“Intersections of Migration and Work” é o título da trixésimo terceira edicióndo encontro anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI). Un encontro que xuntou durante tres días en Liubliana (Eslovenia) aos representantes de entidades migratorias en toda Europa cun programa que deita a súa ollada sobre a diáspora migratoria desde unha perspectiva de xénero. Nel participa o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).
29/09/2023
28/09/2023
Estados Unidos non foi un dos destinos prioritarios para a emigración galega, que tivo outras áreas receptoras máis importantes como Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil ou México. Con todo, algúns estudos contabilizan entre 1900 e 1924 preto de duascentas mil persoas. “A emigración galega nos Estados Unidos” é o título do novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. Esta edición amosa en vinte imaxes e documentos algúns dos momentos da emigración aos Estados Unidos, que contou con nomes importantes como Castelao, Osorio-Tafall, José Rubia Barcia, Ramón Suárez Picallo ou Lois Tobío, entre outros.
22/09/2023
Hoxe comeza en Ourense o XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, órgano representativo dos galegos do exterior a través das entidades asentadas fóra de Galicia que teñen a condición de “comunidade galega” no Rexistro da Galeguidade. A esta xuntanza asiste o xerente do Consello da Cultura Galega (CCG), Marcelino Fernández. Alí falará do proxecto de creación dun Museo de Emigración e doutras iniciativas desenvolvidas pola institución coma o proxecto de xeolocalización das Escolas da Emigración. Ademais, esta semana tamén se incorpora ao Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do CCG, a colección completa de El Eco de Teo, publicado en Bos Aires polas sociedades de emigrantes do distrito de Teo e Vedra en Arxentina.
27/07/2023
O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos a acción filantrópica do indiano Fernando Blanco de Lema (Cee, 1796- A Habana, 1875). A construción de varias escolas, un novidoso plan educativo, a apertura dunha farmacia con medicamentos subvencionados ou a instalación da luz eléctrica son algunhas das accións filantrópicas desenvolvidas por este emigrante na bisbarra fisterrá no século XIX .
20/07/2023
"Cada escuela que se abre, es una cárcel que se cierra". Unha frase de Concepción Arenal era un dos lemas da revista ilustrada que editaba mensualmente na Habana a sociedade "Vivero y su comarca". O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), inclúe este mes catro números desta publicación.
22/06/2023
A principios do século XX, a emigración galega en América uniu os seus esforzos para financiar obras filantrópicas que contribuísen á mellora e ao progreso cultural nos seus lugares de orixe. Agrupados en sociedades étnicas territoriais ou ben de xeito individual e desinteresado, moitos indianos mariñaos destinaron a súa fortuna á construción de escolas e ao financiamento de diversas obras públicas. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes algúns destes proxectos, entre os que sobresaen os numerosos centros educativos construídos en diferentes parroquias da Mariña lucense.
15/06/2023
Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente na Arxentina entre os anos 1924 e 1932, período durante o cal se difundiu a cabeceira. Editada pola Empresa Céltiga. Sociedad Anónima Cooperativa Limitada, concibiuse como unha revista cultural ilustrada de liña galeguista e nela colaboraron figuras tan destacadas como Castelao, Maside, Suárez Couto, Francisco Asorey ou Luis Ksado. A publicación completa foi dixitalizada hai case unha década e incorpórase agora ao Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).
12/06/2023
Nos últimos dez anos as axencias internacionais contabilizaron os desprazamentos de 80 millóns de persoas. “ É o maior problema humanitario do noso tempo” asegurou Javier Rodrigo no marco da súa intervención na cita “Refuxiados, exiliados, desprazados” que organizou este luns o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Na cita, diferentes especialistas alertaron da ambivalencia dos conceptos refuxiados e exiliados, ademais de asegurar que os grandes movementos de persoas xa non son só por motivos políticos, xa que hai violencias sexuais e ambientais entre as causas dos desprazamentos. Todas as intervencións están dispoñibles desde a canle de Youtube da institución.
07/06/2023
Hijas de Galicia foi unha institución pioneira na historia da emigración galega da primeira metade do século XX. Creada na Habana en 1917 cun fin asistencial, mantivo a súa actividade ata o ano 1960. Durante ese período, ofreceu atención sociosanitaria ás galegas emigradas e prestou especial atención ás situacións de vulnerabilidade que estas sufrían, sobre todo ás vinculadas coa trata e tráfico de mulleres. Ademais, desenvolveu un papel crucial nos inicios do feminismo galego e cubano. María Xosé Porteiro García é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
25/05/2023
No último terzo do século XIX, as asociacións de emigrantes galegos iniciaron un importante labor editorial ao pór en marcha diferentes xornais, boletíns e revistas. Ademais de manter informada a colectividade, estas publicacións contribuíron a crear unha conciencia política e cultural propia para os e as galegas. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, escolma algunhas das cabeceiras editadas polas sociedades de emigrantes en América e Europa durante o século XX.
16/05/2023
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora 23 números da Revista del Centro Gallego. Voceiro oficial do Centro Gallego de Montevideo, entre as súas páxinas incluía novas sobre a propia entidade editora, así como outras que daban conta da actualidade galega e española. Os números que se dixitalizaron neste mes de maio corresponden a diversos exemplares publicados entre os anos 1926 e 1929, cuxos orixinais se atopan depositados no AEG.
08/05/2023
Reflejos en las orillas del Sena é un poemario de carácter social que José Pastoriza Soto escribiu coa vontade de testemuñar os padecementos do colectivo exiliado. O libro, que saíu do prelo en París no ano 1975, acaba de ser publicado na colección Clásicos da Emigración, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración recuperan, en edición facsimilar comentada, obras fundamentais para entender o fenómeno migratorio. Nesta ocasión, os historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira son os encargados do estudo introdutorio no que se analiza a obra e a figura de Pastoriza, así como o contexto en que viviu. A publicación está dispoñible para consulta e descarga no web institucional do CCG.
27/04/2023
Arxentina foi un país de acollida para milleiros de emigrantes e exiliados galegos que, desde a outra beira do Atlántico, participaron activamente na configuración social e política de Galicia. No territorio austral, puxeron en marcha un importante movemento asociativo co que buscaban a integración dos e das emigrantes, ao tempo que procuraban preservar a identidade cultural galega. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, leva por título “As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina” e amosa en vinte imaxes e documentos algún exemplos representativos destas sociedades.
20/04/2023
“Falareilles da patria aos desterrados, da libertade e redencións aos servos”. Estes versos de Curros Enríquez eran o lema de Galicia, o xornal editado pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina como continuación da cabeceira El Despertar Gallego. 105 números desta publicación, os editados en 1932 e 1933, incorpóranse este mes ao Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).
14/04/2023
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas, recibiu esta mañá a visita de Dietmar Osses, director do LWL Museum Zeche de Hannover, e Cathrine Hermansen, directora do Museo da Inmigración Danés, ambos os dous membros da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI). A xuntanza é preparatoria da asemblea anual destas entidades que terá lugar en Liubliana (Eslovenia) e supuxo tamén a visita ás instalación do Arquivo da Emigración Galega onde coñeceron os fondos e proxectos que desenvolve este centro.
23/03/2023
O movemento asociativo daqueles galegos e galegas que emigraran alén mar agromou nas primeiras décadas do século XX. Foi nese momento cando en países como Arxentina ou Cuba se empezaron a establecer numerosas sociedades microterritoriais coas que os emigrantes buscaban fomentar o progreso e mellorar as condicións de vida nas súas localidades natais. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos algúns dos fitos acadados por estas sociedades de emigrantes galegos en Cuba.
16/03/2023
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora 51 números da cabeceira A Nosa Terra. Editada pola Irmandade Galega de Bos Aires entre os anos 1942 e 1972, a publicación, de carácter político, tiña como fin principal informar dos propósitos dos grupos nacionalistas de Bos Aires e América. Ademais, tamén se incluían novas sobre a situación da colectividade e de Galicia. Os exemplares dixitalizados que se agregan neste mes de marzo pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1944 e 1972 e, malia que a maioría deles están depositados no AEG, tamén se incorporaron algúns cedidos por Xosé María Rei Lema do fondo de Roberto Veloso, cuxo orixinais se conserva na Biblioteca de Baio.
16/02/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguraron esta mañá na localidade a mostra Os adeuses. Trátase dunha exposición que documenta os últimos momentos da emigración galega a América a través de 51 fotografías realizadas por Alberto Martí nos portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Estará aberta ao público no Multiusos da Xunqueira ata o 28 de febreiro e chega a Redondela logo dunha itinerancia por numerosos destinos de España, Portugal, Brasil e Estados Unidos.
16/02/2023
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), completa a totalidade dos números que conforman a cabeceira Acción Gallega. A publicación, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tiña como fin principal informar sobre a propia Federación e as sociedades que a integraban. Ademais, incluía artigos e comentarios para dar conta da situación en que se atopaban España e Galicia tras a Guerra Civil. Os 18 exemplares que se incorporan neste mes de febreiro supoñen o total dos números que publicou a cabeceira baixo o nome Acción Gallega durante o ano 1944.
27/01/2023
Mestra de profesión, a actividade de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954) estivo estreitamente vinculada ao colexio do Centro Galego da Habana, no que traballou como docente e onde chegou a ser unha das súas máis distinguidas profesoras. Ademais, tivo un destacado papel no movemento societario galego e, en especial, na defensa a prol da mellora da situación das mulleres emigradas. A aparición de novos documentos, como o discurso que pronunciou no I Congreso Nacional de Mujeres, celebrado na Habana entre o 1 e 6 de abril de 1923, motivaron a revisión e actualización da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). A entrada é autoría de Prudencio Viveiro.
26/01/2023
Gumersindo Busto dedicou gran parte da súa vida ao desenvolvemento da Biblioteca América, unha iniciativa coa que o filántropo compostelán buscaba contribuír ao progreso educativo e cultural da súa cidade natal. Inaugurada en 1926, o seu esforzo traduciuse en recompilar todo tipo de obras científicas e literarias latinoamericanas para crear un gran fondo documental que, aínda a día de hoxe, constitúe un importante legado para a cultura do noso país. Sobre as arelas de Gumersindo Busto e o proceso de organización da Biblioteca América afonda o novo especial de Historias de ida e volta, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. A entrega consta de vinte documentos e imaxes nas que se poden ver o acto da súa inauguración, o primeiro número do seu boletín ou a portada do primeiro catálogo cos seus fondos.
19/01/2023
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 17 novos números da cabeceira Eco de Galicia. A publicación, editada pola Empresa de Publicidad Galiciana da Habana, incluía artigos informativos sobre as institucións galegas creadas en Cuba e tamén noticias sociais, artigos políticos e traballos históricos, xeográficos, económicos ou culturais, así como unha "páxina nazonalista". Os números que se incorporan neste mes de xaneiro pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1918 e 1923, que foron depositados no AEG por Pilar Cagiao.
05/01/2023
Entre o terceiro Reich e os aliados. Galicia e a Segunda Guerra Mundial é o último que o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de sacar do prelo. Recolle os relatorios presentados e debatidos na xornada homónima que a institución acolleu nos días 13 e 14 de abril de 2021, no que un grupo de expertos e investigadores afondaron sobre o papel non neutral de Galicia no conflito bélico. A publicación, que conta con 500 exemplares impresos, xa pode descargarse desde o web do CCG.
22/12/2022
O 8 de novembro de 1908 fundouse en Lisboa a sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, unha iniciativa posta en marcha por 38 mozos emigrados que querían crear unha «casa galega» na capital portuguesa. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, afonda na historia deste movemento asociativo a través de vinte imaxes e documentos que amosan, por exemplo, os integrantes da súa primeira directiva ou os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade.
15/12/2022
O Repertorio da prensa da emigración galega agrega 19 novos números editados por diversas sociedades microterritoriais de emigrantes galegos en Arxentina. O Centro del Partido de Carballino, a Unión Residentes de Santiago de Compostela ou o Centro Recreativo del Partido de Becerreá son algunhas das entidades editoras das publicacións que se incorporan neste mes de decembro, entre as que se poden atopar números datados da década de 1940 e tamén algúns dos anos 30 e 50.
07/12/2022
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez, máis a presidenta da Asociación Cultural Rebulir, Sandra González Sousa, inauguran este venres (18:00 horas) en Ramirás a mostra Luces de alén mar, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver no centro de saúde ata o 31 de decembro.
30/11/2022
Fernando Blanco de Lema (Cee, A Coruña, 1796 - A Habana, Cuba, 1875) mudou a historia de Cee cando, tres días antes do seu falecemento, expresou a súa vontade de destinar o seu capital á fundación dun colexio de primeira e segunda ensinanza na súa vila natal. Este desexo traduciuse na construción do actual IES Fernando Blanco e da antiga Escola de Nenas, dous centros que foron o motor educativo e cultural de Cee naquela época. A súa biografía no Álbum de Galicia é autoría de Darío Areas Domínguez.
24/11/2022
Desde mediados do século XIX, pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentáronse en Cuba, onde traballaron na frota pesqueira, no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Neste tempo, conseguiron dominar o sector da pesca na badía da Habana e mesmo no golfo de México. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos os labores desempeñados por estes emigrantes galegos no sector pesqueiro, fundamentalmente, pero tamén noutras actividades relacionadas co comercio, a hostalaría ou a explotación do carbón.
17/11/2022
O Repertorio de prensa da emigración, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega, suma 24 novos números da revista Acción Española, órgano oficial do Centro Gallego de México. Foi unha publicación creada para informar a colonia española residente en México sobre as diversas entidades de emigrantes españois que traballan a prol dos seus intereses. Conta con moitas noticias sobre a política e os políticos españois do momento, así como dos mexicanos.
10/11/2022
Os bicos feridos de Ana R Figueiredo é a novela que inaugurou unha xeración na literatura galega. “Son a xeración da nova diáspora que se caracteriza pola importancia das voces femininas, pola idea de fracaso fronte a idea de liberdade e emancipación e a cuestión transxeracional e que agora está nun período de emerxencia” explica María Alonso, coordinadora da xornada “Narrrativas da nova diáspora galega” organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante un día especialistas de diferentes universidades abordaron as características desta nova xeración e as súas manifestacións na literatura, no audiovisual e no transmedia que se afasta con forza do estereotipo antigo da emigración. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou a importancia deste encontro que forma parte das liñas de preocupación do CCG en atender ao que significa a emigración para a cultura galega.


