Cando en 1914 Pedro Vindel descobre o pergamiño que contén as cantigas de amigo de Martín Códax, marca un fito na historia da música. Aquel documento, chamado Pergamiño Vindel e conservado na Morgan Library de Nova York, contiña os textos das sete cantigas e as notacións musicais de seis delas. Sobre o texto orixinal xorde a publicación Catro visións contemporáneas sobre as cantigas de Martín Códax que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o presidente da Asociación Galega de Compositores, Xosé Carlos Seráns. Ambos os dous destacaron a relevancia desta publicación que permite enriquecer o patrimonio musical galego e pon a disposición da cidadanía interpretacións para voz e piano das cantigas de amigo elaboradas por catro compositores galegos. Alejo Amoedo é o coordinador deste proxecto, que se completará en outubro cunha xornada sobre Martín Códax e a literatura medieval, así como cun concerto no que se poderán escoitar estas novas composicións.
Ler máis
Resultados da busca para: 'Xosé Carlos Seráns'
Amosando noticias 1 a 1 de 1


