NOTICIA

----

Abre o ciclo “A cultura como refuxio” cunha reflexión sobre as sociedades da vixilancia

O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Comisión técnica de xestión e políticas culturais e a Sección de Pensamento, abre este martes (2 de xuño, 16:45 horas) a primeira sesión do ciclo “A cultura como refuxio”, unha iniciativa que nace coa vontade de abrir un espazo de reflexión compartida arredor do papel que desempeña a cultura nun contexto marcado pola aceleración tecnolóxica, a crecente dixitalización da vida cotiá e a sensación de exposición permanente que caracteriza as sociedades contemporáneas. “Sociedades da vixilancia” é o titulo desta xornada inaugural que analiza, da man de especialistas como Marta Peirano, o papel da cultura fronte ás lóxicas de control e monitorización. A sesión pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.

Nun escenario onde as fronteiras entre seguridade, privacidade e liberdade son cada vez máis difusas, a Comisión Técnica de Xestíons e políticas culturais – que coordina Paula Cabaleiro-, xunto coa Sección de Pensamento – coordinada por Celia Pereira- aúnan esforzos cun ciclo que pon de manifesto o papel da cultura como un ámbito privilexiado para o pensamento crítico, a creación de alternativas e a defensa da autonomía cidadá.

Abre os relatorios Marta Peirano, xornalista e investigadora especializada na análise das relacións entre tecnoloxía, poder e sociedade. Considerada unha das voces máis relevantes do ámbito hispano na reflexión sobre a vixilancia dixital, a privacidade e os impactos políticos das grandes plataformas tecnolóxicas, Peirano é autora de obras de referencia como El enemigo conoce el sistema, traducida a diversas linguas e convertida nun texto fundamental para comprender os mecanismos de control e extracción de datos que operan no ecosistema dixital contemporáneo. A súa participación artellarase a través dunha conversa coa xornalista cultural Uxía Caride, centrada nos desafíos que as sociedades da vixilancia presentan para as democracias, a cidadanía e a creación cultural.

A sesión completarase cun bloque de relatorios que abordarán estas cuestións desde diferentes disciplinas e perspectivas. A investigadora Marina García Canedo presentará a intervención titulada “Body monitoring: panóptico e corpo feminino”, unha reflexión sobre os dispositivos de monitorización corporal e a súa incidencia específica sobre os corpos das mulleres, explorando as relacións entre tecnoloxía, control e construción social do xénero.

Pola súa banda, Roberto Pascual, dramaturgo, investigador e unha das figuras máis destacadas da xestión e pensamento teatral en Galicia, ofrecerá o relatorio “Teatros de resistencia: crear, pensar e habitar fronte ao control”. Pascual foi director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia durante máis dunha década e desenvolveu unha intensa actividade na reflexión sobre as artes escénicas como ferramentas de transformación social, pensamento crítico e creación de espazos alternativos de convivencia.

A xornada concluirá cun debate aberto moderado por Uxía Caride e Ricardo Fandiño, que permitirá poñer en diálogo as distintas perspectivas abordadas ao longo da tarde e fomentar a participación do público.

Con esta primeira sesión, A cultura como refuxio inicia un percorrido que reivindica a capacidade da cultura para actuar como espazo de encontro, cuestionamento e resistencia nun tempo marcado pola sobreexposición, a automatización e as novas formas de control. Pensar colectivamente, compartir coñecemento e construír relatos alternativos convértese así nun exercicio de liberdade e nunha práctica imprescindible para afrontar os retos do presente.