| 1977-04-20 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa:]
Transcripción da Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1977 en 20/04/1977
Guadalajara, 20 abril 1977
Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Policarpo Sanz, 22
Vigo
Benquerido amigo:
Soupen da boa acollida que lle diche ao meu sobriño Florencio e á súa filla Tereixa, que anda a procura dun traballo en Vigo, e douche as gracias.
Polos meus parentes e por carta que che escribín dende Madrid, supóñote enterado do infarto que tiven, naquela cidade, pouco antes da data de volta a México, e que nos obrigóu a retrasar a viaxe. Agora estou moi recuperado. O doutor que me atende fíxome a proba de Bruce por fatiga muscular e respondín moi ben a ela. Di o médico: «Todo ello garantiza un perfecto estado de la función ventricular izquierda y mejora pronóstico que será dirigido a aumentar eficiencia miocárdica». Por outra parte, o doctor que me atendéu en Madrid e máis un terceiro que me viu ao chegar a México, coincidiron na boa recuperación que tiven. Queira Deus que siga a cousa ben.
Seguín, namentras estiven en Madrid e polos xornais, o labor da comisión dos nove, na que tan ben representas a Galiza. Esquí tamén veñen moitas noticias da política española, na prensa da capital e na local, pero fai tempo que non aparece nada relacionado coas vosas xestións. Leo tamén a revista Cambio 16, edición internacional, mais tampouco comenta nada nos derradeiros números. ¿Cómo vai a cousa? ¿Qué posibilidades hai para a nosa causa? Teño moitísimas arelas de coñecer o que pasa e, abusando da nosa amistade, quixera me informaras de todo aquello que non sexa segredo, pois sei que hai cousas que non compre pubricar. Por outra parte, se podo ser útil para algo, conta conmigo.
Qué todo vaia con ben pra Galiza e a democracia «civilizada». Dádesme envexa os que vivides arastora na Terra, pois podedes facer moito por ela.
Garimosas apertas da miña dona e miñas, pra ti, Pilar e o voso fillo. ¡Que a xeira do quince de xuño sexa proveitosa!
Florencio
|
| 1981-06-02 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa:]
Transcripción da Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981 en 02/06/1981
Guadalajara, Jalisco, 2 de xuño de 1981
Benquerido amigo Valentín:
Inda que chegaron cando xa tiña enviado o meu traballo ao Instituto de Estudos Valdeorreses, gracias polos datos encol da túa odisea dos anos da guerra e das túas actividades políticas e galeguistas, pois permítenme coñecer a fondo as túas xeiras de perseguido e o teu espléndido labor a prol da Terra. Emporiso penso que, aínda que sen precisar datas, puiden recoller no meu traballo, de unha maneira polo menos decorosa, os trafegos da túa vida de Valdeorrés adoptivo e galego universal, que queira Deus se prolongue moito para ben da Terra e dos teus amigos, pois aínda hai moito que facer e compre traballar deica o fin e máis agora en que están á porta unhas eleizóns que ben levadas poden mitigar o desalento que a todos nos causou o apoucado espíritu que Galiza demostrou no Referendo.
Polo que me dís, os epígonos do vello Partido Galeguista non dan moito a talla que compre ter nesta emposta da máxima importancia para o pervir de Galiza e da Democracia. Esta túa opinión ven a confirmar a que lle ouvín a Roxelio Rodríguez de Bretaña cando voltou da súa viaxe á Terra fai un ano ¡Qué dor! Mais compre non perder os ánimos e ver que é o que se pode facer e máis en qué podemos axudar os que pola nosa sorte mala vivimos lonxe de Galiza co pensamento posto sempre nela e sentindo decote as súas moitas penas e as súas poucas ledicias. Quixera unha resposta túa, a que queira Deus me traia un pouco de razonabel optimismo.
Sei das xestións que fai o noso bon amigo Gayoso, as que de corazón lle agradezo, inda que non me extrañaría o que non deran resultado, xa que penso que a Diputación de Ourense andará arastora moi ocupada coa revolta política de hoxe en día e non terá tempo nin cartos para un asunto tan secundario coma é o da miña viaxe. De toda-las maneiras gracias polo que facedes por min.
Roxelio Rodríguez de Bretaña falóu fai uns días conmigo. Está tamén moi preocupado pola pouca efectividade do Partido Galeguista. Díxome que aínda non recibira a túa carta.
O Lois Soto tenciona ir a esa a fins deste mes. A ver se tes a sorte de que che dea os datos que lle pediches; mais penso que terás que prescindir deles, e perdón se son mal pensado. De todo-los xeitos penso que lle darás bon acabamento ao libro de Castelao que arelo coñecer.
Ogallá nos vexamos este ano. Dementre cordiais saúdos para ti e a túa dona, da miña muller e meus. Unha forte aperta
Florencio
|
| 1981-06-25 |
|
Ver [Carta mecanografada:]
Transcripción da Carta de Paz Andrade a Delgado Gurriarán. 1981 en 25/06/1981
Vigo 25 de xuño de 1981
Sr. Don Florencio Delgado Gurriarán
Amado Nervo, 35 A – Sector Hidalgo
Guadalajara, Jalisco
Querido Florencio:
Recibo no seu día a túa do 2. Non volvín a ter novas de Pepe Gayoso. Supoño que se atopará en Portela. No mes de setembro teño pensado pasar uns días en Valdeorras, para que o meu neto vaia conocendo aquela terra, onde xa estuvo algúns días. Espero que terei rematada a laboura literaria en que agora ando en torno a figura de Castelao.
Teño xa feito o derradeiro capítulo, a morte en Bos Aires, mais inda me queda que preencher algúns outros dos que somentes teño feito esquemas. Ben ou mal agardo rematar a laboura no mes que ven ou no outro. Teño moito material gráfico inédito ou pouco menos, mais pouco do seu paso por México e Nueva York.
A carta a Roxelio envieina en Abril, como podes ver pol-a copia que vai anexa. Supoño que o que fallou foi o enderezo. Agradecereiche que lle envíes esa folla por si pode axudar algo na reconstrucción dos datos para os capítulos que ainda faltan.
De Luis Soto non volvín a ter novas. Como xa e a segunda vez que anuncia o seu viaxe, non confío moito en que o faga. Cecais a sua saúde non-o permita, que sería o máis lamentable. De calquera xeito, si a vista do que lle digo a Roxelio me podedes fornecer máis datos ou fotografías, agradecereivos que o fagades axiña, pois a cousa está de remate. Non quero deixala inconclusa.
En canto ao panorama político non hubo mudamento importante. Eu, despois das moitas visitas que me fixeron os dirixentes do Partido, cheguei a concebir un plan de relanzamento con a solución dos valores históricos e de outros novos que están en zonas afíns. Desventuradamente para Galicia, ainda que a proposta foi defendida pol-o Segredario Xeral sainte, e por outros elementos, non prosperou. O que para min revela algo moito máis fondo, que a falla de comprensión dos que manexan o asunto, en orden á necesidade de forxar un instrumento forte e dinámico, a altura do movemento histórico que estamos a vivir. Sospeito que se perderá novamente e no sin culpa de moita xente de boa fé, que ainda sendo galeguista non semella ter o ángulo de visión que esixe o cadro actual de forzas que mexen a política da nosa Terra.
Veu a visitarme algunha vez o irmán Cerqueira, do México, co que tuven longa conversa sobre o tema. Sei que asistiu ao Congreso do Partido. Despois non tuven ningunha noticia sua. Non sei que actitude tuvo nas deliberacións, ainda que na conversa conmigo, mostrouse d-acordo coas ideas que lle expuxen.
Supoño que terás recibido oficio da Academia nombrándote correspondente. A min nada me comunicaron, ainda sendo firmante da proposta. De todol-os xeitos penso que o acordo quedou firme.
Pilar enviache o mesmo que para tua dona sua mellor lembranza, coa miña aperta máis cordial,
[Valentín]
|
| 1982-10-21 |
|
Ver [Carta manuscrita:]
Transcripción da Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982 en 21/10/1982
Guadalajara. Jal. 21 outubro 1982
Benquerido amigo:
Hoxe deille fin á leitura do interesantísimo libro Castelao na Luz e na Sombra que tiveche a xentileza de enviarme pola simpática familia Vaqueiro.
Li-no de vagar, como compre cando un libro é bon, para millor saborealo. Deulle forza ás miñas sempre vivas lembranzas da loita galeguista; entre elas a de ter acompañado a Castelao de Monforte ao Barco, xunto con outros bos amigos valdeorreses, cando ía no exprés de Castela camiño do desterro; tamén a convivencia con el en Barcelona nos primeiros meses do 1938. Agora ando a ler de novo Sempre en Galiza (meu meirande tesouro na miña cativa biblioteca pois ten una garimosa dedicatoria do autor), libro que cos naturais axustes aos tempos de arestora, segue vixente como vixente é tamén a túa Marginación de Galicia; tamén repaso a miña colección de A Nosa Terra (1921-1930 e os nos publicados en Buenos Aires), xa que eu tamén vivo sempre en Galiza.
O teu libro é moi bon, moi ameno e moi ben documentado. E a súa publicación é moi conveniente para rescatar a Castelao dos que, coma o noso amigo Soto (q.e.p.d.) queren facelo marxista, ¡Vaiche boa!, cando el, que refugaba a colmea e o formigueiro, dixo con toda craridade no «Adro» de Sempre en Galiza: «sendo galego non debo ser máis que galeguista».
Gracias, moitas gracias polo teu libro e que sigas tendo azos para escreber moitos máis.
Sigo con ansiedade a marcha da política española e galega. Que a xeira electoral do 28 sexa de proveito para a nosa Terra e para a democracia. Xa me contarás.
Aquí segue a crise financiera; mais o país coida seguir adiante pois os recursos que ten son moitos, coma ti ben sabes. Pero esto dificulta posibeis viaxes á terra porque non deixan sacar cartos.
Fortes apertas da miña dona e miños para ti e os teus
Florencio
|