| 1974-04-26 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 26/04/1974
Buenos Aires, 26 de Abril de 1974
Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña
Querido Dónega:
Recibín fai xa días a tua carta. Pola miña parte deixo nas tuas mans o arranxamento do asunto do Museo. Isaac coñece o meu pensamento nunha carta que lle remitín. Eu estou farto de todo esto. O que tí propós de deixar sin efecto o acordo de Cerámicas do Castro, tíñallo proposto a Isaac. Matino que é urxente crear o Patronato que de algún xeito interveña en todo esto. Unha laboura como é a de un Museo non pode ficar suxeta a ningunha vontade persoal. O museo é ó meu xuicio, unha das creaciós mais importantes, co Seminario denantes, con Galaxia, Penzol e Sargadelos hoxe, feitas en Galicia en moito tempo, matinando as facetas culturaes que pode abarcar, un xeito enmáis de impoñer un orden ó pasado inmediato artístico e de estabelecer un cauce, sen cánones, á creación futura, ourentada pola laboura que realice o Museo.
Agradézoche moito o teu traballo no “pleito” en que nos metemos que tivo sido remate do accidente. Eu estou traballando pra as mostras de Buenos Aires, Montevideo e San Pablo, a derradeira ten de se concretar.
Paréceme moi atinada a proposta de Mariñas del Valle pra a Academia. Fai falla que a xente que se leve as instituciós tivesen probado ser merecentes delo pola sua obra, e, enmáis pola sua consagración a Galicia nos anos de proba, que foron todos os derradeiros.
Lembrámonos moito de vos, de Fernanda e tí, e dos amigos comúns que estiveron con nós, acompañándonos, os dous meses do accidente. A actitude de todos vos, ós que estamos moi agradecidos, fixo que ficásemos con desexos de voltar. Eu estaba anímicamente desfeito polos asuntos que ti coñeces. Bueno, as miñas noticias cecáis chegan tarde, mais penso que ti coñeces o meu pensamento como o coñece de fai tempo Isaac. Pola miña parte sinto moito terme metido no asunto do museo sacrificando enmáis unha chea de obras que conservéi durante mais de coarenta anos co soño de facelo, tendo pola miña parte, o éisito que esperaba pola axuda dos amigos que siguen sendo o millor de Galicia.
Unha grande aperta pra os tres de Maruja e miña, pra Fernanda, tí e mais Fernando:
|
| 1974-05-23 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 23/05/1974
Buenos Aires, 23 de Mayo de 1974
Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña
Meu querido Dónega:
Débesme carta, mais hoxe escríboche pra te pedir que inicies os trámites referintes á legalización do Museo si non o iniciaches xa. Recibín unha carta de Isaac onde me fala do pleito do Castro e ó remate refírese a que non estaría de mais que eu che escribise encol deses trámites. Matinaba, pola miña parte, telo feito xa. É moi importante a legalización do Museo e a desiñación do Patronato. Feito esto e o edificio teño moitos plans pra o futuro que serán moi útiles a Galicia, e de feito a Coruña e a todo o radio que vai de Santiago ó Ferrol, dos que xa falaremos cando regrese. E cuasi seguro que voltemos a fins deste ano, despóis de liberarme dos compromisos contraídos nesta, e fora xa o pleito que ti levaches cuio resultado nos alivióu, e mais aliviados estaríamos si soupésemos que non lle pasóu nada ó soldado, únicamente algunha amonestación por eso de defender a moral, algo que, xa se sabe, ten de facer un soldado.
Gostaríame tamén saber, si me contestas, si os dibuxos que estóu mandando deiquí siguen intresando ás xentes. Sei que a Pillado sí, mais gostaríamos coñecer a tua opinión.
Hoxe ren mais. Recibide Fernanda e tí, e Fernando, unha aperta moi garimosa de Maruja e miña.
|
| 1974-06-10 |
|
Ver [Carta mecanografada, con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Dónega a Seoane. 1974 en 10/06/1974
A Cruña, 10.6.74
Luis Seoane
Bs. As.
Meu querido e ademirado Seoane:
Contesto a tua do 23 do mes pasado. Debíache carta, sí. Ben vexo que levas unha boa contabilidade. Mais non o fixen denantes por mor dunha viaxata que argallamos polas terras do Al-Andalus pra lle facer unha visita ao noso fillo. E, xa sabes, entre o previaxe, o viaxe e o postviaxe ficóu todo demorado. Pasámolo mo ben. Impresionounos, especialmente, Córdoba. Alí batemos con vellos e conocidos amigos. Séneca, Averroes, Ibn Hassam, Maimónides, Góngora, Duque de Rivas e... mesmo Manolete, deixámolos, previo o conocemento abstracto que deles tiñamos, cáseque vivencialmente incorporados a nós. E Granada, Motril, Málaga, Ronda, Arcos, Sevilla, Cádiz, Huelva, Rábida, Palos, Moguer, pra voltar por Itálica, Mérida, Trujillo, Cáceres, Yuste, Guadalupe, Plasencia, Salamanca e Zamora. Como verás, polos camiños da millor historia galega. Porque xa sabemos, –tí nolo dixeches– que sempre haberá un paisán noso remexendo nos feitos que aqueles nomes evocan. E, claro está, non deixamos de lembrarte ao noso paso pola serranía xienense, afogada a súa soedade e desertización polos colonos galegos e cataláns –e alemáns católicos– asentados no XVIII por Carlos III nas vellas “Nuevas poblaciones...” Mais, vaiamos ao noso.
Fai xa máis de vinte días que fixen entrega ao noso amigo do anteproiecto dos Estatutos polos que se ha gobernar a nova Fundación. Entreguéillo pra que fixera nél as observacións que a ben tivera. Estóu en agarda das mesmas. Polo de pronto, vexo que do tidúo desaparez o nome de Castelao. Que era, si mal non recordo, idea túa incorporalo ao nome da Fundación. Tan axiña teña algunha nova verbo do choio, faréicha saber. Deica o de agora somentes falou de comenencia de estudar a incorporación ao Consello ou Padroado da Fundación dun representante dunha nonnata asociación de “Amigos” que, naturalmente, habería que constituír. Ben se ve que a simplicidade, que a sinxeleza e que a esencialidade non entran no canón estético e social do noso amigo. A impronta do seu delirante barroquismo fica sempre ben patente onde queira que toque. Con todo, téñolle lei.
O Día das Letras foi un éisito. Tivo moi boa acollida tanto nos medios populares como nos culturais e nos de comunicación social. Semella que é festa que callóu na concencia do país. O nome de Viqueira, cáseque esquecido, foi unha revelación pra moitos.
Tamén estivemos en Padrón co gallo da imposición a Álvaro Gil desa trapallada do Pedrón de Ouro. Vímonos amigos de toda Galicia. O Álvaro estivo algo amolado coa “festa”, mais non a puido refugar. Seica foi presionado por compromisos que non foi quen de vencer. O Isaac lanzou, no nome do Museo Maside, unha fermosa medalla conmemorativa. O etnógrafo portugués Santos Junior foi o mantedor do acto. E no xantar, en Rois, falou don Ramón Otero.
E pra rematar, queremos que seipades da nosa ledicia pola noticia do voso próisimo viaxe á Terra. Entramentras, de nolos dous pra volos dous, cinguidas apertas
Dónega
|
| 1976-04-11 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 11/04/1976
Buenos Aires, 11 de abril de 1976
Sr. D. Marino Dónega Rozas
La Coruña
Meu querido amigo:
Non sabemos nada de vos, Fernanda, Fernando e tí. Escribín en Xaneiro dándovos noticias da nosa chegada e agradecéndovos as vosas atenciós e non recibimos resposta. Pasaron xa algo mais de dous meses e queremos que nos digades como estades, que proieitos tedes, etc. De aquí xa sabedes todo polas noticias dos xornaes. Botaron fora un goberno de delincuentes comúns, de gansters, e de momento os novos levan soio vinte días, respírase paz e traballo. Os que chegaron prometeron voltar pronto á normalidade. Imos ver. De momento, respetan a Constitución.
Buenos Aires está como sempre, inquedo no orde cultural, moito teatro, cine, café-concerts, etc., añadíndolle os domingos os programas para os nenos, arredor de trinta, con cine, teatro e títeres para eles, enmais de concerto, dous ou tres para nenos e neste caso tamén para adolescentes co propósito de inicialos no amor á música. Hoxe é domingo por eso falo desto. Poucas cidades teñen tantos espectáculos adicados á infancia. Mais, como xa deixamos por desgracia de ser nenos e estamos fartos de traballar ao ritmo que esixe Buenos Aires, gostaríanos voltar novamente á Coruña. Este ano teño cinco exposicións de óleos, grabados, o que siñifica facer unhas cen obras novas, e ten de sair, casi seguro, un Bestiario do poeta Alberto Girri con grabados meus en unha edición de luxo. Todo ¿para que? Non teño ganas de facer exposicións, mais teño que facelas. Fago unha vida pechado na casa, no meu estudo, e ás vegadas, vexo dende a fiestra o Rio da Plata, violeta, ou coor de lama, ou imitando a coor do mar, según lle de. Saímos pouco, cuasi soio a casa de amigos. Lembrámonos moito dos amigos de ahí, das reunións que con vos, Domingo, Piñeiro, etc. Para mín foi unha grande alegría a reunión derradeira na casa de Domingo con motivo do homenaxe a Del Riego. É a derradeira visión leda que lembro de Galicia neste viaxe.
Esto é todo hoxe. A tí, Dónega, prégoche ocuparte do Museo. Ten que ser unha obra de todos nos. Ponte de acordo con Isaac para tratar de arranxar os problemas que poda ter. Non se lle pode deixar soio. Agora non é cousa dél e miña, ten de sere do Patronato. Matinade que o Museo pode ser un centro de expansión cultural extraordinario. Non temos de perder esta oportunidade.
A Pillado remitinlle un artigo encol de “Los Precursores” no seu aspecto gráfico. Non sei si o publicou. Gostoume a reedición que fixo Santiago.
Repito, esto é todo hoxe. Escribide.
Unha aperta fonda para os tres, si Fernando o permite estendédea a sua moza. Saúde:
|
| 1978-02-08 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 08/02/1978
Buenos Aires, 8 de Febreiro de 1978
Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña
Querido Dónega:
Fai uns días escribínche unhas letras de presentación de un médico mozo, Martín Baudizzone, para que ourentases no seu paso por A Coruña e o levásedes, si podíades, a Sobrado. Cecáis constituía esta petición un abuso meu, mais non sei a quen recurrir nestes casos que teña o (sic) teñan a vosa simpatía e amabilidade.
Chegamos eiquí o día 2 de xaneiro, eu con unha gripe moi forte collida en Madride, é esta unha cidade que me enferma, e pasei bastantes días con ela en Buenos Aires. Por agora estou pasando o período de adaptación previo ao meu traballo, aínda que fun facendo algunhas cousas, moi poucas. O vrau decorre como sempre nesta cidade, calor, baixa presión, fresco, choiva, trebóns, alagamentos, grandes ventos, todo alternando ás vegadas nun soio día. Cheguei a tempo para a inauguración de unha mostra de coarenta e cinco grabados meus no Museo de Arte Contemporáneo, propiedade do Museo. Esto é todo no que se refire a este mes que pasou. En canto á casa atopámola como a deixamos, con unha chea de cartas sobor da taboa, e, entre elas, unha do mes de marzal de 1977 de un Museo de Milán, invitándome a unha exposición. Contéstoa estos días non aceptando, agradecéndoa, síntome canso e pensamos continuar dividindo, mentras poidamos, os nosos anos entre esta cidade e Galicia. Cecáis algún día teñamos que decidir.
Recibín unha carta moi eloxiosa de Peregrín Otero con motivo do tomo Obra poética que lle remitín xuntamente cos álbumes que fixen nesa. Agradézolla moito. Non sei nada da preautonomía en Galicia, nin quen constituie a Xunta. Gostaríame me contases algo de todo esto. Unha carta leva menos tempo que un escrito, escríbeme.
Remato con unha aperta moi forte de Maruja e miña para vos os catro, incluio a Milagro e Fernando:
|
| 1978-03-07 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Dónega a Luís e Maruxa Seoane. 1978 en 07/03/1978
A Coruña, 7.III.1978
Maruxa e Luis
Buenos Aires
Queridísimos amigos:
Ao fin, soupemos de vós. Tiñámos noticias indirectas, via Paris, verbo dunha perturbación na saúde de Luis. E preocupámonos. Logo enterámonos de que a cousa non fora seria. E tranquilizámonos. Despois xa nada nos extrañóu a vosa tardanza porque sabíamos do mes que precisades pra vos readapar á vida porteña.
Nós, coma sempre. Fernanda, a todo gas, correndo, bulindo, ordenando, mandando, conducindo, traballando, xestionando e aconsellando sin acougo. Agora quéixase dunhas sístoles e diástoles camiñando ao par dela velozmente, atoladamente, axeitadamente, intermitentemente. Eu non séi que vai ser da miña Fernanda con tanto trafego. O Fernando, cabaleiro namorado, clásico e fillo, neto e bizneto de burgueses, prestando os seus servicios profesionáis a un sindicato obreiro, correa de transmisión –como agora se dí– dun partido político á esquerda do PC. Cousas da vida. E eu, atufado polo bufete e máis polo García Sabell na Academia sin esquecer aos acreedores da Corporación, que andan atrás miña, como tesoureiro, para cobrar.
Falando da Academia, ingresaron nela coa lectura dos seus discursos Eduardo Moreiras (poesía e realidade), Valentin Paz Andrade (o idioma galego no Brasil) e Xenaro Mariñas del Valle (público e teatro). Contestamos, respectivamente, del Riego, Cunqueiro e máis eu. Foron uns belidos discursos, aínda que o Valentin dóunos a murga cunha mala lectura, debida, sin dúbida, polos seus atrancos visuais.
Da nosa preautonomía, nada. O Goberno pisou o freno, paróu o choio e semella virar á dereita. Con todo, vénse observando nestes ultimos dias unha tímida actividade nos partidos políticos galegos, e unha lixeira presión dos parlamentarios sobre o Goberno. Veremos. A min o tema xa me ten aburrido.
O Isaac, como de costume. Quérese decir, argallando. Sigue ás voltas co xornal, coa apertura da tenda de Sargadelos en Santiago, e coas obras do edificio que ha albergar provisionalmente ao Museo. E coa teima iglesiascorrialán. O Rafael Dieste, estupendo. Perfecta, intelixentemente adaptado á súa perda visual, está máis falangueiro que nunca e xeneroso na comunicación dos seus saberes aos demáis. Eu xa lle digo que vou levar un magnetófono disimulado candia min para cando el morra editar libros co meu nome e as súas ideas. Ríse e dí que non estaría mal.
Estou arranxando as miñas cousas para unha viaxata a Salamanca, onde o del Riego, o Baliñas e mais eu estamos invitados –días 16, 17, 18 e 19– a un coloquio sobor La convivencia de culturas en la península Ibérica. Asistirán intelectuáis portugueses, cataláns, vascos e casteláns.
Levamos un inverno bravo. Frio e auga a esgalla. E vós, tan ricamente, coas vosas idas e vidas, vivindo nun perpétuo vran. Así calquera.
Cinguidísimas apertas de nós os catro pra vós os dous.
Dónega
|
| 1978-10-20 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 20/10/1978
Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978
Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña
Querido Dónega:
Onte escribinlle a Diaz Pardo e dígolle que fai meses que non teño noticias tuas, pois suponme informado de moitas cousas das que non teño noticia en absoluto. A tua derradeira carta foi do 5/VIII, na que me invitábades, en nome do Museo, a participar nun xantar a Alvaro Gil, e na que me anuncias poñerme duas letras mais adiante. Non recibín nada e supoño o moito traballo que o impedíu. Pola miña parte traballo arreo no que poido. O 21 remátase a cuarta exposición deste ano e o 9 de Novembro inaugúrase outra de pasteles, sempre con temas de Galicia, que é un país que está a morrer por falta de información axeitada no corazón dos emigrantes. O único que trouxo noticias foi Domingo, que por outra parte confirmou polas suas conferencias a ademiración que xa lle tiñan as xentes de eiquí. Para nos non podo decir canto siñificóu, a pesares de ser recente a nosa estancia en Galicia, e ternos dadas tantas probas de amistade.
Falando de outra cousa, agora en novembro salirá á rua o libro meu, Imágenes de Galicia, setenta e dous grabados en madeira e un prólogo bastante extenso en castelán e galego. Na coleición onde van incorporados os idiomas castelán e inglés. Fáloche de min, non teño outra de que che escribir. En febreiro ou marzo estaremos Maruja e eu nesa. Non sabemos aínda si definitivamente ou por outro ano mais. Non podemos decidirnos.
A fin de ano ou nos comenzos da temporada artística do ano que ven inauguro unha mostra importante da miña obra no Museo da cidade de Santa Fe, un dos grandes museos da Arxentina. (Teño que che decir que as sociedades de “Amigos do Museo” eiquí, e nos Estados Unidos, teñen a sua residencia nos mesmos Museos, tal como o proietaba eu coa esperencia de pertenecer ás sociedades do Museo Nacional de Bellas Artes e Museo Municipal de Arte Moderno de Buenos Aires. O mesmo en todo o resto do meu proieto. Mais non importa. Ese é un capídoo rematado da miña vida social en canto a Galicia e súmase á perda de tantos anos de vida nela, da obra feita por Galicia, fora dela, de tanto soño perante coarenta anos, e das obras de arte galegas que trouxen ao exilio que gardei, adequirín, troquei, etc., e o que mais amei. Cada unha delas ten para unha historia. Unha historia soio pra min).
Supoñemos xa casados a Fernando e Milagro, supoñemos a todos ben. Nos lembrámonos moito de todolos amigos. Non contestes si non tes lecer pra facelo.
Unha grande aperta para ti, Fernanda, Milagro e Fernando, de Maruja e miña:
|