A xornada busca poñer sobre a mesa os novos espazos abertos no ámbito virtual tras a revolución que se produciu no ámbito das redes sociais e a popularización das plataformas de audio. A xornada divídese en dúas partes. Por unha banda, analizarase a situación galega da man do neurofisiólogo e divulgador Xurxo Mariño; da coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña e produtora do pódcast Onda Ciencia en Cuac FM Cristina Maya, e da bióloga, divulgadora sobre neurociencia e saúde, instagrammer e podcaster Tamara Pazos Cordal. Pola outra banda, daranse a coñecer experiencias que acontecen noutras linguas como o catalán e o éuscaro. Andrea Camacho Manzaneda, ambientóloga, podcaster e membro do colectivo Neurones Fregides (plataforma de divulgación científica en catalán), falará do caso catalán, mentres que Ziortza Guezuraga, responsable de Comunicación Dixital da Cátedra de Cultura Científica da Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, abordará a súa experiencia en éuscaro.
A xornada está organizada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, que coordina Elena Vázquez Cendón. Ademais, con esta actividade tamén se pretende facer unha reflexión actual sobre algúns dos contidos que figuraban no Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia, un documento que fai agora nove anos e no que se identificaban diferentes proxectos e iniciativas que existían en galego para a divulgación científica, así como as estratexias para a comunicación e as súas ferramentas.



