Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” celebrada esta tarde nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”, acompañados polo grupo de metais “Hércules Brass” e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos” (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita.
Resultados da busca para: 'Xesús Vázquez Abad'
Amosando noticias 1 a 8 de 8


