NOTICIA

----

O ciclo “Pensarmos” abre 2026 con Cristina Sánchez Muñoz e unha reflexión sobre os totalitarismos

O ciclo “Pensarmos”, que organiza a sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) ten este xoves (22 de xaneiro, 18:00 horas) unha nova sesión. Baixo o titulo “Derivas totalitarias no século XXI”, Cristina Sánchez Muñoz (Melilla, 1959), filósofa que aborda a violencia contra as mulleres en contextos armados, analizará o contexto actual. A súa intervención terá formato dialogado co profesor de filosofía Antonio Fernández Segade. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e emítese en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Cristina Sánchez Muñoz, profesora de Filosofía do Dereito da Universidad Autónoma de Madrid, é especialista na obra de Hannah Arendt. O seu traballo insírese no ámbito da filosofía política e do feminismo, cunha atención destacada a cuestións como a acción política, a liberdade, a cidadanía, o espazo público e a condición humana, temas centrais na obra arendtiana. Sánchez Muñoz é autora dunha das primeiras monografías no mundo de fala hispana sobre a filósofa e historiadora estadounidense. As súas últimas publicacións están relacionadas co pensamento de Arendt respecto á guerra e tamén aborda cuestións relativas ás teorías da guerra xusta contemporánea, o xenocidio e a violencia contra as mulleres en contextos armados.
A súa intervención terá formato dialogado co profesor de filosofía secundaria, Antonio Fernández Segade.

O ciclo “Pensarmos”
A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo “Pensarmos” en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Daniel Turienzo, María Dolors Comars, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar tanto desde o sitio web institucional como dende a nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola sección de Pensamento, coordinada por Celia Pereira Porto e conta como membros como Rebeca Baceiredo Pérez, Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Bieito Iglesias Araúxo, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.