e outras moitas cousas. Antón vai a escribirte a pesares de que a racionalizazón do traballo nos empregados púbricos no pran de austeridade de Frondizi o ten bastante amolado.
Estivemos pensando na necesidade e cecais na oportunidade de levar adiante algo semellante a aquil proyeutado Instituto e dar conta d’il coincidindo eiquí coas festas de Sant-iago. Mais que un ente de economía somente habería que pensar en facer unha cousa máis ampria, inda que a rama económica fora a cousa fundamental que o enchese; por exemplo uns «estudos galegos de orgaizazón científica» onde puideran encadrarse outras mais materias. Se isto nacera eiquí en América, logo de proieutarse en Galiza, eiquí debería conservar sempre unha pata pra que inda que certas incremencias pretenderan cortarlle os pes d’isa banda, non somente seguera en pé cos que lle quedasen eiquí senón que istos serían os acusadores no nembricidio, cuios autores pensarían, entón, millor as cousas antes de faguer a tropelía. Nada de política polo meio. E sempre que aparezan xentes téunicas non se lles debe de pedir como pensan n’outro senso nen coma pensaron, o úneco pregarlles que traballen por un intrés común dos galegos. O Instituto non debería ser o labor persoal de ninguén senón o receutáculo onde coinciden as labouras persoaes. N’un principio podería pubricar cousas pra ir determinando camiños. Logo podería ir véndose a posibilidade práutica de proieución en Galiza o traveso das institucións vellas ou coa creazón doutras novas (non debería estar descartada a posibilidade de creazón de unha banca autenticamente galega, que recollera por demais o movemento bancario de cambio dos galegos de América). Eiquí se iniciaría patrocinado por uns cantos personaxes da coleutividade galega e de seguida recabaríanse cuotas, somente das institucións galegas. Ate eiquí ista sarta de divagacións sen comas nen orde algún, pra encher un pouco a folla.
Ti tes moito andado na formazón de isa instituzón que pensamos. O que teñas, e algo máis que poderías ir facendo, poderías ir transmitíndoo. En todo caso agardamos que escrebas e nos digas a túa opinión. En Galiza non vai a pasar máis que o que fagamos nós. Non hai que agardar máis senón faguer algo. Se ten posibilidades de que se faga un miragre temos que encetar a construír os pes e o espiñazo do miragre. Se hemos de ficar agardando soi que o miragre se produza eispontáneamente, é millor facerse conscente da realidade de que ahí no hai ren que faguer, e aceutar como definitiva a sorte onde nos colocaron as circunstancias.
Agardamos túas novas. Reitero miñas lembranzas ós teus: Pilar e Alfonso. Apertas do teu sempre amigo.
Isaac
[Engadido a man:] Non agardes a carta de Antón pra contestar.


