----

Carlos Taibo analiza os conflitos xeopolíticos no ciclo “Pensarmos”

A nova sesión do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves 7 de maio (na sede da institución, ás 18:00 horas) convida a unha reflexión sobre as guerras actuais da man do escritor e pensador Carlos Taibo (Madrid, 1956). Baixo o título “A guerra como elección” ofrecerá unha intervención en formato diálogado con Celia Pereira, coordinadora do ciclo e tamén da Sección. A xornada poderá seguirse en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Carlos Taibo é un profesor, escritor, editor e pensador nado en Madrid pero de orixe galega, coñecido polo seu traballo no ámbito da ciencia política e polas súas críticas ao sistema capitalista. Foi profesor na Universidad Autónoma de Madrid e destacou por divulgar ideas como o decrecemento, que propón reducir o consumo para lograr unha sociedade máis sostible. Ao longo da súa traxectoria, tamén apoiou movementos libertarios e analizou cuestións como a globalización, o colapso ecolóxico e a crise enerxética, converténdose nun autor prolífico con máis de trinta obras de carácter divulgativo. “A globalización avanza cara un caos que escapa a todo control” é unha das súas frases máis coñecidas.

Firme defensor do anarquismo, Taibo é un analista sobre as transición da Europa contemporánea. Analizou profundamente os conflitos en Europa do Leste e Rusia, ofrecendo una perspectiva que a cotío critica a influencia da OTAN e as dinámicas imperiais no conflito da Ucraína. Nas súas conferencias apunta que non hai ningunha razón sólida que xustifique a intervención rusa en Ucraína. Tamén ten analizado o tratamento mediático da guerra da Ucraína que define como “censura ¬¬- nas que se nega que as potencias occidentais teñen responsabilidades importantes na implicación-, maniqueísmo – ten afirmado que a comunicación pública da guerra parece “un exército asasino o ruso e un grupo de monxas do lado ucraniano” - e o terceiro é unha inquedante rusofobia que alimenta o lado contrario, unha ucranofobia”.

A coordinadora da Sección, Celia Pereira, apunta que nesta cita búscase “reflexionar porque desde os distintos centros de poder neste período se esta a escoller, violencia, guerra e todo tipo de conflitos que aumentaron en intensidade e que adoptan múltiples formas”. Na súa opinión esta reflexión non é só un exercicio intelectual senón que “pretende ofrecerlle á cidadanía elementos para a acción”.

O ciclo “Pensarmos”
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo en marcha o ciclo “Pensarmos” en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar problemas de actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes, como Víctor Sampedro, Cristina Sánchez Muñoz, Daniel Turienzo, María Dolors Comars, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig, por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso das persoas autoras, pódense consultar tanto no sitio web institucional como na canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento, coordinada por Celia Pereira Porto, e conta con membros como Rebeca Baceiredo Pérez, Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Bieito Iglesias Araúxo, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo “Pensarmos”, a sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes do pensamento e a análise da súa conexión con Galicia, como no caso de Pier Paolo Passolini, Eloi Luis André ou Juan Ramón Capella