NOTICIA

----

A mostra As xeracións do Monserrat inaugúrase esta tarde en Vigo

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, xunto co alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, e o secretario territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo, Fernando González Abeijón, inauguran esta tarde (ás 20:00 horas) na Casa das Artes a exposición As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. No acto participará tamén Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega. A mostra, comisariada por Xesús Fraga e con deseño de Pepe Barro, constrúe un relato do fluxo migratorio cara ao país británico a través de fotografías, documentos e obxectos pertencentes aos seus protagonistas. O proxecto expositivo poderá visitarse na cidade olívica ata o próximo 26 de maio.

As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido é unha produción do Consello da Cultura Galega coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo. A mostra ten como obxectivo recuperar a memoria das persoas que emigraron ao país británico na segunda metade do século XX. Trátase dunha das correntes migratorias menos visibilizadas e tamén unha das menos numerosas en termos cuantitativos, aínda que entre 1960 e 1974 uns 250 000 galegos e galegas se trasladaron ao Reino Unido para intentar mudar o rumbo das súas vidas. O Monserrat, do que a exposición toma o seu nome, e o seu xemelgo Begoña foron dúas das embarcacións que realizaron esas travesías. A través dos testemuños de traballadores galegos da Compañía Trasatlántica Española, á que pertencían ambos os barcos, amósase a época daquelas viaxes, así como o contexto laboral e a vida familiar da colectividade emigrante.

O boneco que Lourdes e Manolo mercaron en Inglaterra cando naceu o seu fillo Esteban, a primeira libra que gañou Pilar, o xogo de té Royal Vale que Mary adquiriu en Marks & Spencer ou a vaixela Royal Albert que Elena mercou peza a peza semanalmente para o seu enxoval son algúns dos obxectos que compoñen a mostra. Canda eles, expóñense moitos outros documentos, filmacións, fotografías e materiais pertencentes a un total de dezanove persoas, a maioría delas procedentes das zonas da Coruña, Betanzos, Ferrol e A Mariña Lucense, que permiten reconstruír a memoria emocional de varias xeracións de emigrantes que partiron de Galicia con destino ao Reino Unido.

A mostra, que foi inaugurada no Kiosco Alfonso da Coruña en novembro de 2023, chega agora á Casa das Artes de Vigo, onde permanecerá ata o día 26 de maio.

A exposición na actividade do CCG
Este proxecto expositivo insírese no marco dunha liña de acción do Consello da Cultura Galega que busca recuperar e divulgar o patrimonio cultural creado polas colectividades da emigración. Dende a inauguración en 1992 de Galicia e América: cinco séculos de historia, o CCG continuou a traballar a prol da divulgación e visualización do que supuxo o feito migratorio para Galicia, un labor que se concretou noutros proxectos como Nós mesmos, Luces de alén mar, Os adeuses ou Galicia imaxinada nas revistas da emigración.