1975
Rama comunica, como boa nova, que a censura aprobou o seu libro «La crisis» para imprimilo en España —era a sexta vez que se solicitaba en once anos—, aínda que suprimiron o capítulo final (1942-1960), sen tocar o esencial nin a tese orixinal; faríao de novo o Fondo de Cultura Económica, que ten casa editora na cidade. Comenta con ironía un decreto que nomearía catedráticos «cerebros recobrados» e a súa propia situación. A familia ben: Rodrigo bastante desilusionado polo seu primeiro curso universitario, con tres meses de folga, e Judith corrixindo estilo en edicións catalás. Aínda non se presentou ao xuíz municipal para «recobrar» a súa cidadanía española polo asunto de Rodrigo, e reflexiona sobre se este, xa inscrito no Rexistro Electoral uruguaio aos dezaoito anos, xa escolleu cidadanía, polo que non habería razón para esperar aos vinte e un. Menciona a apertura dunha galería de Sargadelos en Madrid (Zurbano 46), atendida pola súa amiga Inés Canosa, e dá noticias alarmantes do Uruguai: máis de seis mil cincocentos presos, torturados, despedidos e exiliados.
Notas:
Carta mecanografiada con sinatura autógrafa, á que se anexa un recorte dunha publicación xurídica oficial sobre un caso de renuncia á nacionalidade española (documento público, núm. 1.021). Documento de interese para a cultura galega: cita a galería de Sargadelos en Madrid (Zurbano 46) e a súa responsable Inés Canosa. «FCE»: Fondo de Cultura Económica; «Rodrigo» e «Judith»: fillo e esposa de Rama.