O Consello da Cultura Galega visibiliza o legado de Rosalía de Castro no día do seu nacemento.
A poeta e narradora Rosalía de Castro é a escritora máis canónica da literatura galega. Cada 24 de febreiro, día do seu nacemento, a cultura galega pon o foco sobre a vixencia da súa figura e do seu legado.
A colección de cartas de Rosalía de Castro non é moi abundante, pero permítenos achegar á vida cotiá e ás relacións familiares e de amizade da escritora.
No marco do proxecto epístola pódense consultar cartas que amosan a cara íntima da poeta do Rexurdimento. Entre elas tamén está a carta escrita en 1886 e dirixida a José Villaamil que foi descuberta en 2020.
Ademais, o CCG difunde desde a súa web corporativa un especial que agrupa os contidos de diferentes propostas e actividades desenvolvidas por esta institución ao redor da figura de Rosalía. No Álbum de Galicia figura unha completa entrada que inclúe, alén da súa biografía elaborada polo grupo de investigación Rosalía de Castro, vídeos, audios, epístolas e varias publicacións.
A correspondencia, mes a mes
Por riba do eixe, as cartas escritas por Rosalía de Castro; por debaixo, as que recibiu. As zonas grises son silencios longos. Preme nun mes para ver as cartas dese ano. 6 cartas sen data non aparecen.
Calendario
Cada cadro é un mes; canto máis escuro, máis cartas.
Correspondentes 8
Persoas mencionadas 25
Preme nun nome para ver as cartas que o mencionan. O número indica cantas.
A
B
C
G
L
M
P
R
S
V
Temáticas
Criterios de edición do Epistolario de Rosalía de Castro
Explicación das claves na compilación e ordenación das cartas da célebre autora galega nesta iniciativa do CCG
Este proxecto de edición presenta reunidas por primeira vez todas as cartas conservadas que escribiu Rosalía de Castro. Como é sabido, os fondos documentais da escritora -dispersos e aínda pendentes dunha catalogación satisfactoria- non achegan a totalidade do que en vida escribiu, tanto no terreo da ficción literaria como no do epistolario. A causa non é só a queima póstuma de gran parte dos seus manuscritos -entre eles, moitas cartas a Manuel Murguía- senón tamén a perda de documentos dos que na actualidade só temos constancia a través de testemuños indirectos.
O obxectivo desta edición non se limita a presentar unha versión dixital das cartas, senón que se afrontou unha auténtica revisión, cotexando coas fontes orixinais para evitar perpetuar posibles erros de lectura e fixar os textos nunha edición que poida servir de base a futuros estudos. A falta de manuscritos, buscouse a primeira edición da carta onde se bebeu directamente dun manuscrito agora inaccesible ou inencontrable. É o caso das dúas cartas a Murguía, das que non se conserva manuscrito orixinal, que foron dadas a coñecer por García Martí (1952) ou as cartas a Ángel Baltar publicadas por Fermín Bouza Brey no Cuaderno de Estudos Galegos (1949), e mais a carta a José María Posada publicada por Rafael Chacón en Grial (1982). Finalmente, a dirixida a Waldo Ínsua segue a transcrición publicada en El Eco de Galicia (1886). Todas as cartas son presentadas con mínimas actualizacións de puntuación e de ortografía.
Para as cartas que Rosalía lle escribiu ao seu home, o fondo documental de referencia foi a carpeta Poesías, Cartas y Documentos de Rosalía Castro y Manuel Murguía, custodiado no Arquivo da Deputación Provincial da Coruña, e onde se atopan cinco das sete cartas a Murguía conservadas. Juan Naya foi o primeiro transcritor parcial do epistolario de Rosalía de Castro a Manuel Murguía, pero o seu papel como legatario e transmisor da tradición textual rosaliana en certa medida dificultou o traballo de cotexo filolóxico que, no que atinxe ás cartas, levaba máis de cincuenta anos interrompido. Doutra banda engádense as dúas cartas a Pondal publicadas desde 1959 no Boletín da Real Academia Galega nun artigo de título equívoco, «Unha carta a Rosalía», nunca recollidas nas edicións da obra de Rosalía, das cales se conservan tamén os manuscritos no Arquivo da Real Academia Galega. Ademais a carta a Luis Tobío Campos, reproducida polo seu fillo, Lois Tobío Fernández, no libro As décadas de T.L. (1994) consérvase depositada na Fundación Penzol.
Hai varios erros substanciais de transcrición do epistolario presentado por Naya nos Inéditos de Rosalía, editado por Publicaciones del Patronato Rosalía de Castro (1953), erros que as edicións da obra completa da escritora viñeron repetindo. Dous deles afectan a unha das pezas centrais do epistolario: a carta na que Rosalía de Castro lle anuncia ao seu home a vontade de non volver a «escribir nada en nuestro dialecto, ni acaso tampoco a ocuparme de nada que a nuestro país concierna». O primeiro afecta á data, transcrita por Naya, nos seus Inéditos, como «Lestrove, 26 de julio de 1881» (p. 93), no canto da lección correcta; é dicir, «Lestrove, 25 de julio de 1881». O propio Naya achega a data correcta nas páxinas 19 e 77, o que non evitou que os editores posteriores reproducisen a gralla da transcrición fixando a datación incorrecta. O segundo erro é un salto de liña en virtude do cal se omite un fragmento da carta que presentamos por primeira vez e que achega información complementaria sobre o contexto no que foi escrita.
Ademais da enmenda doutras pequenas supresións ou erros de lectura, esta nova edición das cartas a Murguía presenta dúas sorpresas non menores. Unha é a noticia de que a peza que a Rosalía de Castro lle gustaría escribir nun cuarto do mosteiro de San Lourenzo era Romana, o misterioso proverbio teatral, hoxe perdido, do que dera noticia por primeira vez Ricardo Carballo Calero no seu artigo «Nótulas rosalianas», publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos (1968). Ao figurar elidido o título nas primeiras transcricións, a carta parecía expresar un desexo indeterminado de escribir por parte de Rosalía de Castro, que agora se converte nun proxecto concreto de produción literaria, e no indicio de que a peza teatral formaba parte dun dos seus empeños máis conscientes como autora.
Outra diverxencia substancial de lectura con respecto ás primeiras transcricións do epistolario é a liña «la niña buena» coa que Rosalía de Castro remata outra das súas cartas a Murguía. Nos Inéditos, Naya anota: «Y debajo, 'la niña, buena» (p. 89), pero o cotexto permite comprobar que a liña non está debaixo da sinatura, senón a carón dela, e que a coma non segue ao sintagma «la niña», senón que precede ao nome da propia Rosalía. O que os primeiros transcritores tomaron como unha alusión aos desvelos da escritora pola saúde da súa filla, revélase agora como unha autonominación non exenta de ironía, en perfecta consonancia co carácter autoconsciente e lúdico da totalidade da escrita rosaliana. Finalmente cómpre salientar outro detalle no que de novo o transcritor interpreta desde unha idea prefixada do modelo de muller que forxa para Rosalía de Castro, pois na carta na que fala do seu desalento polo pouco proveito económico que lle pode sacar aos seus textos e se queixa da ausencia de Murguía, onde Naya leu «realidades de los maridos» no manuscrito a autora refírese ás «veleidades de los maridos».
Por último, quixemos que esta edición favorecese ao máximo o esclarecemento da información biográfica relevante para a cabal comprensión do contexto histórico que rodea o epistolario rosaliano. A esta fin obedecen os metadatos que achegan información sobre os nomes que figuran nas cartas, con hipóteses de lectura que afectan a persoas até o de agora descoñecidas como a Ferminita da carta sobre Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero) ou case descoñecidas como Peregrina Compañel, e, familiares que a miúdo inducen a confusión por se repetiren nas dúas pólas do matrimonio Murguía-Castro algúns apelidos. Este traballo de notación biográfica levouse a cabo tendo ben presente que a información achegada debía esclarecer ao máximo a vida e a obra da propia Rosalía de Castro. Lidos no seu conxunto, os descritores presentan un amplo fresco humano que dá a medida dalgunhas das relacións de sociabilidade da autora, máis intensas e continuadas do que se adoitou considerar até o presente.
Finalmente débese ter en conta que esta constitúe a primeira entrega, susceptible de melloras, do proxecto de publicación íntegra do epistolario rosaliano, incluíndo as cartas a ela dirixidas.
Helena González Fernández (Centre Dona i Literatura, Universitat de Barcelona)
María Xesús Lama (Universitat de Barcelona)
María do Cebreiro Rábade Villar (Universidade de Santiago de Compostela)
Créditos
Créditos do proxecto web
Edición:
Helena González Fernández
María Xesús Lama López
María do Cebreiro Rábade Villar
Documentación:
Mariam Mariño
Nela Fraga Rivas
Bases de datos:
Kike Benlloch
Colaboran:
Centre Dona i Literatura, Universitat de Barcelona
Grupo de investigación Rosalía de Castro, Universidade de Santiago de Compostela
Agradecementos:
Deputación da Coruña
Fundación Penzol
Real Academia Galega
Xurxo Martínez González
Xosé Ramón Barreiro Fernández
Colabora
Se coñeces fondos epistolares ou atopas erros ou ausencias neste epistolario, escríbenos a epistolarios@consellodacultura.gal.






