A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, presentou na mañá deste xoves na sede do CCG o proxecto “Otero Pedrayo, unha conversa contigo”, un chatbot conversacional que permite dialogar con Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 – 1976) como se o propio autor respondese. “É un uso cultural da Intelixencia Artificial desde unha perspectiva humanista” apuntou Vilavedra na rolda. Xosé Antón López Silva, oteriólogo e representante da Fundación Otero, mantivo un diálogo coa ferramenta, que non “inventa” a Otero, senón que constrúe cada resposta a partir dun corpus documental verificado —a súa obra ensaística e narrativa, os seus epistolarios, as súas guías de viaxe e a bibliografía crítica—. Un corpus intelectual facilitado pola editorial Galaxia que, en palabras do seu director, Marcos Calveiro, “abre unha nova posibilidade de aprender sobre a obra de Otero”. Manuel Gago, coordinador de proxectos dixitais do CCG, explicou que o proxecto funciona mediante unha arquitectura de recuperación aumentada (RAG, Retrieval-Augmented Generation) que ancora a fala do bot en pasaxes reais e trazables “programado para ser fiel á fonte orixinal”. A presentación encaixa dentro dos proxectos do CCG para este Ano Oteriano 2026.
Ler máis