NOTICIA

----

Especialistas de diferentes ámbitos analizan o proceso de implantación das enerxías renovables

A enerxía solar, a eólica…, en resumidas contas, as enerxías renovables son o futuro ante a crise do actual sistema enerxético. Sobre o seu modo de implantación e as diferenzas entre o que acontece en España e no resto de Europa, así como sobre a necesidade de conciliar o impacto a nivel económico, social, patrimonial e ambiental, falarán desde mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) unha ducia de expertos e expertas. A xornada titulada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade” está organizada polas seccións de Pensamento, de Patrimonio e Bens Culturais e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta cita presencial, que poderá seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución.

“Procuramos facilitar unha reflexión serena ao redor dos conflitos que a provisión de diferentes servizos ecosistémicos presentes no territorio provoca, coa crise enerxética no centro da cuestión”, asegúrase no programa desta actividade, que comeza cunha panorámica xeral da situación actual e conta con dúas mesas redondas para atender a cuestións específicas.

A primeira das sesións pretende situar a problemática da cuestión enerxética. Promovida pola Sección de Pensamento, analizará o papel das enerxías renovables tanto desde un punto de vista social como desde a perspectiva de análise das políticas de transición enerxética. Rosa Regueiro, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abrirá os relatorios cunha intervención titulada “A crise enerxética, a crise ecosocial e o papel das enerxías renovables”. Após a súa intervención, Xavier Labandeira, director adxunto do Centro Interuniversitario ECOBAS, afondará sobre as políticas existentes para afrontar o desafío climático e fará énfase nas aproximacións económicas (desde unha perspectiva tanto de eficiencia como de equidade). Labandeira trazará unha fotografía xenérica que permita situar o debate galego sobre a transición enerxética que se desenvolverá ao longo da xornada.

Pola tarde terá lugar a primeira das mesas de debate. Está coordinada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade e moderada por María Luz Loureiro, e nela afondarase nos aspectos socioeconómicos do modelo enerxético en Galicia. Falarán Fernando de Llano Paz, doutor en Economía pola Universidade da Coruña (UDC) e profesor e investigador do Departamento de Empresa da UDC, e Xavier Simón, pertencente á Universidade de Vigo, ao Observatorio Eólico de Galicia e ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais.

Desde o ámbito social, explicarán as súas problemáticas Francisco da Silva, da CIG e do Colectivo Bidán, e mais Eru Louro, presidenta da Comunidade de Montes en Man Común de Antas-A Lama e coordinadora da oposición ao proxecto eólico do Monte Peón. Nas súas intervencións tentarán poñer sobre a mesa a visión social e humana dos procesos actuais, e como cidadanía afectada explicarán a xénese cos conflitos e a contestación social á forma en que se está a proceder en determinados territorios.

Sobre os impactos ambientais e sociais tamén falará Belén Rodríguez Fernández, secretaria executiva da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Farao na última das mesas redondas, que terá lugar o día 6 de xuño, coordinada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais e moderada pola súa secretaria, Teresa Nieto. Nela tamén intervirán Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo e director da Cátedra de Dereito Local da UDC; David Barreiro, do Instituto de Ciencias do Patrimonio-CSIC, e Inés Santé Riveira, profesora titular da USC.