NOTICIA

----

Un volume analiza como se constrúen as identidades lingüísticas

Desde como se expresan as ideoloxías lingüísticas nas interaccións das redes do “Dígocho eu” e a plataforma @emgalego, ata as motivacións dos neofalantes da provincia de Ourense, pasando polos procesos de tradución que os fillos dos migrantes fan ao seus pais... son moitas e moi variadas as casuísticas que se analizan no libro “Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística” que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto de Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaban de sacar do prelo. A directora do ILG, Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo Garra e Miguel Guisantes Alonso, máis Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con diferentes autores do libro presentaron a publicación na mañá deste luns no salón de graos de Filoloxía. O volume xa se pode descargar desde o web do CCG.

O volume editado por Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo-Garra e Miguel Guisantes-Alonso, reúne as contribucións de trece recoñecidos especialistas como Noemi Basanta Llanes, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Ana Iglesias Álvarez, Luke Bishop, Agurtzane Elordui, M. Carmen Parafita Couto, Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño Rojo, Luz Zas Varela, Marta Estévez Grossi, Carme Silva-Domínguez e María Sampedro Mella. As reflexións que conforman o volume nacen do proxecto de investigación “Contacto, cambio lingüístico e ideoloxía en contextos de minorización lingüística” (PID2019-110352GB-I00), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Axencia Estatal de Investigación.

A perspectiva adoptada na obra "recoñece que as linguas non son entidades estáticas, senón construtos sociais en permanente negociación: desde as redes sociais ata as aulas, desde os procesos migratorios ata as dinámicas familiares, as prácticas lingüísticas emerxen como espazos de resistencia, acomodación e creatividade. O humor, a performance, a intermediación lingüística ou a carnavalización convértense así en ferramentas que permiten visibilizar e cuestionar as ideoloxías dominantes".

A obra estrutúrase en dúas grandes sección. Na primeira, “Identidades e ideoloxías lingüísticas”, que analiza as tensións entre autenticidade, estándar e lexitimidade social nas comunidades de fala. Na segunda, “Multilingüismo e contacto de linguas”, centrada nas dinámicas educativas, familiares e migratorias que definen a diversidade lingüística contemporánea. Entre os estudos recollidos, destacan análises que poñen de relevo a complexidade das relacións entre lingua, poder e sociedade.
Un dos traballos iniciais, asinado por Noemi Basanta Llanes e Xosé Luís Regueira, examina as interaccións nas redes sociais entre dous espazos institucionais galegos —#DígochoEu (CRTVG) e @emgalego (AGAL)— que representan posicións normativas diferentes sobre o galego estándar. A través da análise crítica do discurso, o estudo mostra como as redes se converten en novos escenarios de lexitimación e disputa da autoridade lingüística.

Outro estudo, de Luke Bishop, investiga os perfís e motivacións das persoas neofalantes de Ourense, identificando distintos modelos de uso e percepción do galego: “desde quen adopta o estándar normativo ata quen recupera o galego dialectal ou o aprendido na infancia”. A investigación revela que o neofalantismo é un fenómeno diverso e dinámico, afastado das visións simplificadas que o ligaban só ao uso formal da lingua.
Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño Rojo e Luz Zas Varela analizan biografías lingüísticas familiares de varias persoas novas coa intención de "comprender como se constrúen e reproducen as ideoloxías sobre as linguas no contexto educativo e social". Para as autoras "a incorporación das linguas do alumnado nas prácticas educativas contribúe a unha educación máis equitativa e transformadora, que valoriza a diversidade e promove unha aprendizaxe inclusiva".

A pechar o volume, María Sampedro Mella, "ofrece unha análise contrastiva das fórmulas de tratamento usted (castelán) e você (portugués europeo), centrada na súa evolución histórica, usos pragmáticos e percepcións sociais", a revelar "como estas formas, malia o seu prestixio tradicional, se atopan hoxe estigmatizadas en ambas as dúas linguas, aínda que por motivos distintos".