----

O CIDF sobe á rede novas publicacións feministas co gallo do 8 de marzo

Cada 8 de marzo, o Consello da Cultura Galega a través do Centro de Documentacion en Igualdade e Feminismos (CDIF) actualiza o seu proxecto A Saia, o repositorio de publicacións feministas e LGBTIQ+ que mantén co ADHUC Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona. Nesta ocasión inclúe unha nova cabeceira e diversos números que axudan a coñecer mellor os movementos feministas e LGTBIQ+ e a historia contemporánea.

Nesta nova actualización do proxecto A Saia inclúese unha nova cabeceira, Alborada, que foi publicada en Vigo en 1966 por mulleres vinculadas ao partido comunista de España. A coleccións consta de 2 números un dos cales tivo unha escasa distribución. Ademais, engádese o que se denomina nº6 bis da revista Area, un número localizado no Centro de Documentación e recursos feministas de Vigo e que completa a colección que se fixera pública en 2018. Area é unha publicación da organización Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), que ten como obxectivo promover o feminismo nacionalista, favorecer a participación das mulleres na propia publicación e actuar como voceiro da organización. Os eixos de debate son: os dereitos e a vida das mulleres, a sexualidade, o ámbito laboral, o independentismo, o pacifismo, a emigración e o desenvolvemento.
Nesta actualización tamén se suben 26 novos números da segunda época de Andaina, publicación da organización Andaina de Mulleres. Correspondense ás publicacións realizadas entre 1999 e 2008.

O proxecto
A Saia é a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. Por iso, o repositorio que documenta as publicacións feministas e do movemento LGBTIQ+ leva o seu nome. Foi creado en 2012 polo CCG, a través do seu CFDIF (antes Comisión de Igualdade), e oADHUC - Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona. O obxectivo último desta proposta pasa por poñer progresivamente á disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos movementos feministas e LGTBIQ+ e na historia contemporánea.

Nestas publicacións pódense documentar con moito detalle os debates sobre as accións reivindicativas, o pensamento e as formas de creación xeradas así como as recorrentes revisións sobre a articulación do suxeito político do feminismo. Para facilitar o acceso aos contidos de cada cabeceira, a edición dixital compleméntase cun Índice documentado. Nestes documentos en pdf recóllense polo miúdo datos que non teñen cabida no índice convencional e resulta de grande utilidade porque reúne todos os índices de cada cabeceira, engadindo, cando é o caso, información sobre autorías asinadas con pseudónimo, nomes incompletos ou colectivos, así como un listado de siglas citadas. Este documento é de grande utilidade para ter un coñecemento global dos contidos de cada cabeceira e para a investigación.