Na sesión, presentada e coordinada por Celia Pereira, Vallín achegará ao debate a súa experiencia como xornalista e ensaísta e o interese que nos últimos anos vén mostrando polas relacións entre tecnoloxía, cultura, política e sociedade. Autor de C3PO en la corte del rey Felipe, Verdades penúltimas, escrito en conversa co filósofo Javier Gomá, e Casandra y yo, un libro-entrevista coa intelixencia artificial publicado en 2025, Vallín traballa tamén no ensaio Contra lo genuino, no que reflexiona sobre as transformacións antropolóxicas e culturais do presente.
Pola súa banda, Alba Meijide achegará unha perspectiva vinculada directamente ao desenvolvemento e á aplicación profesional da intelixencia artificial. Licenciada en Intelixencia Artificial pola University of Manchester, desenvolve proxectos para empresas nacionais e internacionais en ámbitos como a medicina, os efectos visuais, a animación, o turismo ou o sector legal. A súa experiencia abrangue tamén proxectos de computer vision e iniciativas de divulgación e aplicación ética e colaborativa da IA no ámbito audiovisual.
A conversa permitirá así abordar a intelixencia artificial desde diferentes ángulos: as súas posibilidades e límites, o impacto nas profesións creativas, a relación entre tecnoloxía e creación, as transformacións sociais que está a provocar e as preguntas que xorden arredor da presenza humana detrás das ferramentas que empregamos.
O ciclo “Pensarmos”
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo en marcha o ciclo “Pensarmos” en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar problemas de actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes, como Carlos Taibo, Víctor Sampedro, Cristina Sánchez Muñoz, Daniel Turienzo, María Dolors Comars, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig, por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso das persoas autoras, pódense consultar tanto no sitio web institucional como na canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento, coordinada por Celia Pereira Porto, e conta con membros como Rebeca Baceiredo Pérez, Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Bieito Iglesias Araúxo, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo “Pensarmos”, a sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes do pensamento e a análise da súa conexión con Galicia, como no caso de Pier Paolo Passolini, Eloi Luis André ou Juan Ramón Capella



